Jácome, Ojea e o PP votan en contra do comercio local bloqueando a reactivación inmediata do proxecto da praza de abastos da ponte proposta polo Psdeg-Psoe

A moción dos socialistas para instar ao Concello a conceder o premio Clara Campoamor ás mulleres concelleiras en democracia foi aprobada cos votos en contra do BNG e do “microgoberno”

Publicidade

Os socialistas conseguiron o apoio unánime da corporación para a reapertura da ludoteca das Lagoas, nun pleno que rematou co abandono dos socialistas ante o “maltrato” do alcalde a unha edil

O PSdeG-PSOE conseguiu a aprobación no pleno municipal extraordinario deste venres dunha moción para instar ao Concello de Ourense a realizar todas as xestións oportunas para a reapertura e posta en funcionamento da praza de abastos da Ponte neste ano 2021, un edificio que leva seis anos “no absoluto abandono” polo desleixo dos gobernos do PP e de Democracia Ourensana. A iniciativa saíu adiante, malia o voto de Jácome, Ojea e o PP en contra dos intereses do pequeno comercio local e da veciñanza do barrio da Ponte.

Juana Ageitos defendeu unha proposta na que os socialistas solicitaban ao goberno municipal a creación dun grupo de traballo transversal para a apertura do edificio e a adopción das medidas oportunas co fin de acadar a súa apertura ao público, ante o grave prexuízo que a situación actual de peche ocasiona a comerciantes, hostaleiros, veciños da Ponte e ao resto da cidade.

Neste sentido, Ageitos afeoulle a Jesús Vázquez que “o pouco que fixo” o fixera “a empurróns e sen ideas” cando era alcalde, e acusou a Jácome de facer “demagoxia”, despois de anunciar no seu programa de goberno que abriría o edificio da praza en 90 días. A concelleira socialista animou a todos os grupos a “traballar unidos” para sacar adiante un proxecto ao que, asegurou, só lle falta “vontade política”.

Por outra banda, o partido socialista logrou que o pleno municipal aprobase unha moción para instar ao Concello a facer un acto de recoñecemento ás 60 mulleres concelleiras da democracia (1979-2023) a través da concesión do XV Premio Clara Campoamor. A iniciativa saíu adiante co voto en contra do BNG e do “microgoberno”, que rexeitaron aceptar a iniciativa. Non obstante, recibiu o apoio do resto da corporación e foi aprobada cunha emenda presentada polo PP á que os socialistas votaron favorablemente ao considerar que “enriquece” o texto orixinal.

A iniciativa foi defendida pola vicevoceira do grupo municipal socialista, Natalia González, quen comezou a súa defensa expresando a súa repulsa ante a situación vivida esta semana pola futura alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, quen foi vítima de ataques misóxinos e machistas nas redes sociais. “Tivo que sufrir insultos machistas porque vai ocupar un posto de responsabilidade e por ser muller”, condenou a socialista.

“Nos últimos seis anos procedeuse ao desmantelamento das políticas de igualdade en Ourense. Estamos nun punto de inflexión no que hai que volver pór en valor estas iniciativas, e queremos facelo a través do papel da muller en política posto que a súa participación neste ámbito é proporcional á necesidade da sociedade de avanzar en igualdade”, puxo González de manifesto. Así, a socialista subliñou que o grupo trasladará ao Consello Municipal da Muller esta candidatura para que sexa considerada dentro do proceso regrado para a adxudicación do XV Clara Campoamor.

González lamentou que o goberno local só funcione “a rebufo”, se ben cualificou de “vitoria” que a iniciativa dos socialistas actuara de revulsivo para a convocatoria do premio por parte do Concello. Así mesmo, a vicevoceira do grupo socialista municipal afeoulle a Jácome que descoñeza o nome dunha das principais impulsoras dos dereitos das mulleres como é Clara Campoamor, despois de que o alcalde se referira ao premio que leva o nome da histórica sufraxista como “Clara Amor” e se ausentara do pleno durante a exposición da moción, amosando así o seu “total desinterese pola igualdade e o feminismo”.

Unanimidade para a apertura da ludoteca das Lagoas

Así mesmo, o grupo municipal socialista conseguiu que a corporación apoiase de forma unánime a reapertura da ludoteca das Lagoas e a posta en marcha dun proxecto piloto de canguraxe, “tan necesario no contexto da grave crise sanitaria que viven as familias”.

A concelleira Concha García lamentou que un espazo de 250 metros cadrados, que se reformou cos fondos do plan E, estea “pechado, abandonado e cun alto grado de desleixo” polo desmantelamento das políticas sociais na cidade a cargo do PP e de Jácome

Abandono do pleno

Os socialistas comunicaron ao pleno a súa decisión de abandonar a sesión despois de que o alcalde insultase á concelleira Natalia González durante o longo debate que tivo lugar a raíz dunha moción do PP sobre o AVE. Así, Jácome acusou á vicevoceira socialista de ser unha “jetas”, despois de que esta apuntara á falta de peso político do rexedor na defensa dos intereses de Ourense coa alta velocidade. Ademais, o alcalde manifestou que o partido socialista de Ourense é “unha merda” para Madrid e acusou a González de mentir na súa defensa a respecto das alegacións presentadas no seu día polo grupo municipal socialista ao proxecto da estación intermodal.

Desde o grupo socialista condenan enerxicamente os insultos do alcalde á concelleira, e consideran “intolerable” que o máximo representante da cidade lle falte ao respecto, de forma reiterada, á oposición e á cidadanía.  Consideran que os políticos e as institucións deben ser exemplarizantes e pídenlle a Jácome que pida desculpas de xeito público.