O Psdeg-Psoe tilda o proxecto da praza Concepción Arenal de “delirio irrealizable” e pídelle a Jácome que deixe de “despilfarrar” diñeiro público en proxectos inviables

Os socialistas advirten que se trata dunha nova “estafa” e anticipan que terá o mesmo percorrido que tiveron os anuncios do rañaceos, do mapamundi, do parque acuático ou das piscinas infinitas

Alertan de que Jácome está a encargar estudos a través de contratos menores  sabendo  que  “non  sairán  adiante”,  e  denuncian  que  o rexedor “xogue ao Monopoly” cos intereses e cos cartos da veciñanza

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia unha nova “estafa” aos veciños e veciñas de Ourense despois de que Jácome presentase publicamente o anteproxecto de soterramento e peonalización da Praza Concepción Arenal, unha obra que os socialistas tildan de “delirio irrealizable” e sobre a cal anticipan que terá o mesmo percorrido que tiveron outros “megaproxectos” do alcalde como foron o rañaceos, o mapamundi, o parque acuático ou as piscinas infinitas.

Os socialistas advirten que o proxecto é “totalmente inviable” dada a magnitude das obras a realizar e porque non cumpriría cos requisitos sectoriais marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio e pola Confederación Hidrográfica do Miño- Sil.

“A proximidade da Ponte Romana e a súa contorna imposibilitan calquera actuación que poña en risco este ben de interese cultural”, alertan desde o grupo municipal socialista. Ademais, parte dos terreos afectados polo desenvolvemento da actuación “estarían en zonas de risco de inundabilidade e de restricións viarias pola proximidade dos ríos”, engaden os socialistas de Ourense.

Unha “pataca quente”

Desde o grupo municipal socialista aféanlle a Jácome que encargue estudos a través  de  “contratos  menores”  para  proxectos  “que  sabe  que  non  sairán adiante” e sinalan que o propio rexedor chegou a afirmar que a actuación de Concepción Arenal “non se levará a cabo neste mandato”, deixando a “pataca quente” nas mans do seguinte equipo de goberno, que “loxicamente non poderá executalo nunca”.

Así,  os  socialistas  critican  que,  no  pasado  mes  de  outubro,  o  Concello adxudicase  “por  valor  18.137,90  €”  o  contrato  para  a  redacción  do anteproxecto  de  peonalización  da  Praza  Concepción  Arenal,  “coa  única finalidade de contentar os adxudicatarios”. Rexeitan así o que consideran un “despilfarro” de diñeiro público e pídenlle a Jácome que deixe de “xogar ao Monopoly” cos intereses e cos cartos dos veciños e veciñas de Ourense.