A Deputación de Ourense cede instrumentos do seu taller musical para a mostra de Afonso X

A Deputación de Ourense vén de ceder instrumentos do seu obradoiro musical para a exposición sobre Afonso X, O Sabio, un proxecto que o Consello da Cultura Galega organiza coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia sobre un dos persoeiros clave da historia de Galicia, no que destacou a súa capacidade intelectual. 

O obradoiro de instrumentos, que dirixe Manuel Brañas, colabora coa exposición achegando unha Rota e un Organistrum, réplicas do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, e unha zanfona das Cantigas de Santa María de Alfonso X. A exposición inaugúrase o vindeiro 12 de xaneiro en Santiago de Compostela, na Igrexa da universidade, e o 1 de maio trasládase ao Centro Cultural “Marcos Valcárcel” ata setembro. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Os instrumentos que aporta a Deputación de Ourense formarán parte da mostra e tamén das actividades paralelas, como conferencias e concertos didácticos con música das Cantigas de Santa María, interpretacións nas que se utilizarán ditos instrumentos. 

Esta exposición enmárcase nas actividades do Ano Xacobeo 2021, nas que participa a Deputación de Ourense, neste caso para conmemorar o 800 aniversario do nacemento do rei Afonso X de Castela, León e Galicia. O obxectivo da exposición é presentar a figura de Afonso X, os seus avatares políticos, o labor cultural e a súa relación con Galicia. Presentaranse de forma áxil e lúdica o mundo galego e europeo medieval mediante os textos, as miniaturas e a música dos manuscritos das Cantigas de Santa María, así como da obra lírica profana afonsina. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destaca “a honra que supón homenaxear a Afonso X, quen asombrou coa súa capacidade intelectual e a súa obra literaria, científica, histórica e xurídica, e por suposto coas Cantigas de Santa María”, salientando que con esta exposición “iniciamos unha senda de colaboración que no futuro seguirá desenvolvendo proxectos que, como este, afondan na nosa identidade como pobo”.