Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

IES CHAMOSO LAMAS

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

En decembro de 1884, deixando asinado o prólogo de El cisne e formalizada, aínda que non nos papeis, a separación de Pepiño Quiroga, dona Emilia colleu camiño de París, cidade que coñecera había anos xunto cos seus pais e o marido e que despois visitará con asiduidade. Fíxoo, para escándalo das mentes “ben-pensantes” da autonomeada aristocracia e da burguesía coruñesas, soa, deixando os fillos coa avoa. Tiña 33 anos.

HIPER MASIDE

Coa mesma idade viaxou con destino á capital francesa a miña nai. Só que coa notábel diferenza temporal de oito décadas. A viaxe da miña proxenitora produciuse, calculo, polo outono de 1961; quen se guía pola “memoria vivida” e non pola “transmitida”, en termos de W. Benjamin, tende a cometer certos desaxustes temporais, por non ter a capacidade para elaborar o relato, diriamos, en termos actuais. Quen vai querer escribir a historia dos seres anónimos?, pola contra, que gorentoso resulta coñecer ata o máis mínimo detalle das poderosas persoeiras que se salientan nos libros. A miña nai tamén fixo a viaxe soa, como foi solitaria a súa estancia parisiense, ata o extremo de non ter con quen falar, simplemente por non entenderse. Eu fiquei co meu pai. Non teño constancia de ruxes-ruxes familiares, aldeás ou vilegos, por tal ousadía; mais atrévome a sospeitar que habelos hóuboos.

A viaxe emiliana encetouse tras a toma de dúas grandes decisións, separarse e dedicarse á literatura como “escritora pública”, como alguén, un home, con evidente ton lascivo e insultante, a denominou. Aínda que aquela viaxe estivese impulsada por un obxectivo nunca realizado, escribir unha historia da literatura española, nada máis e nada menos quen en dez tomos, serviulle para mañás de estudo na “Salle Labrouste” na BNF da “rue Richelieu” e afacerse as cobadadas e as couces do ambiente literario parisiense que todo escritor español “à la page” debía coñecer.

“Salle Labrouste” na Bibliothèque nationale de France

A viaxe da Luísa do Carrio, que empezaba a ser do Carballiño, tivo un único impulso, un só motivo, unha única razón: xuntar algúns cartos para poder rematar a casa familiar e devolver algunha débeda adquirida cun limite temporal agoniante. Na altura, hipoteca bancaria era palabra pouco soada, había “prestamos” de familiares e achegados e non podía haber “impagos”, era unha cuestión de honra. O franquismo, liberado de ataduras tras a visita, dous anos antes, de Eisenhower, comezaba a ciscar xente polos países europeos para que fixesen posíbel, cos seus traballos que ninguén quería e estoicos sacrificios, o “desarrollismo” da segunda metade dos sesenta. Así que do Carrio a París con estación intermedia no Carballiño, dez anos antes de que ao produtor J.L. Dibildos se lle ocorrese o da “terceira vía”, adiantandose a Tony Blair[1] e inaugurándoa coas “españolas en París” e poñéndolle as “palabras para Julia” de Juan Agustín Goytisolo na voz de Paco Ibañez, como remate. Por riba premiárona no Festival de Moscova.

Emilia facía ocos, nas horas matutinas de estudo, para acudir ás “matinées” das celebridades literarias do momento; tiña as tardes ocupadas entre as “soirées” nos salóns de “madame tal” ou “madame cal”, as “premières”, en aburridos bailes de ministros, en íntimas veladas conspiradoras de carlistas, en acompañar a princesas daquí ou dacolá ou a exiliados rusos, como o nihilista Isaac Pavlovski que naquela primavera gálica a describe como: “Muy morena, regordeta, con un perfil romano y con los quevedos sobre la nariz, incorregible disputadora y habladora”[2].

Apeiros paternos (F. Luísa)

Nalgunha quella dos arrabaldes parisienses, nunha pensión de cuartos e xantares, rexido por unha francesa áspera e un alxeriano calado, carente de trazos descritivos norteafricanos, polo que me dá a min máis que fose un derrotado “pieds noirs”, un chisco camusiano, que un bérber afrancesado, foi dar a miña nai para facer camas, limpar louzas, fregar escadas, sanear escusados, cociñar algo e aforrar francos.

Do retorno das terras gavachas trouxo dona Emilia unha manchea de cartas, publicadas na prensa sudamericana, que acabou xuntando baixo o rotulo de Al pie de la Torre Eiffel. Aquelas colaboracións recibiron unha radical e alporizada resposta polos seus comentarios sobre o deteriorado exército español e a desidia dos seus desaliñados oficiais que carecían das virtudes que se lles atribuían. Di dona Emilia daquela leada que soubo manexar con habilidade: “que no sé si llame protestas, procedentes de algunos, que no sé si llame oficiales del Ejército”[3].

Miña nai botou menos tempo que a Bazán naquela viaxe parisiense. Non regresou máis, nin ganas lle quedaron. Trouxo algúns pesos aforricados, ben agochados, e tres palabras que non se lle foron do maxín en seis décadas, as educadas “mersicú” e arruá” e a indefinida “chirmilindró”.

Aquel Nadal sen a nai fíxome medrar ás présas. Tampouco meu pai estaba para detalles. Un dos labores dos que gozaba era o de afeitar a súa mesta barba cunha vella e coidada navalla; proceso ao que dedicaba moitos e pausados minutos cada dous ou tres días. Púñase diante dun espello, por certo ben cativo, colocaba a barra de xabón de barbear, estiraba a badana e con mesura sacáballe fío á navalla; despois probaba o aquelado do gume raspándoo contra a palma da man.

xabón de afeitar

Asubiaba un chisco mentres, con parsimonia, mollaba a brocha e a enzoufaba ben na barra de “La Toja”. Con ritmo relaxado enfeitaba a cara coa branca espuma e ía axeitando os pregues da pel para rasurar con tino a espesa e negra barba. Para limpar o xabón inzado de pelos empregaba sempre vellos papeis do seu traballo. Na altura, aínda non xurdira en min a racionalidade republicana, aínda cría nos reis, e escribíralle unha comedida, en canto a peticións, carta de trazos infantís. O caso foi que algún tempo despois do seis de xaneiro, quizais un ou dous meses máis tarde, o meu pai andaba enleado no seu relaxante labor barbeiril cando entrei no cuarto de baño; na esquina da branca pía recoñecín as miñas letras puerís que expresaban as miñas crédulas peticións. A primeira reacción foi tan cándida como os meus pedimentos. Papá non botaches a carta dos reis! Ao ver a súa cara, calei e non preguntei máis. Miña nai pronto regresou, ao fin e ao cabo, o traballo paterno, aínda que mal pago, era seguro.

Aquelas festas pasámolas separados. Nós na Vilamorta bazaniana e miña nai, ao pé da Torre Eiffel, aínda que, coido, nunca tivo oportunidade de vela. Parece que por consello do alxeriano silencioso, a fungona dona da pensión preparou un paquete cunhas cantas lambetadas do Nadal e non se lle ocorreu mellor cousa que meter no medio unha botella  dalgún licor, coido non errar se digo que era Bénédictine.

Bénédictine

Nin que dicir ten que a caixa chegar chegou, iso si, co cartón amolecido, escurecido, enchoupado e cheirando a licor.

Lembro ben que fomos ata a oficina de correos. Atendeunos un home maior, enfardado nun gardapó gris e os cabelos arremuiñados no curuto da testa. Poucos anos despois identifiqueino co estrafalario profesor de química que interpretou Jerry Lewis. Aquel señor, rosmando, dixo algo así como: que carallo vos mandaran aquí! Recollemos o vulto e ao saír meu pai díxome: é o Calviño! E como dezao morriñento, engadiu: tamén veu de Lalín!


[1] O líder laborista e “premier británico” inspirouse nas teorías de Anthony Giddens segundo as que a socialdemocracia, para poder seguir defendendo os elementos básicos do Estado do benestar en tempos de globalización, debía adoptar un modelo económico de corte socioliberal.

[2] Patiño Eirín, C. (1991): “Isaac Pavlovski cuenta un episodio curiosos de la vida de Emilia Pardo Bazán” en Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXXIX. Santiago: CSIC.

[3] Pardo Bazán (1889): Al pie de la Torre Eiffel. Epilogo a la primera edición. Madrid: Bello Luce.


—————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

PUBLICIDADE