A Xunta asinará neste primeiro trimestre do ano o convenio de colaboración co Concello de Leiro para mellorar o sistema de abastecemento de auga

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reuniuse co rexedor de Leiro, Francisco José Fernández, para abordar as actuacións previstas

Publicidade

O proxecto, xa redactado e supervisado, conta cun prazo de execución de catro meses e un investimento que ascende a máis de 330.000 euros

Renovarase a tubaxe entre Pazos de Arenteiro e a estación de tratamento de auga potable de Leiro para garantir o subministro aos veciños de cinco parroquias e ás empresas da zona

Instalarase tubaxe de abastecemento con capacidade para soportar maior presión ao longo de case 3,5 km que discorren pola estrada provincial OU-0414

Durante a execución das obras garantirase o subministro á poboación mediante tramos ‘bay-pass’ provisionais.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de manter unha reunión co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, na que lle avanzou a sinatura neste primeiro trimestre do ano do convenio de colaboración para mellorar o sistema de abastecemento de auga.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, abordou co rexedor as actuacións previstas neste proxecto que ten como obxectivo garantir o subministro de auga a cinco parroquias do municipio.

Para acometer as actuacións necesarias, cómpre asinar este convenio de colaboración entre a Xunta, o Concello de Leiro e tamén o Concello de Boborás, xa que un treito das obras desenvólvense polo territorio deste último municipio.

O proxecto, xa redactado e supervisado desde o punto de vista técnico, conta cun prazo de execución de catro meses e cun investimento de máis de 330.000 euros.

Trátase de renovar a tubaxe desde Pazos de Arenteiro ata a potabilizadora de Leiro coa fin de solucionar os problemas de falta de subministro de auga potable aos veciños e ás empresas da zona, ocasionados polas frecuentes roturas da rede.

Os traballos centraranse na substitución da tubaxe existente por un tubo de abastecemento con capacidade para soportar maior presión.

Esta actuación desenvolverase ao longo de case 3,5 km que discorren pola estrada provincial OU-0414.

A instalación da nova tubaxe realizarase no mesmo emprazamento que a actual, tendo que retirarase a existente, e garantirase o subministro á poboación mentres duren as obras mediante tramos ‘by-pass’ provisionais.

As obras, unha vez finalizadas, permitirán dar servizo a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045.Imaxes relacionadas