O BNG demanda transparencia en relación co PXOM e unha nova exposición pública, por entender que as modificacións introducidas polo PP son substanciais.

O Grupo Municipal do BNG no concello pide que DO e PP se deixen de “caciquear por detrás” e se someta a exposición pública o documento do PXOM.

Despois da reunión mantida esta mañá entre os distintos grupos municipais, o alcalde e técnicos de urbanismo, o BNG afirma que participará en cantas reunións do PXOM se convoquen, sempre e cando estas sexan multipartitas, é dicir, coa representación de todos os grupos, e con luz e taquígrafos ao entender que “unha cuestión da relevancia do PXOM ten que tratarse coa máxima transparencia e non de tapadillo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O BNG no Concello de Ourense aproveitou para explicitar a súa posición, xa coñecida, a respecto da necesidade dunha segunda exposición pública, por entender que entre a aprobación inicial e a provisional houbo modificacións substanciais.

A sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo, en abondosa xurisprudencia, afirma que se entende por tales, a alteración global do Plan, nos seus aspectos esenciais, afectándose aos seus elementos estruturais e, como consecuencia delo, ao propio modelo de planeamento elexido. Ao extremo de facelo distinto non somentes diferente en aspectos puntuais e accesorios.

Para os nacionalistas, as modificacións introducidas polo PP supoñen unha alteración substancial do modelo de planeamento reflectido na aprobación inicial, toda vez que estas van mais alá de meros aspectos puntuais e accesorios, revestindo moitas das veces, un carácter xeneralizado, e cun dobre dimensionamento: cualitativo, por mor de incidir en aspectos tales como o sistema de actuación escollido, altura das edificacións, aproveitamentos urbanísticos, modificación das ordenanzas, así como cuantitativo, tales coma o aumento da edificabilidade, ampliación do solo de núcleo rural e incremento do solo urbanizable en todo o ámbito do término municipal.

En definitiva, produciuse una variación na estrutura do planeamento pola modificación dos criterios básicos sobre os que se asenta o modelo territorial establecido provisionalmente, o que debe dar lugar a un novo trámite de información pública.