O Psoe de Ourense insta ao concello a implementar un “plan urxente” para a protección da cidadanía

O grupo municipal socialista insta ao Concello de Ourense a adoptar “un plan de medidas urxentes e extraordinarias” para garantir a máxima protección da cidadanía ante a “crecente presión hospitalaria na cidade” pola alarmante evolución e incidencia da COVID-19 na terceira onda da pandemia.

Neste sentido, propoñen que o alcalde solicite un novo cribado á Xunta para “ofrecerlle unha segunda oportunidade ás persoas que non asistiron á cita desta fin de semana”. Ademais, avogan por que o Concello decrete o peche inmediato das instalacións deportivas municipais e defenden a cancelación de actividades dependentes do mesmo, co obxectivo de “reducir ao máximo a mobilidade e restrinxir as posibilidades de contaxio”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra banda, os socialistas piden medidas para a protección da saúde das persoas usuarias dos servizos municipais ­-tales como a axuda no fogar-, e daquelas que acoden a realizar xestións nas instalacións municipais. Así mesmo, solicitan que os empregados e empregadas municipais poidan teletraballar e que o Concello estableza servizos mínimos na atención presencial baixo a modalidade de cita previa para a cidadanía

Por último, esíxenlle a Jácome “transparencia total” na información relativa ao cumprimento das restricións establecidas e das posibles sancións policiais ao respecto.