O Psoe insta á Xunta a desenvolver un novo modelo de turismo para o rural

A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, propuxo hoxe un novo modelo de turismo para o rural “de calidade, sostible e que aproveite as oportunidades das novas tecnoloxías da comunicación”. A responsable socialista mantivo un encontro telemático co presidente da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, o presidente do clúster do Turismo, Cesáreo Pardal, e representantes do sector.

Gallego instou á Xunta a atender ás peticións deste sector e propuxo empregar o turismo como vector de riqueza que permita poñer en valor ao rural e loitar fronte ao despoboamento, aproveitando o “efecto chamada” e a nova sensibilidade cara ao rural xerada pola pandemia para que a poboación volva traballar nas zonas rurais e ao tempo permitir que “a xente vaia como turista e coñeza a nosa riqueza”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pediu a elaboración dun novo Plan de turismo Rural, que leva “esquecido” dende a súa presentación, hai agora dous anos. Incidiu tamén na necesidade de dixitalizar as zonas rurais como “requisito inescusable para permitir o desenvolvemento deste tipo de economía” e que, ademais, permite aproveitar as oportunidades do teletraballo no momento da pandemia.