Os pasarrúas da charanga Filatrónika do Dr. Anchoa animarán hoxe as festas patronais do San Cibrao do Carballiño, na véspera da celebración da tradicional romaría na honra da Virxe da Saleta, na veciña parroquia de Astureses de Boborás.
Pola tarde deste venres, a agrupación folclórica Festicultores Troupe terá o seu protagonismo polas rúas da vila a partir das 20,30 horas, mentres a Orquestra Principal será a encargada de amenizar o baile na rúa Calvo Sotelo cun primeiro pase ás 20,00 horas e outro, xa pola noite, ás 23,30 horas. A explanada do Parque Municipal acollerá, dende as 23,00 horas, unha segunda sesión pirotécnica, nova na programación festiva, que terá unha adicación especial á Festa do Pulpo con tirada de fogo fixo e voador.
E outra novidade no programa dos festexos deste ano é a organización dunha ‘Festa da Xuventude’, seguindo a estela da promovida por cinco establecementos de hostalaría na pasada celebración gastronómica do Carballiño. A cita terá lugar na Praza Maior dende as 23,30 horas coa discoteca móbil A Gramola e a participación dos dj’s Saúl Gallego, Imcode, Dúo&Medio e Diego Valeiras.


















