‘O teu Xacobeo’ aproba unha ampla oferta sociocultural e deportiva na provincia de Ourense para promover Galicia e o Ano Santo

Publicidade ASPADISI
  • O delegado territorial da Xunta sinalou que ‘O Teu Xacobeo’ permite a realización de actividades en todo o territorio da provincia
  • Gabriel Alén explicou que soamente na primeira liña de axudas, Ourense recibiu máis de 123.000 euros para desenvolver 12 proxectos en concellos da provincia

O representante do Goberno galego salientou que “este tipo de actividades reflicten moi ben o espírito participativo do programa, que busca implicar a toda a poboación neste Ano Santo que acaba de arrancar, con actividades que chegarán a todo o territorio

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá que o Goberno galego ven de aprobar unha ampla oferta sociocultural e deportiva dentro o programa O Teu Xacobeo para a promoción e a dinamización do Ano Santo que acaba de principiar.

HIPER MASIDE

Afianzado nun impulso  descentralizado e plural, sinalou o delegado territorial,  “permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego; e en Ourense desenvolveranse proxectos de promoción do Xacobeo 2021, aos que hai que engadir proxectos itinerantes e outros de formato dixital que abarcan diferentes concellos e provincias”.

O Teu Xacobeo conta con tres liñas de axudas que atenden á tipoloxía dos beneficiarios. Unha; concellos, mancomunidades, consorcios locais galegos e deputacións provinciais de Galicia; dúas, persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa; e unha terceira liña destinada a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Deste xeito, explicou Gabriel Alén, “soamente na primeira liña de axudas, Ourense recibiu máis de 123.000 euros para desenvolver 12 proxectos en concellos da provincia”, e salientou que “este tipo de actividades reflicten moi ben o espírito participativo do programa O Teu Xacobeo, que busca implicar a toda a poboación neste Ano Santo que acaba de arrancar, con actividades que chegarán a todo o territorio”. 

Así, a través dunha programación, variada, plural e descentralizada  levaranse adiante proxectos nos concellos do Barco de Valdeorras, Monterrei, Vilar de Barrio, Pereiro de Aguiar, Coles, San Cristovo de Cea, Celanova, Riós, Xunqueira de Ambia, Castro Caldelas, A Veiga e Laza, onde se desenvolverá unha ampla oferta sociocultural e deportiva. Segundo o delegado territorial, estas iniciativas amosan que “pese a ser unha época chea de dificultades a Xunta estase a volcar nesta celebración, porque esperamos que sexa un piar para a reactivación do turismo e da economía da nosa provincia e do resto da Comunidade”.

Nos proxectos subvencionados nas liñas 2 e 3, é dicir, os dirixidos a empresas e a entidades sen ánimo de lucro, hai 38 que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). Na súa maioría son iniciativas tuteladas por fundacións ou universidades que fan referencia a diferentes rutas ou camiños, proxectos dirixidos a centros educativos ou actuacións no patrimonio que abranguen varias provincias ou a totalidade da comunidade galega. Mesmo hai unha actuación que comparte a provincia de Lugo coas comunidades autónomas de Asturias e Cantabria.

 O Teu Xacobeo

Na súa segunda fase, o programa O Teu Xacobeo pretende dinamizar os concellos que forma parte da Vía da Prata-Camiño do Sueste achegando un impulso ao diálogo entre a totalidade dos concellos polos que pasa o Camiño.

Deste xeito, apóstase por darlle voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo do Roteiro Xacobeo.

A segunda edición do programa O Teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros. Tras a resolución da concesión, os beneficiarios acaban de comezar a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.

 Esta segunda edición volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros.

 O resultado é unha programación sociocultural que está a contribuír na promoción de Galicia e, especialmente, do Xacobeo 2021, a través dun impulso  descentralizado e plural que permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego.