No cribado do Paco Chao todo transcurre con normalidade

Desde primeiras horas desta mañá esta funcionando o cribado masivo que se fai no Pavillón Paco Chao. Todo organizado e sen incidentes. Non hai cifras oficiais de participación ata que finalice a xornada, pero por estimación din que pode roldar un 70%

Publicidade

Os 2.000 veciños e veciñas, da vila do Arenteiro, estan convocados para participar na mostraxe, que se desenvolve en horario de mañá e tarde, de 9 a 14.00 horas, mediante test de antíxenos -resultados que se coñecerán no momento- e de 15.15 a 20.15 horas, mediante recollida de mostras para PCR.

Como é habitual, a proba será voluntaria, non si, as autoridades sanitarias solicitan a todos e todas as veciñas convocadas que participen, xa que os resultados serán de axuda no control da epidemia, detectando casos asintomáticos, e aportaran información de gran utilidade sobre a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión.

Recoméndase asemade seguir as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de non estar citados, ou non facelo de estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou gardando corentena á espera do resultado dunha proba.

Revisión dos datos e mensaxería

Os resultados finais coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos das PCR vía SMS e os positivos directamente desde o Centro de Saúde de cada usuario. Estas probas non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outras vías