O alcalde de Leiro defende a xestión da pandemia pondo o concello a total disposición cando surxiu o brote

O alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, quixo responder ante a nota de prensa emitida polo portavoz socialista na que piden unha serie de medidas no concello a raíz do aumento de casos producido nas últimas semanas no municipio. O alcalde informa de que nos últimos catro días os contaxios baixaron en máis de vinte persoas, pasando do pico máximo que se establecía nos 87 contaxios ós 53 de hoxe, e responde que o Sergas a día de hoxe non considera necesario facer un cribado. Asegura que no momento no que se produciu o brote na residencia, puxo o concello e as súas instalacións a disposición da xerencia da residencia para o que fixese falla.

Ante a petición de aumentar as desinfeccións, o alcalde afirma que as recomendacións sanitarias indican que o que se debe facer é o que se están levando a cabo no concello, que son a ventilación, o uso de máscara e a hixiene. Ademais, ante a idea de habilitar unha recollida de lixo específica para os casos positivos, considera que é un xeito de discriminación e que tampouco se podería facer porque os concellos non teñen acceso ós datos persoais das persoas contaxiadas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde fai unha petición ó voceiro socialista, instándolle a que lle pida ó seu equipo de goberno estatal que axilice a chegada das vacinas, que afirma que será o único que poida estabilizar a situación.