Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO


XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O IRIXO-O  CAMPO: POLAS FESTAS DO  “QUINCE” E O SAN ROQUE

 Son doce “quinces” no ano,

 coma o de Agosto ningún,

cando está de xolda O Campo

co San Roque e a Asunción.

Algún milagre será…

que ata o paspallás cacarea

cando sae a procesión!

Grande atrevemento é sen dúbida, adentrarme nun terreo que a mesma igrexa católica mantivo  ata mediados do século pasado con certa indefinición. Foi o Papa Pío XII o que  elevou á categoría de dogma o misterio da “Solemnidade da Asunción da Benaventurada Virxe María”. É o Papa Francisco no ano 2021 quen a retrata con estas verbas: “A humildade é o segredo de María. É a humildade a que atraeu a mirada de Xesús cara a ela. O ollo humano busca sempre a grandeza e se deslumbra polo ostentoso. Deus, en cambio, non mira as aparencias, Deus mira o corazón e desfruta na humildade. A humildade dos corazóns agrada a Deus. Hoxe, mirando a María Asunta, podemos dicir que a humildade é o camiño que conduce ao ceo”.

 Nesta aproximación á interpretación da Virxe da Asunción, resulta cando menos novidoso -como outras sorpresas para os profanos na materia- que, segundo os estudosos, se considere non só un mome cristián, senón que, xeralmente sexa composto: “María Asunción ou María Asunta”. O de Asunción viña sendo abondo popular entre nós, pero, o de Asunta na tradición galega non o é tanto, polo menos ata que por unha desgraza familiar deu en aparecer nos medios de comunicación o incrible caso da morte dunha nena na cidade de Santiago  en 2013.

 Como quer que sexa, a crenza popular recollía a opinión de que María ascendera ao ceo transportada por unha nube, en corpo e alma e sen pasar pola morte; idea reafirmada posteriormente polos Padres da Igrexa, en cuxa idea se basea a maioría das interpretacións da súa iconografía, como se pode comprobar en ambas as dúas imaxes da igrexa do Campo, muller nova e fermosa, en actitude orante ou suplicante, que dirixe os ollos ao ceo mentres semella ascender pousada nun grupo de nubes rodeada de anxos que axudan a elevala cara ao alto: Unha delas en granito na fachada principal e a outra no retablo maior, como lle corresponde á patroa da parroquia.

 Unha vez aceptado o seu paso pola morte, o seu corpo estaría sepultado durante tres días, mentres que a súa alma subiu de inmediato ao ceo, onde, pasados tres días, xuntaríase de novo co seu corpo asumpto para non morrer xamais.

O santoral da parroquia do Campo non só esta vencellado á virxe María, aínda que é con ela coa que se identifica a parroquia desde o punto de vista da tradición cristiá como de Santa María do Campo.

 Polo demais, é o San Roque o que aparece nun segundo lugar de devoción, quizais por coincidir a súa celebración o 16 de agosto, o día seguinte ao da Asunción, e por contar con capela propia no lugar da Esfarrapa. Celebracións que mesmo se estiran coa feira do Tellado, o 17.

 A biografía de San Roque está inzada de contratempos ata que remata os seus días (1327) na cadea despois de socorrer a moitas persoas e ter renunciado ás súas riquezas. Naquel tempo que a peste azoutaba a toda Europa, el adícase a coidar os apestados, co que acaba contaxiándose da doenza. Con tal motivo retírase a un monte a onde un can lle achega a comida. Os grandes andacios que houbo en Galicia na segunda metade do século XVI provocaron que se difundise o seu culto e sexa considerado como avogoso da peste, das chagas, da boa morte e protector dos cans de palleiro.

 O retrouso cantado na súa honra non deixa lugar a dúbidas, aínda que cando asistiamos á novena non entenderamos moi ben aquilo de : Roque santo, peregrino, libranós de “pestimales”.

 Adoptou o hábito de franciscano e vai de romeiro a Roma, ou incluso a Compostela e Xerusalén. O caso é que as tallas soen representalo con algúns dos elementos propios do peregrino: cabaza, bordón, sombreiro de ala ancha, ademais do can que lle lambe as feridas ou lle acerca un anaco de pan. Ás veces, como no caso do da Esfarrapa, é un anxo quen llas mostra e simula aliviarlle a dor.  

Retablo (XVIII): Inscrición:”San Roque Rogad por nosotros”. S. Pedro e S. Antón.
Capela de San Roque e cruceiro.Campo da festa,torreiro  e castiñeiro centenario na Esfarrapa

 O estado de conservación dos dous edificios é moi diferente. Por un lado, a igrexa parroquial que data de entre 1776-1790, de sancristía abovedada, que segundo as inscricións ben lexibles na bóveda de aristas na capela maior e de canón no resto e na zona porticada. Loce un senlleiro aspecto tanto no seu exterior como interior, no retablo maior como nas demais imaxes que se foron redistribuíndo acordes ás novas esixencias das reformas no rito eclesiástico: orientación do altar de cara aos fregueses (1972),substitución do púlpito por unha imaxe de Xesucristo na paixón, repintado de altar maior por segunda, terceira e cuarta vez (1957, 1973, 2005 ) e dos laterais (1969) segundo nos dá conta o abade que durante tantos anos foi D. David Ureña, así como as innovacións que foron introducíndose na parroquial como a instalación dun pararraios, do armonio (1962) da megafonía (1972) e da luz eléctrica (1958) ou  “hacer unos  retretes, fuera del recinto sagrado y para evitar en este suciedad”(1948)[-E de paso estercábase o prado! Con perdón]( Foto superior)

Ben diferente é o estado de conservación exterior e interior da capela da Esfarrapa, porque, tal e como veñen manifestando os seus protectores, esíxen unha restauración inmediata, polas pingueiras que están a caer e a estragar o retablo e as paredes laterais, e poñen en serio perigo o desprendemento da bóveda de canón, e o ático cuberto. Nunha primeira valoración sobre o custe dos traballos, soamente no que fai referencia á restauración do retablo estase a estimar polos técnicos unha cantidade aproximada a 30.000 €, o que fai inviable abordar a obra con soamente as aportacións dos veciños, e que o bispado tampouco a considera unha prioridade ao tratrarse dunha capela. Polo tanto, as consecuencias poden ser irreversibles: Unha ruína máis do patrimonio relixioso, das tantas que somos testemuñas, sexa dalgunhas outras capelas como das reitorais. 

 Polo que respecta ás imaxes da igrexa, alén da da Virxe da Asunción, o retablo maior loce outras tallas de arredor da segunda metade do XVIII na liña rococó, así como dúas máis de S. Xosé. E outra en madeira de Santo Domingo do século XVII.Na actualidade fóronse reubicando nos laterais outras tallas como a de S. Bieito e S. Antón; Judas Tadeo e San Roque, e transladouse ao altar maior o púlpito que segundo D. David “ocupaba demasiado espacio, pero consérvase o “florero” sobre o que repousa na actualidade un Cristo flaxelado.[A modo de suxerencia, que non debía encarecer  moito as arcas da igrexa, propoño que se identifiquen todas e cada unha das imaxes, co que se conseguiría un maior acercamento con aquel co que cadaquén se sinta máis identificado, ademais de poder comprender mellor o porqué da iconogragía de cada talla].

 Aínda se podenconsiderar outros elementos que son patrimonio da parroquia como unha excelsa cruz procesional do Séc. XVII, ou os relicarios, copóns e varios cálices dos séculos XVIII-XIX, ou o reloxo que en 1903 foi un agasallo do sancristán J. María Fernández.

 Como unha proba máis da devoción a S. Roque e S. Antón consérvase un popular peto de ánimas que me translada a min uns cantos anos atrás de cando o sancristán percorría na misa a nave para as colectas e se oían pingar as moedas naquel silencio sepulcral que impoñía a presenza de D. David.

Peto das ánimas do Purgatorio.As esmolas eran contabilizadas no libro de fábrica da igrexa, segundo correspondían a cada devoción. O sr. abade decidía ao que eran destinadas.

 O exterior da igrexa, ademais da reitoral á que se accede por unha porta de servizo, desde que se deixou de enterrar no interior daquela, ocúpao un basto camposanto con varios centos de tumbas soterradas, pero o que está a impresionar é a extraordinaria cantidade de panteóns que desde arredor de 1880 ata a actualidade non deixa de medrar. Dos panteóns que se construíron durante o goberno de don David Ureña resulta sorprendente, non só polo número senón tamén polo detalle en canto ao custe a pagar por cada solicitante, que o señor abade recolleu con absoluta observación no libro de Fábrica, que, chegado o caso, serviría como documento para acreditar a propiedade. De entre todos eles, destaca unha fileira no adro entrando á esquerda que corresponden á primeira metade do século XX, así como o que, por exemplo, no fondo do adro ocupa un soar reservado con reixa metálica dos herdeiros de Dona Manuela da Ponte  (1889: Propiedad de  Pedro López Suárez). Sen esquecermos a que se pode considerar unha das obras mestras do canteiro de Saavedra, Jesús González Glez. (alias “Saavedra” ou “Santeiro”), e algunha outra máis no cemiterio exterior de cando na segunda metade do século pasado, coincidindo con certa bonanza económica entre os fregueses  lles permitiu afrontar un custe que non en todos os casos cada familia podía resolver doadamente, pero, tamén se trataba dunha cuestión de “dignidade”.

Unha mostra  do “Libro de fábrica” da parroquia de Santa María do  Campo, durante o período que foi cura-párroco don David Ureña Bernárdez, natural do Reino, e chegou a esta parroquia o 28 de outubro de 1940, desde S. Andrés de … (Caldelas).

Estas notas manuais da contabilidade de don David corresponden á adquisición da propiedade no “diestral” para a construción de varios panteóns de veciños das Campinas, Orosa, A Ponte (Cesáreo Villaverde, pai de Elixio, en cuxo panteón foi enterrado en 2018), A Lama, Baxín, Porto da Veiga, A Filgueira, Menaz, e Vila. De Casares: Maximino de “Nacente”, José Covela, e Juan Ferradás, meu avo, carpinteiro, cuxas ferramentas acompañan a cruz supeior). No adro, entrando á esquerda, atópase a porta que dá acceso ao campanario cunha traballada escaleira medio de caracol, a cuxo pé se atopa a oseira onde deben ser depositados os restos das sepulturas. Na parede do muro perimetral do adro, en fronte da oseira,  hai tres inscricións que nos poñen en relación con prácticas tradicionais da igrexa que na actualidade parece que están “esquecidas”?: “CEMENTERIO. FETOS SIN BAUTISMO. FETOS CON BAUTISMO DUDOSO”.

Polo que respecta á parte máis alonxada do “sagrado”, atopamos  abondas referencias que mostran  un pasado, en certo modo, de esplendor: a extensa carballeira, o terreo en fronte da que foi “Escuela Pública…. Santa María del Campo” (inscrición incompleta na lumieira), na actualidade adaptada como “velorio” aínda que segundo consta na documentación disponible, tanto no arquivo municipal  como no da igrexa, creouse froito da aportación de Francisco Ferradás Dapena de Orosa, coa condición de que sempre fose destinada a uso escolar. [Téñase en conta que é considerada a primeira escola de Primeiras Letras do Irixo, (1828), que, polo tanto, a súa obra debía ser lembrada dalgún xeito cunha homenaxe póstuma en agradecemento polo que representou como alicerce de desenvolvemento cultural para a parroquia e que o alcalde e mestre Avelino Penelas (1929) (natural de Souteliño-Corneda), soubo aproveitar en colaboración co señor abade, don David, para, ademais de levar a cabo un labor como ensinante ben recoñecido, e de “ecoloxista”, coa plantación duns eucaliptos nese punto coñecido como o Estivadón que, hai us anos foron eliminados e substituídos por unha zona axardinada que, ben podía identificarse como de “Francisco Ferradás Dapena”.

 O resto dos diestros da igrexa, tanto pola reitoral que era a vivenda dos caseiros e máis do cura,   ademais de punto de recollida das prebendas das que desfrutaba a igrexa como os décimos que lle pertencían, non só da parroquia do Campo, como tamén de Cusanca ou Reádigos, son unha boa mostra da riqueza que chegou a acumular para que despois fose parar ao mosteiro de San Salvador de Chantada, ao bispado de Ourense e arcebispado de Santiago. A partir  da desamortización de Mendizábal (1835-37) aínda que consta a subhasta dalgunha propiedade na contorna da igrexa, a realidade é que aínda na actualidade conta cun predio que supera amplamente  a calquera outro da parroquia. Unha proba morrediza desa riqueza son a ruína na que está a caer  a mesma reitoral con todas os servizos anexos de paneira, cortes, curro, eira, prado, monte, -todo nunha única parcela-, a partir do momento que os caseiros deixaron de traballala e de cando don David deixou de contar con aquel cabalo negro no que se movía para as medias distancias.

 A relevancia da parroquia do Campo desde o punto de vista eclesiástico non se restrinxe só á igrexa parroquial e a súa contorna, porque chegou a contar desde antigo con ata tres capelas máis, á parte da da Esfarrapa: En Menaz -fundada en 1767, a título privativo na Casa Grande dos Taboada, que modernamente habitarían “as señoritas” (Goyanes) de Lalín, que, segundo contan acudían todas enfeitadas á misa, quizais para desimular o maltrato que recibían na “intimidade” conxugal… Desde hai aproximadamente sesenta anos, esta capela foi habilitada como vivenda familiar. Como proba de que alí foi lugar sagrado, moi preto, aínda se mantén en pé un elevado cruceiro de traza sinxela.

 As outras dúas capelas que manteñen aceso o culto, de xeito puntual, coincidindo coa festividade na honra da patroa pola que foi creada son: a do Fondo da Ermida, capela con ático e boveda de canón, que conserva ben talladas no altar maio do XIX, as imaxes da Virxe da Luz ou da Candelaria e a da Asunción. Ademais da advocación da nosa señora da Purificación, San Marcos e San Brais.

 Por último, a capela da Virxe “da Fátima”, na Ponte, que,  por iniciativa da familia dos de Dª Manuela, desde comenzos do séc. XX, promoveron a construción no soar inmediatamente cercano á vivenda. En 1950, o bispo Monseñor Temiño, accede á súa petición, en cuxa parede lateral se encastrou un “Peto de ánimas” do séc. XVIII -xa o citara V. Risco cando en 1926 vai de camiño a Santiago cos do Grupo Nós, que fixeran parada e habituallamento na casa do Zapateiro/De Lagarto -.Na actualidade o fornelo permanece baleiro, despois duns cantos anos, á espera de que sexa reposto no seu sitio, que, segundo algún responsable aclesiástico, está en restauración.Na parede lateral esquerda hai una lápida da cesión gratuíta do soar por un matrimonio na diáspora bonaerense

Don Avelino Penelas e Dª Gertrudis, diante da porta do concello en 1951 con motivo de: “Actos del radiomensaje del Papa Pío XII dirijido a los Sindicatos españoles. Escuelas nacionales de Irijo. 11 de marzo de 1951”.(Este texto acompaña a foto pola parte posterior, escrito de puño e letra polo mestre/alcalde Avelino P.). A “Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de “Irijo” e a Sección de Falange, na que aparece don Avelino e don David, tamén se sumaran noutra homenaxe.

Capela na Ermida do Fondo e talla da Candelaria. Capela “da Fátima” na Ponte. Fornelo baleiro para o que debe recuperarse a labra do peto das Ánimas (Agosto de 2024)

  Xunta esta longa tradición relixiosa da parroquia, que pasou en primeira instancia por depender do mosteiro bieito de San Salvador de Chantada, ata que este decidiu ceder a súa administración ao bispado de Ourense. Transpaso non exento de polémica e resolución do tribunal eclesíastico para que a freguesía fose atendida por un eclesiástico da diocese ourensá. Unha vez estabilizada a situación, a parroquia intégrase na dignidade de Orcellón que, como no caso doutras parroquias do concello do Irixo: Loureiro, Cangues,Parada, Froufe, A Espiñeira dependen no civil do conde Monterrei, e as demais da encomenda de San Xoán de Pazos de Arenteiro.

 Unha vez que se dá o paso á creación dos catro concellos a comenzos do séc. XIX, O Campo é un deles, xunta con Parada, Reádigos e Corneda.

Publicidade deste 2024 na que se bota en falta o nome da parroquia :“O Campo”.

 Consolídase o lugar da Ponte/Puente Irijo como sede da única casa do concello que, primeiro se instala nas casas propiedade dos de Dª Manuela, ata que se inaugura a actual . A desconformidade coas instalacións, que “Os Campinas” utilizan como desculpa para que sexa ubicada nas Campinas, por considerar que aquelas presentan un estado lamentable e así ser reubicadas neste último lugar, tamén da parrroquia, non coallaron. A polémica deu lugar a que tivese que intervir a autoridade gubernativa (década de 1930) ata que se zanxou a cuestión coa inauguración do novo edificio (1939) e  praza na honra de J. Calvo Sotelo (1960). Esta foi reinaugurada o 7-08- 2021 na honra de Manuel Penedo, alcalde durante máis de trinta anos, así como nomeado fillo predilecto a título póstumo, coa presenza do presidente do Parlamento, M.A.Santalices e o alcalde Manuel Cerdeira.

 O que queremos introducir con esta referencia á administración local é que a parroquia do Campo chega a interpretarse como sinónimo de concello do Irixo, o que non deixa de ser un agravio con respecto ás demais parroquias, pois, como sabemos, ese afán de acaparar máis “poboación” chega a cuestionar a identidade da parroquia de Dadín e identificar “O Irixo” coa Ponte e As Laxas, cando estamos a incluír dous núcleos de poboación de parroquias distintas nunha única parroquia, aínda que  a capitalidade pode asumirse como constituída polas “Laxas e A Ponte”, segundo se recolle no Nomenclátor en vigor, pero sen perder a identidade propia de pertenza cada unha delas a parroquias distintas.[Así se están dando como oficiais datos estatísticos, por exemplo, polo IGE, que despois se empregan en diversos ámbitos polas administracións].

 Esta práctica esténdese a outros usos menos formais, pero que son unha proba dese desleixo e respecto coa tradición, como por exemplo na Toponimia e rotulación de estradas e roteiros (O Irixo por As Laxas/ A Ponte), ou no cartel destas festas, que ignora o nome do  Campo polo do Irixo.

 Con respecto a este aspecto, e cando houbo algúns intentos por parte, tanto do bispado como dos  “políticos” de alterar o estado das cousas, a situación resolveuse a favor da Ponte. O que quizais  se debeu á presión desa familia local que ostentaba un poder omnímodo sobre as demais, tanto no eclesiástico como no civil. E así se mantén ata a actualidade coa casa consistorial e o Grupo escolar, e algún que outro servizo, aínda que As Laxas está a desprazar a centralidade maís ao leste: farmacia, centro de saúde, carnicería, residencia de persoas maiores, estudo de arquitectura-enxeñaría agrícola, e outros servizos…

 Con estas observacións non se pretende abrir ningunha polémica fraticida, e moito menos entre parroquias, pero si contribuír modestamente a que na medida do posible se emende todo aquilo que corresponda aos poderes públicos de carácter local, provincial, autonómico ou estatal.

 Tampouco é esta crónica un tratado histórico nin social, senón de contribuír a ter unha visión máis ampla da celebración das festas patronais, sobre todo para as persoas de fóra ou outras que son de ascendencia na parroquia ou naturais do Irixo [Como é o meu caso que nacín e me criei na parroquia, pero que por motivos familiares e laborais levo ausente de xeito permanente desde hai arredor de cincuenta anos].

 Tanto os lugares, como os seu nomes, que historicamente conformaron a parroquia do Campo dentro da dignidade de Orcellón, e tal e como se citan no Catastro de Ensenada, mantéñense a día de hoxe, aínda que coa correspondente adaptación normativa segundo a Lei de Normalización Lingúística de 1983. A modo de suxerencia, por exemplo, propoño que O Irixo de Arriba pase a ser “Irixe”   e que “O Irixo de Abaixo” e “A Ponte Irixo” se simplifiquen en “A Ponte”, ademais de introducir “A Laíña” e “A Reguega” nesta relación (xa o están no Nomenclátor), e quizais “ O Abanico” e “A Estación”, como novos núcleos de poboación.

 Quizais teña sido por unha cuestión de centralidade dentro das estremas do concello, a razón pola cal se consolidaría este punto como capitalidade, sendo como é limítrofe con varias parroquias: Dadín, A Cidá, Froufe, A Espiñeira, Cusanca ou Loureiro, ademais desa  presión exercida polo poder local que nese momento xiraba arredor da Ponte, porque aqueloutros lugares que podían competir como Dadín (cuartel da Garda Civil, ademais doutros servizos), O Tellado (feira e abondoso espazo para expandirse), ou As Campinas, non puideron ou non souberon levalo a cabo.

Na Ponte, casa familiar da que hoxe se coñece como de Dª Manuela, aínda que na balconada conste a data de 1888 coas iniciais de P.L. (Pedro López  -Somoza-, alcalde), así como a cartela onde se instalaría por primeira vez o servizo de Teléfono. No baixo pasaba consulta o médico don Luís López Rodríguez, da mesma familia.

  Polo que respecta ao patrimonio arqueolóxico non esqueceremos o que é o centro do escudo municipal, que loce unha Arracada atopada de xeito fortuíto por un veciño do Cardedo cando estaba  a arar no agro que hai entre O Cardedo e Menaz. Este achádego pode estar en relación directa coa existencia dun castro moi cerca, que chegou a ser escavado cando van para alá arredor de cen  anos, pero que non se afondou máis na pescuda ao non atopar máis restos de interese, anque poden seguir acochados nos foxos practicados e a espesa vexetación que o oculta case todo, a non ser unha das paredes laterais orientada ao sur que ata hai pouco tempo permanecía visible, ademais da fonte da Grota, de frescas e prateadas augas que se deslizan polo picho sinxelo. O pendente, despois de pasar polas mans do director do Grupo escolar Calvo Sotelo do Carballiño, D. Bernardino  González, foi estudado por Florentino Cuevillas e adquirido por Filgueira Valverde para o Museo de Pontevedra, onde se atopa no presente.

Restos do Castro do Cardedo-A Grota e Arracada do Irixo (museo de Pontevedra)

 A parroquia do Campo non é das máis afortunadas en canto a achádegos de tipo arqueolóxico, a non ser algunha mámoa ou túmulo no monte da Ponte- Vila-Irixe ou no monte de Marnotes. Sen embargo noméase unha mámoa de longa tradición, no Catastro de Ensenada e nos apeos de demarcación con Cusanca e Loureiro identificada como MÁMOA VERDE, que a día de hoxe ignoro a súa ubicación, a non ser polas referencias dadas por Rodrigo Pousa Diéguez que a sitúa nas cordenadas : X:575740 (aprox.) Y:4708232 (aprox.). Nestas coordenadas, a día de hoxe non consta.

Hai outras pegadas de tradición máis popular como as iniciais gravadas en Pena Grande con C

Pena Grande. “Fiel”, preto de Menaz e fonte da Grota dentro do recinto do Castro do Cardedo

(Campo) e L (Loureiro) que dividen a pena en practicamente dúas metades e que estiveron a punto de seren borradas cando se propoñia a explotación como canteira de granito. Ou algunha outra que por ignorancia ou irresponsabilidade foi mutilada na lumieira da escola da Lama. Como curiosidade e cando había que repartir as augas entre, por exemplo, dous lugares, neste caso Menaz e Casares, queda aínda a pedra co “fiel”, que as dividía equitativamente.

 Entendo que dentro do patrimonio arquitéctonico da parroquia hai catro construcións que destacan e ao memo tempo presentan unha liña construtiva semellante, sobre todo pola materia prima empregada: o granito. Son a Casa do Concello, e a de Lagarto na Ponte, a da Estación e outra na Esfarrapa que, na miña oponión conta coa solaina maís longa de toda a parroquia ou quizais do concello, xunta coa de Santiso.

Por outro lado, a parroquia do Campo, como a maioría das do concello, conta cun importante patrimonio etnográfico, sobre todo en canto a cruceiros, hórreos, muíños, eiras e fornos espallados ao longo da que é unha das mais estensas do concello, pero, unha vez maís, tomo emprestado esta sorte de eslógan que acuñara don Emilio Duro Peña, e vén como anel ao dedo para difinir o que está a suceder coa maioría do Patrimonio local: “SITU ADMIRABILIS. ANTIQUITATE VENERABILIS. STATU DEPLORABILIS”.

  Que dicirmos das escolas cuxos edificios se repartían por todas as parroquias, incluso con máis dunha por parroquia como era o caso do Campo, e que presentan un estado ruinoso ou están sendo destinadas a “Local Social”, cando na realidade algunha delas é  de uso exclusivo como “velorio”. -Paradoxos da vida: onde tiña que bulir o bulicio da rapazada, o que reina é o silencio e as bágoas

Como noutras parroquias, o relevo xeracional non se dá e a pirámide de poboación mantense invertida; así iremos vendo como xa hai lugares que están quedando baleiros  ou ás portas de selo.

 Como isto se vai delongando en exceso, e os días de festa xa están ás portas para o día grande do QUINCE no que bailarán e soarán  gaitas, bombos e pandeiretas da Banda de Gaitas e Danza do Irixo imos retrotraernos cunha imaxe a uns cantos anos atrás de cando a escola de Casares, inaugurada en 1958, fora construída sobre terreos dos veciños, ademais de colaboraren con aportación de materiais e co seu traballo na construción. Os que daquela asistiamos, algo apoucadiños, ferviamos de ilusión, aínda que non houbese balóns para xogar ao fútbol e os zocos coas tacholas tampouco facilitasen moito a tarefa e algún que outro lle roubase o pan a outro para satisfacer a fame e acompañar o leite en pó na compaña dos sempre amables e prezados mestres Dª Rosa e D. Florentino.

 Deixo un recado para algún dos sempre amables lectores, por se alguén pode dar noticias do autor do poema adicado á virxe da Asunción no nº 31 da Revista “Suevia” da Habana (22-09-1912), pero supostamente residente no Irixo nese momento pois aparece asinado así:  Lisardo López. Irixo 14-8-1912. (Polo apelido puidera ter que ver cos da familia de Dª Manuela, como Pedro López Somoza ou Manuel López Suárez, presbítero, pero dubidoso, por tratarse dunha persoa emigrante). En todo caso, unha sentida homenaxe á Virxe da Asunción do Campo por este home, que, ademais da profunda devoción, merece un recoñecemento senlleiro polo uso da Lingua Galega nese tempo e de benquerenza pola Terra cando xa se cumpren 112 anos da publicación do poema,… na Habana!.

Na escola de Casares cara 1965. Os mestres son dona Rosa e don Florentino.O resto, que cadaquén se atope. Como é de ben nacidos sermos agradecidos:Parabéns a quen curioseou nestas humildes notas e felices festas do Quince a quen participe delas, en particular a Bea e Claudio da Esfarrapa -mardoma/-o-  polo compromiso adquirido coa parroquia.

A VIRXEN D´ASUNCIÓN

I

¿Que terá, nos seus olliños

a Virxen do meu lugar?

Nosa Virxen d´Asunción

    ¿que terá

que cando dela me lembro

danme ganas de chorar?

De neniño inda pequeno,

e dispois cando rapaz,

ó mirar pr´aquela Virxen

pr´aquela bendita nai,

eu sonría com´un parvo

sin podelo remediar.

¿Qué tiña naquela cara

tan feita, tan natural?

¿Qué tiña nos beixos rubios

nas meixelas coorás?

¿Qué tiña pra min a Virxen,

qué tiña nas súas mans

erguidas ambas pro ceo

cal si quixera voar,

como decindo: :”la vou;

adiós os qu´inda queda´s

lidando cas vosas penas

cos traballalliños no chan!”

¿Qué tiña pra min a Virxen

q´agora me fai pensar?

Miña Virxen d´Asunción

      ¿Qué terá

que cando d´ela me lembro

dame gana de chorar?

II

¡Ay, será que eu m´esquecín

d´aquelas mañás do vrau,

que cediño camiñaba

pra vela no seu altar,

pra falarlle co cariño,

q´un neno fala á sua nai!

Será que xa s´escaparon

da miña mente cicais

aqueles dulces recordos

da infanza, d´aquela edá

de ternuras e d´amores

de feitizos virxinals,

cand´os seus pes me chegaba

para con ela parolar!

¡Qué cousas, Virxen querida,

che contei com´a un igual!

¡Qué bagullas dos meus ollo

baixaron ó mesmo chau!

¡Qué sospiros s´escaparon

do meu peito á onde Ti estás!

¡Ay, Virxen, canto ch´eu quixen

naqueles tempos de paz!

Quen soupera, ña naiciña,

cal entonces, hoxe amar!

Por eso ó ver os teus ollos,

ó ver as benditas maus,

que biquei cando pequeño

que adorei cando rapaz,

y-hoxe, cuase que de lonxe,

miro pr´elas e namais;

xa non pregunto cal antes,

      ¡qué terá

nosa Virxen d´Asunción

a Virxen do meu lugar,

que cando dela me lembro

dame ganas de chorar?

LISARDO LOPEZ

IRIXO 14-8-1912.

(Publicado no nº número 31  da Revista SUEVIA, A Habana:22-09-1912)

Arquivo da Real Academia Galega.

Xulio Dobarro Ferradás. Casares do Campo-O Irixo. 10 de agosto de 2024.


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.