Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


Achegármonos á celebración dos patróns destas tres parroquias, ás do Irixo e á do Regueiro (Boborás) non é tarefa sinxela, ou, ao menos, non o foi para min ata que alguén mo aclarou.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 Digo isto, porque tiña unha dúbida, anque pareza elemental, de  por que un San Pedro se conmemora de xeito máis ou menos xeral o día 29 de xuño, xunta co san Paulo, como en Dadín e no Regueiro, mentres o da Espiñeira se celebra o 1º día de agosto.

 A doto isto, e como advertencia previa, téñase en conta que a inclusión da parroquia do  Regueiro nestas sempre tímidas consideracións sobre O Irixo, está en relación con que os lugares da Candosa, As Antas, O Paraño, Cerdeira de Baixo e de Riba, e Os Espiñeiros, pertencen ao concello do Irixo, pero á parroquia do Regueiro-Boboras, despois de que no último arranxo parroquial a Candosa deixase de pertencer á Espiñeira e os demais do Irixo actual á de  Parada.

Parroquiais da Espiñeira, O Regueiro. Dadín coa  procesión da Virxe do Carme ( 2023)

 Pois ben, desde hai un tempo recente, e despois de térmonos achegado ata a igrexa parroquial da Espiñeira -que ata hai uns días estaba en reformas- a miña curiosidade quedou satisfeita, porque un amable veciño da parroquia  explicoume que o seu San Pedro tiña un “apelido” propio, que eu entendera “Cid”,  -cabilei eu que se tería algo que ver co Campeador-.-Vai ti a ver! Craso erro: En realidade, de quen se trata é de San Pedro Fiz ou Feliz, cuxos dous nomes se aglutinaron nun só nalgunhas parroquias ao coincidir no mesmo día a festividade na honra de S. Pedro ad vincula coa de San Fiz. De aí que, das 322 parroquias das que é titular San Pedro en Galicia, 18 delas son compartidas con San Fiz, sendo aquel o segundo santo con maís parroquias en Galicia, despois de María.

 En síntese: O San Pedro, apóstolo e mártir,  ten varias celebracións: 29 de xuño, aniversario do seu martirio (festa na que está unido a San Paulo); 1 de agosto, San Pedro ad vincula, en conmemoración polo seu paso pola cadea, que ao cadrar co San Fiz pois dá como resultado: San Pedro Fiz/Fins/Fiel. Incluso hai unha terceira celebración, o 22 de febreiro, a Cátedra de San Pedro, que celebra a súa primacía na cadeira ou trono para a honra e autoridade do que foi o primeiro Papa.

San Pedro de Dadín, S. Pedro-Fiz “ad vincula” A  Espiñeira  e San Pedro co galo (Capela da Misericordia (Baiona)

 A presenza como patrón en tantas das parroquias de Galicia ten a súa impronta  na tradición culta e oral. Con respecto á primeira, sabido é que Pedro é un dos coprotagonistas da novela de Castelao, Os dous de sempre, na que cada un, Pedro e Rañolas,  simbolizan dúas actitudes moi diferentes de enfrontarse “ás cousas da vida”.

 Por outro lado, tamén temos “O gatipedro”, que vén sendo considerada unha figura mitolóxica de Galicia que fai mexar os nenos na cama. Ten forma de gato branco cun corno na cabeza.

Na contorna do Regueiro (Pena Pixín); Sobreira en Munín (4,70 de diámetro a 1,50 de altura): Fonte na Candosa. Cerdeira de Baixo e de Riba, co Paraño ao fondo desde o transparente topónimo, “Malpaso”, carreiro empregado para acercar o “mineral” ata alí.

 A tradición oral, tanto no refraneiro como en personaxes curiosos, con Pedro como referente, é abondosa. Un dos máis populares quizais sexa o de PEDRO CHOSCO que personifica o sono; así, “Vir Pedro Chosco” é   ”pegarlle o sono a algúen” e “Tanto ten Xan coma Perillán”, cualificativo que se dá a toda persoa pícara ou de pouca fiabilidade.

 O sennumero de refráns inclúe algúns da devoción ao Santo: San Pedro foi cazador, e despois foi mariñeiro; e agora ten as chaves do paraíso do Reino.

 Outros co mundo rural e as quendas das angueiras: –Por san Pedro abre o rego;  -Por san Pedro cóllese o centeo, quer de cedo, quer de vello.

 Cando se trata do San Pedro Fiz, e tal e como me relatara a min Luís, o veciño de Carballeda: –Néboas por San Pedro Fiz, castañas bolercas e nabos ruís.

 Sobre o San Pedro na tradición cristiá, hai algo que se vén reiterando desde hai vinte séculos: o recado que Xesucristo lle encomendou cando o nomea responsable e fundador da igrexa de Cristo: “Ti es Pedro e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa” o que supón ser considerado como o primeiro bispo de Roma e a partir de aquí, ata os nosos días, aí segue o estado do Vaticano coa espectacular igrexa de San Pedro, á que dá acceso a senlleira praza do mesmo nome, proxectada polo arquitecto Bernini, e en cuxo interior destaca, case todo, pero, de xeito especial  o Baldaquino do mesmo autor ou A Piedade de Miguel Anxo.

Na Candosa, retrato de Pai e flllo coa seguinte nota ao pé: “Sr. Jose Lopez Monin, 10 de nov. de 1923. Natural de Candosa, ayuntamiento de hirijo, partido gudicial de Carballino Orense// Sr. Manuel Lopez Touves, natural de Candosa, higo de Jose Lopez Monin y Teresa Touves”.A inscrición corresponde á casa en ruínas, propiedade  de José López Monín” e serve aquela de bo exemplo como ilustración da dificultade e paupérrima ensinanza da lingua oficial con “gueada”-”gheada” e do bilingüismo diglósico imperante ata a actualidade. Sorpresas que nos depara a memoria morrediza.

 Por outra banda, e con respecto á extensa presenza do nome propio Pedro, e os seus hipocorísticos: Pero (Pero Meogo, trobador medieval);  Perucho, Perico, etc; aínda se pode engadir outro elemento maís da súa influencia, porque o apelido “Pérez”  -coa típica terminación de formación de apelidos en -EZ a partir de nomes propios, como: Fernández, Rodríguez… desde:  Fernando, Domingo-, Pérez é o resultado como apelido cuxa orixe foi o de Pedro.

 Sobre a iconografía deSan Pedro, e segundo a elección de un ou outro, como vimos de considerar, pode variar; incluso tratándose do mesmo día festivo. Con carácter xeral, represéntaselle como home maduro, robusto, barbado e de ampla calvicie, que leva na man, ademais dun libro, as grandes chaves que significan a entrada no Ceo. Pode aparecer ao seu carón o galo, que lembra a negación que fixo de Cristo na Paixón- por aquilo de que lle negaría tres veces denantes de que o galo cantase-, ou sentado na súa cadeira como bispo ao ser considerado o primeiro dos Papas da Igrexa.

 O que ía ser recoñecido como fundador da Igrexa, foi detido na cidade de Roma e crucificado no ano 67 -cos pés cara abaixo por considerarse indigno do mesmo tipo de morte cá de Xesucristo-.

Mentres haxa persoas que sigan mantendo viva parte da tradición, aínda hai esperanza.-Mesmo que non sexa coa “Panorama” ou… Algunhas xa  celebradas, outras cando  toque.

 Son moitas as profesións que teñen a S. Pedro como patrón: pescadores (pola pesca milagrosa); canteiros (pola pedra sobre a que Cristo erixiu a súa igrexa); os ferreiros (polas cadeas das que o librou un anxo); os ferralleiros (polas chaves do Ceo)…

 A interpretación popular das chaves dá lugar a que o ceo sexa considerado como con portas e a San Pedro como porteiro e lector do libro onde cadaquén leva escrito o que fixo en vida e el examina a ver se pode acceder.

 As imaxes de San Pedro, como patrón que é de ambas as dúas parroquias, presiden o ático   do retablo principal de Dadín e A Espiñeira e obedecen, en grande medida, á descrición xeral anterior, aínda que os días da festividade non coincidan polos motivos xa expostos, pero, tratándose do mesmo protagonista, en esencia ambos conflúen na representación.

 Con respecto á parte profana, como en case todas as parroquias nas que non só se conmemoraba o patrón, como no caso de Dadín ou do Campo o Santo Antón, ou na Cidá a santa Lucía; na actualidade, estas celebracións, no mellor dos casos, quedan limitadas a  uns foguetes en ofrendas dos veciños, unha misa e unha procesión con algún acompañamento musical, e noutras, que tiñan como punto de encontro as capelas, está a suceder algo semellante: O San Marco no Concieiro, a virxe de Lourdes en Orros, a de Fátima na Ponte, a Candelaria na Ermida do Fondo, o San Bertolameu en Segade  ou o San Roque na Alfarrapa, en cuxas capelas o paso do tempo está a poñer en grave risco a súa conservación, tanto interior como exterior, e que as autoridades eclesiásticas non parecen estar á altura das circunstancias para mantelas, se non se conta coas modestas aportacións da veciñanza, como está a acontecer na maior parte dos casos, pero que resultan insuficientes, dada a perda gallopante de poboación. Moito peor aínda é o caso das reitorais que na súa totalidade están en estado ruinoso, e non hai síntomas de que algo puidera enderezar o rumbo.

 Unha vez máis, e aínda que poida parecer unha ladaíña, tomo emprestadas as palabras do ilustrísimo don Emilio Duro Peña, de ascendencia na Espiñeira-Froufe, cando sentenciou  para outros monumentos o de : “SITU ADMIRABILIS, ANTIQUITATE  VENERABILIS: STATU DEPLORABILIS”, que podemos aplicar ao Patrimonio histórico-artístico-etnográfico do Irixo na actualidade.

  Algo sobre o que tamén nestes días nos invitaba a reflexionar o titular de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Compostela, no xornal “La Voz de Galicia” (29 de xuño de 2024): “Os perpiaños da historia”: “O azar non existe na arquitectura patrimonial, cada pedra está no sitio que lle corresponde e foi pensada par cumprir unha función concreta -un salón , unha torre defensiva- coa intención de crear arte, simboloxía e transcendencia”. Desgrazadamente, cada día que pasa, os perpiaños non só non están ben alineados “no sitio que lles corresponde” nin a plomo, senón que xa forman un crevacabezas imposible de encaixar e “a arte, simboloxía e transcendencia” non semella que interesen.

CARBALLEIRA E CAPELA DA VIRXE DO CARME NA PENA DA SELA

 Un caso diferente é o da capela da Virxe do Carme na Pena da Sela-Saavedra-Dadín, que vén sendo como a romaría por excelencia do concello, tal e como se veu xestando historicamente ata os nosos días. A procedencia de devotos e pelegríns transcende ao propio concello. Tanto é así que, a elevada concentración de persoas, de distinta orixe e “condición” deu lugar a enfrontamentos que nalgún caso rematou con algunha morte, ademais dos carteiristas e pillabáns que aproveitando o xentío facían das súas.

 A celebración arredor da “Virxe do Carme da Pena da Sela” -como ben di o párroco actual- conta desde tempos inmemoriais cunha tradición centenaria que se inaugura uns días antes coa “Baixada da Santa”, despois de permanecer todo o ano na capelapolo camiño  que descende do santuario, pasando polo lugar da Seara, ata a igrexa parroquial en Dadín. Os nove días anteriores ao día Grande, primeiro domingo de xullo, celébrase a novena.

Cristo dos “farois” na capela da Pena da Sela . A Virxe do Carme adobiada coas mellores alfaias, na igrexa  de  Dadín para o translado á capela o día da romaría (2023).

 Desde primeira hora dese día, despois da celebración da misa, as bombas inauguran a procesión que ao longo de aproximadamente dous Km. completa o percorrido ata o monte da Pena da Sela, despois de deixar atrás a Dadín, A Bugalleira de Baixo, o Peto na súa honra, e A Bugalleira de Riba. A senlleira carballeira xa ferve en xentío, olor a polbo, churrasco, cera, devotos que de xeonllos arrodean a capela, cando a imaxe da Virxe é recibida polo cruceiro que se atopa á entrada, para a continuación ser ubicada no exterior onde se vai concelebrar a misa grande. As ofrendas, que antigamente eran xenerosas, cando no manto colgaban cantidades importantes de esmolas, que o enxoval incluía algunha que outra peza valiosa, e as andas eran sorteadas dúas veces á entrada da capela. Quizais a devoción é a mesma aínda hoxe, pero menos visible. Senón, que llelo pregunten a aqueles que aínda se desprazan desde puntos ben alonxados para participar da romaría na parte relixiosa e tamén da parte profana.Tampouco se conseguiría  manter en aceptable estado de conservación a capela e algún servizo como o pozo de auga ou o pendello para a celebración da misa no exterior de non ser por esas doazóns “desinteresadas”. Como tal romaría, e cando as condicións de vida eran moi diferentes, a luz do día era a que marcaba a fin da “esmorga”. Así, os músicos de Veiga transmitían esta mensaxe:-Se vos gustou esta peza, tocarémola outro día, que son as doce da noite, acabou a romaría.

 Especulando un chisco sobre o lugar escollido para a celebración desta romaría na honra da Virxe do Carme no monte veciñal -non común- de Saavedra, os expertos veñen mantendo  que o nome ten que ver coas orixes no topónimo “Karmelo”, monte situado entre a fronteira de Galilea e Samaría onde en época antiga se estableceran uns ermitáns, dos cales os irmáns carmelitas son os seus continuadores, con antecedentes no substantivo “Karmel”, co significado de “xardín” , pola abundancia de flores que medraban nas súas abas. Así, a escolla do nosomonte puido ser  unha das razóns para ubicar aquí o santuario. O espazo  que arrodea a capela queda ben delimitado pola carballeira, que, máis ala desta, medra a vexetación espontánea a base de piñeiros, toxos, algunhas carqueixas, xestas e uces que en anos pasados estivo ameazada polas chamas.

 Disque a devoción en Galicia é recente, arredor do século XVIII, e como  desde O Carmelo de Compostela a estenderon por toda Galicia, chegándose, nesas datas,  a tallar unhas 500 imaxes do Carme. A capela da Pena da Sela, que foi ampliada e  en cuxo frontis, ademais do fornelo cunha imaxe da virxe consta unha inscrición que nos remite a esa época: “esta obra hizo don Andrés de Portas, abad de San Pedro de Dadín a su costa. Año 1757”. No interior cruz en madeira que lembra “Santa misión de s.Pedro de Dadín, 1910”. No fuste do cruceiro outra inscrición: “Hecho a costa de Avelino Vázquez de Saavedra.1917”

 Sobre as variantes creadas que teñan como antecedente o nome propio de Carme, atópanse exemplos como: Carmela, Carmiña, Carmucha, Mela, Menchu…  

 As representacións máis comúns corresponden a tallas nas que María aparece vestida co hábito dos Carmelitas, descansando sobre un trono de nubes con cabezas de anxos, cunha man ofrece un escapulario e coa outra sostén o neno, como é o caso da da Pena da Sela. Cando é obxecto de culto por parte dos mariñeiros, como sucede na maior parte dos  lugares con porto de mar, soe aparecer rescatando a algún mariñeiro con traxe de augas, ademais de ser a Patroa da Armada Española en cuxa honra se canta a “Salve mariñeira”.

 A tradición oral está presente, ademais, de nalgunha cántiga, no refraneiro:

 “ A onde vas Carmiña,

Carmiña, Carmela?

Con zapato de baixo,

e media de seda...”

-Entre o Carme e a  Madalena, non deixes o millo na eira.

-Nosa señora do Carme, aquela máis pequeniña, o día da miña voda, has de ser miña madriña.

 Dito isto, e sen ánimo de sentar cátedra como foi o caso de San Pedro, só me queda desexarlles unha felices festas nestes días sinalados, 29 de xuño ou 1º de agosto, a nativos ou foráneos, e acudir á Pena da Sela na honra da Virxe do Carme este domingo sete de xullo.

Cerdeira de Baixo desde O Paraño. Reitoral de Dadín.”O Paraño” segundo D. R. Castelao (Museo de Pontevedra).Ruínas no lugar do Paraño

Saavedra-O Irixo; a tres días do mes de Santiago de 2024.

Xulio Dobarro Ferradás


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.