O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

IES CHAMOSO LAMAS

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

HIPER MASIDE
  CARTEL DA PELÍCULA QUE “REPRODUCE” UNHA  PASAXE  DA MESMA

“A MALENCOLÍA É COMO  A LUZ QUE PENETRA NO CUARTO DO MORIBUNDO”

Vaia por diante -para os sempre moi amables lectores- que, tal e como consta na presentación da miña identidade eu non fun máis ca un humilde profesor de Lingua Galega, xubilado das tarefas docentes, que procura manter viva, ata onde non resulte atrevemento, a miña curiosidade por todo aquilo que poida ser de certo interese para o concello de onde son natural, O Irixo, ao que me manteño vencellado por razóns de “patrimonio” e afectivas, aínda que na actualidade resida en Vigo [Como vivín en primeira persoa a realidade rural,non me sorprenden tanto algúns comentarios de Iolanda Muíños -Isolina- , que si impactan nos protagonistas e espectadores !!!].

  O pasado 24 de setembro de 2021 o seu director Afonso Zarauza viña de realizar unhas declaracións á prensa na presentación do FESTIVAL OUFF 26 (Ourense Film Festival 2021 no centro cultural Marcos Valcárcel) nas que, entre outras opinións, manifestaba no titular que: “A película está recén saída do forno, rematada de fai dous días, pero o lugar da estrea estaba claro e tiña que ser en Ourensee no OUFF”. No resto da crónica, á parte doutros pormenores, suliña o que me vale como pretexto para arriscarme a adentrarme nas areas movedizas e incógnitas  do cinema, porque dí: “Sobre la elección de la aldea de San Cosme [Cusanca], en O Irixo, como escenario principal del rodaje, empezamos,Marta, mi jefa de producción, y yo a perdernos por Ourense hasta que un día encontramos esta pequeña aldea. El encuentro con los vecinos de la zona fue maravilloso y muy constructivo; venían a ver los decorados, paseaban todos los días y hasta acabaron diciéndonos que nos compráramos una casa allí”.[Xa!, como J. Luis Cuerda no Ribeiro]

O lugar da Fraga, denantes de ser plató de cine,no libro: “O Irixo. Patrimonio cultural”

 De que lugar se trata?  Pois nin máis nin menos que A Fraga  (Parroquia de San Cosme de Cusanca) -na ficción Lupián, parroquia de San Cosme- que, na actualidade pode ser considerado como exemplo paradigmático da Galicia baleirada, mellor dito pechada, porque, a miña experiencia en relación co lugar foi que, á entrada hai unha cancela que limita o acceso, ou, mellor dito, impide que a facenda que anda solta polas que foron hortas, leiras, prados ou pastizais, fuxa ou se perda entre a vexetación espontánea, que, se esta foi a que na noite dos tempos deu lugar ao topónimo, hoxe, considerada co significado de bosque autóctono, é unha evidencia aterrecedora.

 Dille o protagonista, “Pepe” na ficción, á súa parella “Sira”, denantes de facer a inmersión plena no lugar, cando van de camiño, -quizais ao pasar o Tellado, antes da Sueirexe- que “Mercamos a casa nun lugar que non aparece no Google Maps”. Evidentemente, esta é unha hipérbole da ficción, que tampouco tería nada de malo se realmente o lugar fose o que foi tempo atrás, que, aínda que cativo, non o era tanto.

Noutra rolda de prensa que recolle o xornal Faro de Vigo (09-11-2021) de cuxo titular podemos

intuír a liña temática: “El director A. Zarauza explora el terror en Malencolía su nueva película”, unha vez maís  suliña que “El lugar elegido es una aldea de O Irixo -comarca de O Carballiño- donde Sira (Melania Cruz) busca desarrollar su editorial de audiolibros de poesía, […]Por su parte, Xulio Abonjo (Pepe, en el filme) es técnico de sonido y participa en el proyecto de Sira, solo que su poeta preferido es Lois Pereiro (falecido prematuramente:1958-Monforte-1996-A Coruña).

 “En cuanto a las localizaciones del rodaje, indica que el entorno de O Irixo es un “sitio espectacular” que le recuerdaa la Galicia de la infancia, con robles y castaños más vacas, de hecho, algunas aparecen como “figurantes” en la pelicula. “Ese paisaje me remite a mi infancia, a una Galicia que está desapareciendo”, apunta.

O de espectacular podería selo igualmente pero poboado.Lamentablemente non é así, e esa condición  reúnena outros moitos lugares do concello, algúns deles xa en ruínas (Ferradás, A Alén-Froufe, Os Amieiros, A Condomiña de Dadín…) e outros ás portas da extinción.

As “campanas de Bastabales /cando vos oio tocar / mórrome de soidades” de Rosalía de Castro (1837-1885), agora transladadas á Fraga coa parroquial de San Cosme de Cusanca ao fondo ou: “Os seus ecos de malencolía/ camiñaban nas alas do vento/ I o lamento repetía/ Vou morrer e non ven o meu ben” de M. Curros Enríquez (1851-1908), latexan no fondo do filme?

Os protagonistas,Sira e Pepe, de camiño a Lupián (A Fraga)

 Se entendemos por argumento a versión abreviada da acción principal, “do que lles sucede a uns personaxes nun determinado tempo e circunstancias” sen entrar na análise do contido ou temática, aquel pode sintetizarse en poucas palabras segundo resumiu o propio Director “Como muchos gallegos llevan viviendo una década fuera, en Berlín [Kreuzberg, sinala o protagonista] y por una desgracia vuelven a Galicia y cambia su vida porque se asientan en una aldea prácticamente abandonada donde tienen una vecina, interpretada por Iolanda Muíños”.

 O espazo exterior invita á quietude e á paz, -non tanto a casa na que se van “refuxiar”, de escaso mobiliario e paredes desconchadas, que maís ben parecen recrear un ambiente romántico  desenfadado e de moitas carencias-  ata que, como comentaba o seu director, aparece unha antagonista para complicar a acción, Isolina na ficción, – a actriz Iolanda Muíños- , personaxe estrambótica que sorprende pola súa caracterización física, espontaneidade verbal  e conductual ao xeito popular: O comportamento de Isolina responde a  un esquema típico do rural galego -quizais máis nas mulleres pola súa afectividade- , de cando alguén de fóra se asenta nun lugar e, xeralmente se lle brindan ao visitante todo tipo de presentes -patacas, chourizos, ovos,…. e mesmo “unha pota de caldo” para que non pasen fame os protagonistas, ou certos  comentarios e actitudes que contrapoñen un punto de vista rural-decante  a outro máis urbano-moderno, cando, por exemplo, co “asasinato” do can, “Gus”, “Isolina” non lle concede maior  relevancia e non se lle ocorre outra mellor idea que ofrecerlle outro porque “a cadela do seu curmán acaba de parir unha camada  e  “Gus” “non era máis ca un can”. Estes ofrecementos tamén poden ter que ver coa curiosidade, en consonancia con aquilo que recrea a cantiga popular: “unha vella díxolle a outra polo buraco da porta, ti arregla a túa vida que a miña nada che importa” ou coa necesidade de “ter con quen falar” que, é unha realidade para moitas persoas do contexto rural actual.

 “Isolina”, que aparece e desaparece ao longo de todo o filme, case se podería dicir que forma parte da acción principal, porque dalgún xeito dálle coherencia ou actúa de nexo entre eses dous mundos afastados da Galicia rural e urbana, na que cada xeración que se extingue máis se alonxa a seguinte: o lugar de “Lupián” -A Fraga de San Cosme, pechado por unha cancela,  é coma unha metáfora da maior parte da Galicia rural, que, como unha especie de reserva natural se abre ou se  pecha segundo as quendas dos períodos vacacionais, no mellor dos casos, porque algúns xa non son  accesibles nin aparecen no Google Maps, como apunta o protagonista, aínda que a parella ía buscando algo así e que se senten enganados pola persoa que  lles vendeu a casa, pero a realidade é moi carneira, e esta realidade é a que nos introduce nese mundo entre o máxico, e o terrorífico que o director lle quere inspirar ao filme, cando aparecen os primeiros medos dos protagonistas, e dos que Isolina fai de portavoz, ademais dos sinais evidentes de que algo “anormal” está a caer, porque na noite, os sons de fondo coa curuxa ou outras aves nocturnas, das vacas, portas que renxen, etc. non son de bo agoiro,póñenlles  o frío na res e a expresión da faciana dos protagonistas, sobre todo cando escoitan os ruídos no faiado, non invitan ao sosego.

 O misterio e as lendas fan mención a algunhas como un caso de licantropía que se dera na contorna e que rematou nos tribunais en “Ribadavia” ou a Estadea, Santa Compaña ou anturuxada que, como suliña unha das personaxes,”Sira: “ a Santa Compaña desapareceu cando puxeron farolas nas aldeas”, como un chío de modernidade urbana que aquela representa e unha fuxida das lendas e superticións.

Fotogramas nos que a caracterización de “Isolina” é abondo rechamante,e moi clásica segundo o “estilo” rural, ademais da faciana de terror de Melania na compaña de J. A. Touriñán

Sira en case ningunha ocasión mostra unha faciana de ledicia; será a enfermidade ou a melancolía que todo o invade, a non ser nas escenas iniciais cando a ilusión pola nova vida en Lupián a fai sorrir. [Acaso “Sira” non garda un certo aire “rosalián”-moi afastado da Melania Cruz sorrinte, e ao amparo de que A. Zarauza di que Galicia é terra de mulleres poetas, e destácao no feito de que o aeroporto de Santiago leve o seu nome, amais da “saudade” compartida polas dúas?]

  Mágoa que, á marxe doutras moitas desas lendas, non se recollese unha que está documentada polo ilustre arqueólogo A. López Carballeira, hóspede de Don Román García Novoa, fidalgo de San Cosme de Cusanca, arredor de 1917, en cuxa crónica da súa visita suliña que :”En una de nuestras excursiones visitamos la abrupta altura llamada Pedra do Demo, donde entre un conglomerado de enormes peñascos, se eleva en la cresta una gran piedra oscilante. A la falda de este monte hay unos molinos. Y no es tradición lejana la que nos refirieron,sino de hace solo algunos años, pero que nos crispó los nervios y que parece evocadora de antiguos cuentos de brujerías y trasgos” .

 “Un vigoroso mozo,que pasaba por ser el más valiente de la parroquia (San Cosme de Cusanca), acompañado de un niño de corta edad, caminaba una noche hacia aquellos molinos, llevando en una caballería unos sacos de grano.Al llegar cerca de aquellos peñascos, columbró entre las sombras una legión de pequeños monstruos, parecidos a chivos,que le cercaban. El fornido mozo arremetió con ellos a estacazos.El niño, que también los veía, le animaba diciendo: -Dálles forte, que son moitos-. En efecto,cuanto el mozo más los apaleaba, más resurgían. Por la mañana apareció allí reventado de luchar y echando sangre por la boca. Son muchos los que recuerdan al mozo, os dicen su nombre y refieren su muerte misteriosa”.

Aínda hai outros personaxes secundarios que, como no caso de Diego Anido, “Paulino”,representa a faciana definitiva do terror, armado cunha fouce, cando despois de coñecérmolo está disposto a vingarse…pero invádeo a “malencolía”…?

  Con respecto ao tempo cronolóxico hai algunhas referencias explícitas cando, por exemplo os protagonistas se desprazan ata o cemiterio da parroquia,con fondo de campás que tocan a defunto, -que como di a opinión popular non tocan polo morto, senón para lembrarnos aos vivos esa meta definitiva- “Sira” di que todos os enterrados foron sepultados o mesmo día do mesmo ano de 1986, e que eles voltan a Lupián dez anos despois de residir en Berlín. Modernidade e actualidade van da man, non só por esas referencias, senón polos datos que nos vai deixando a narración como os traballos de ambos os protagonistas: a edición de poesía en formato audio-libro por parte de Sira coa colaboración de Pepe como técnico de son (-Hai varios chíos á poesía por parte do director?)

 A acción desenvólvese a ritmo lento ata que os feitos se van desenleando e o desenlace é inminente: co terror que invade o lugar, foxen sen tino ata a resolución final da trama.

Xulio Abonjo, “Pepe”, actor principal,nun intre de confusión entre a ilusión inicial e a decepción

 Nunha das pasaxes, aínda no medio da morte e do terror, hai unha concesión a un tema tan relevante para a reflexión en Galicia como é o do idioma cando , por exemplo, “Pepe” na compaña de “Sira”, ao referirse ás inscricións nunhas lápidas comenta que “Todas están en castelán” , incluso reproduce unha curiosa que será da colleita do guionista/director: “Gumersindo Meijide. Tu mujer, tus hijos y Galicia bilingüe no te olvidan”-Isto non é normal. -É o país que temos….O que non era normal é o que lle retruca Sira….

 A modo de curiosidade recollo a que seguedun dos cemiterios locais, que sorprende, non tanto polo idioma, case o cento por cento delas en castelán, como pola idade do xove falecido,” A los 15 años de edad” ,pero sobre todo por este epitafio:”Joven el mundo perdí. Mi vida bien corta fue. Padres no lloréis por mi, a Diós por vos rogaré”. Ademais, como xa teño dito, os cemiterios son un exemplo da memoria local, non só desde o punto de vista arquitectónico e da antroponimia local, especialmente na relación entre moitos apelidos e topónimos senón tamén como reconstrución dalgunhas liñaxes familiares, ou curiosidades como a de reservar espazos nos camposantos para “non bautizados ou de bautizo dubidoso” no Campo.

 Sobre o título do filme poderiamos recorrer para a súa explicación a moitos ensaios que sobre o tema da “melancolía”, mesturada coa “saudade” a “nostalxia” e a “morriña” foron obxecto de estudo por moitos investigadores galegos e portugueses. Aquí ímos reducir esta reflexión a algunhas das mensaxes explícitas que sobre o tema aparecen ao longo daquela e que reproducimos ao comenzo ao pé do cartel que promociona a película. “A malencolía é como a luz que penetra no cuarto do moribundo” ou a versión que nos deixa o propio director nunha entrevista para “La Voz de Galicia” (24 de marzo de 2022) como “a felicidade de estar triste” ou que os personaxes presentan diferentes tipos de melancolía: “pola persoa (Navia)que xa non está, polo tempo pasado (dez anos fóra) ou por un lugar (Berlín)”.  A choiva, por exemplo, para Navia ten un simbolismo diferente segundo o espazo, Berlín-Galicia: “A chuvia en Berlín é diferente. Aquí cánsame; alí sen embargo dáme a felicidade de estar sempre triste”.

 A dúbida que se me plantexa, -á parte doutras moitas-, é, se esta liña de pensamento estivo na mente do director e guionista e ten que ver co estado de ánimo, tantas veces reiterado sobre a poeta Rosalía de Castro (1837-1885), que, en poemas como o popularmente coñecido como “O Cravo” en Follas Novas (1880) transmite un sentimento contraditorio da dor como inherente á condición humana, pero, á vez, de felicidade:

 “Unha vez tiven un cravo,

cravado no corazón,

i eu non me acordo xa se era aquel cravo

de ouro, de ferro ou de amor”.

 “xa non sentín maís tormentos

nin soupen qué era delor;

soupen só que non sei que me faltaba,

en donde o cravo faltou,

e seica, seica tiven soidades

daquela pena… ¿Bon Dios!

“Tal me acoden as soidades,

tal me queren afrixir,

que inda máis feras me afogan,

si as quero botar de min”

 Divina Rosalía, Senhora da Saudade e da Malencolía” dicía Teixeira de Pascoaes

Segundo o dicionario da Real Academia Galega cada un dos vocábulos, aparentemente sinónimos, deberiamos matizalos nos seguintes termos: Melancolía: Estado de ánimo caracterizado por unha tristeza fonda e permanente ; Saudade: Sentimento profundo no que o suxeito vive unha perda ou experimenta  unha aguda nostalxia de algo xa vivido e que considera desexable.Reservando o termo Morriña/Nostalxia para referírmonos á nostalxia da terra ou de algo querido que se perdeu ou do que está lonxe.

Eu concluiría que o tema ou contido do filme, aínda que impregnado de terror, é unha mestura de

melancolía e de saudade . Por iso un dos temas musicais que acompañan a longametraxe é o que interpretou cun éxito senlleiro nos anos setenta o cantautor Andrés Dobarro, sobre un poema de Xavier Alcalá, cuxo retrouso non deixa lugar a dúbidas sobre a fusión entre “Malencolía e Saudade”, ou así puidera entendelo o Director, A. Zarauza.

 “Teño saudade, saudade teño de ti./ Teño saudade de ti meu ben/ Teño saudade de ti.”

Foi ás portas da reitoral da Cidá, onde o director foi agasallado co libro “O Irixo. Patrimonio cultural”, e así siga  descubrindo outros espazos que poidan ser susceptibles de interese para  novos proxectos cinamatográficos, ademais de celebrar  con todo o equipo de gravación, e coas  persoas do concello que colaboraron  con aquel, a conclusión da rodaxe.

 Na fin da longametraxe, o departamento de produción e arte, agradécelles, ao concello do Carballiño a colaboración prestada, así como  ás seguintes persoas e institucións do do Irixo. Engado literalmente eses agradecementos individuais, tal e como constan nos créditos do filme, e por se algún dos citados non tivo a oportunidade de velo que saiba que é unha honra que figure nesta listaxe, ademais do privilexio de que o director A. Zarauza, escollese este concello como plató para esta película e, se fose posible, para futuras producións, ademais de desexarlle en nome propio e deles o maior éxito posible para el e o cinema galego: Alcalde do Concello do Irixo Manuel Cerdeira, “Lito”; Abraham Castro Arquitecto, Aurelio Domínguez, Rubén Nogueira, Francisco Varela, Rodrigo Martínez, José Manuel Otero, Bar Capri, Casa Isolina, Antonio, Casa Piolla, Pepe Domínguez, Bar La estación, Marisol e Leti, Pulpería maría Jpsé, José de Vixide, Camilo Pérez, Chelos, Finca Leira, Parking Marifé, Nilo-Vaca, Máis Escola 21, Abel, Águeda e Ana, Asociación de Veciños Nosa Señora da Cidá, Mari Orros, Cooperativa de Loureiro, Colexio Pena da Sela.   

 NOTA: Como advertía na introdución  a esta colaboración, nada máis lonxe de pretender con estas liñas entrometerme en terreo alleo, que corresponde aos especialistas da setima arte. Pido desculpas de antemán  aos actores, actrices e persoal implicado na produción e, de xeito especial ao seu director, A. Zarauza, por ter rescatado algunhas imaxes do filme para ilustrar esta crónica, con dous  obxectivos prioritarios: darlle a maior difusión posible ao filme neste medio dixital, Badal Novas, e contribuír á difusión dun slógan: “O Irixo, plató de cine”.

 Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, 1º de maio de 2022.


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV