Xulio Dobarro Ferradás. Profesor xubilado e veciño do Irixo
Quizais nesta xeira, e coa maior consideración para os sempre moi amables lectores, proceda unha aclaración previa con respecto á mensaxe e as verbas empregadas como título para esta e,quizais, para algunha outra reportaxe posterior.
O substantivo -verba, palabra- “vindeover” foi recollido hai xa bastante anos por min no lugar onde me criei, en Casares do Campo-O Irixo, e pareceume o suficientemente orixinal e á vez moi transparente no seu significado para destacar as cualidades de algo, a pouco que un se pare a ollar ou analizar os seus compoñentes. Para entendérmonos:Vén sendo algo así como unha invitación a desfrutar de algo que pola súa rareza ou utilidade merece a pena ser admirado (os elementos mofolóxicos que forman este substantivo composto son: o imperarivo do verbo vir (Vinde), máis un pronome (o) referido ao motivo sobre o que se chama a atención (O Irixo) e un infinitio, “ver”.
Con respecto ao substantivo “cadabullo”, probablemente descoñecido para aquelas persoas que non tiveron contacto cos labores no agro que, segundo o dicionario da Real Academia Galega nunha das súas acepcións que mellor veñen ao caso, define como : “Cada un dos sucos que se aran de través, por non chegar o arado ás estremas dunha leira”. Pero, nesta ocasión non estamos a falar de regos nin de arados en sentido literal senón doutra cousa.
Vexamos.Quizais con estas consideración previas xa pode quedar a intencionalidade ou a mensaxe do título aclarada, pero, aínda así, direi que o sentido figurado co que algunha persoa da miña contorna lle dá ao “de estar no cadabullo” é o de “algo que está bocexante ou ás portas da morte”. Polo tanto, o que vou mostrar a continuación ou xa está morto ou ás portas da extinción –no cadabullo-, e, se acaso, a alternativa que quedaría sería salvalo, restauralo e conservar todo aquilo que sexa salvable nun gran Centro etnográfico do concello, chámese así, museo, sala de exposicións permanente ou Centro de interpretación da historia/ natureza.
Imaxe obtida do “Voo americano de 1956” de Tras da Costa, onde, ademais da fragmentación do terreo, aínda se poden aprezar os “medouchos” da sega do centeo, porque era polo verán.
O CENTEO: DESDE O SUCO Á ARTESA
Como un dos obxectivos destas reportaxes é recuperar parte da memoria de noso -quero dicir do Irixo- e como case todo “está no cadabullo” ou nos museos, pois vou tomar emprestadas unhas verbas dunha colección editada polo “Museo Liste” de Vigo da súa colección: “Os saberes do museo” VI, adicada a “O Centeo. Unha cultura”,ademais, de poder servir como “modelo” para esa proposta de “ Centro etnográfico do Concello do Irixo”, e termos presente que en Oseira se vai reabrir ese museo baixo a xestión da Deputación de Ourense, cuxa propiedade é dos herdeiros de Olimpio Liste, que recollera unha inxente cantidade de pezas e que agora se poderán admirar por aqueles que teñan curiosidade polo noso pasado vencellado a unha actividade tan importante para Galicia como foi o agro, as angueiras e apeiros diversos relacionados coa cultura do pan.
“O centeo é un cereal de gran resistencia,e moi pouco esixente en canto á calidade do terreo e mesmo á climatoloxçia, polo que presenta unha gran adaptación a todo tipo de terras; de aí que pode ser cultivada en zonas adversas para outros cultivos”.
Estas consideracións transládanme mentalmente aos anos sesenta do século pasado, cando aínda no punto coñecido como Tras da Costa, monte comunal da parroquia do Campo, dos veciños de Orosa, Menaz, O Cardedo, Casares e A Filgueira, onde hai uns anos se ía ubicar unha incineradora e na actualidade son varios os “eólicos” que vixían o val, era monte adicado a estivadas, é dicir, terras que se cavaban, queimában os torróns nas “borrelas”, e se sementaba o centeo no outono e se recollía no verán.O que queda reflectido nesa imaxe aérea de 1956.
Desde Dadín, lugar de nacemento de María, arredor dos anos setenta, nas veigas de Saavedra e de Orros aínda era posible ver os resultados da sega do centeo, cando despois de atado en mollos coa mesma palla, se xuntaba na leira en “medouchos”, que equivalían, á carga do carro.
Se non era nas estivadas era nas veigas de máis secano, porque, tanto pola data da sementeira, como polo terreo, eran as veigas as que eran menos húmidas e facilitaban o labor, como que, polo que se dicía máis enriba, o centeo non era tan esixente como outros froitos na calidade da terra, así que aquela mellor se reservaba para a horta, o millo ou as patacas.
O labor da sementeira ía precedido do labrado previo da terra e despois se sementaba “á manta” cubrindo a semente co arado de pau ao que se lle incorporada un “fachico” de palla transversal que ía tapando a semente sen que esta quedase moi fonda na parte máis alta do “suco”.
Cando despois do letargo invernal ía agromendo a semente, unhas veces era preciso escardar ou arrancar as herbas malas -sobre todo saramagos– [como aquilo que dicía o Evanxeo de separar o trigo e a cizaña], e se os resultados non eran os agardados, algunhas veces destinábase para o consumo dos animais (unha especie de ferraia, aínda que esta sendo da mesma semente seguía un camiño distinto; polo xeral, sementada despois de recoller as patacas ou entre o millo; ou, se se daba o caso, tamén podía aproveitarse para o gran).
Despois de pasar friaxe abonda nos meses de máis invernía entre novembro e marzo, -por iso se dicía máis enriba que era moi “escravo”- aínda quedaban arredor doutros cinco para que a palla empezase a dobrar a cabeza co peso das espigas, e agora recibir de bo grao -ao menos para os donos- as calores do estío.
Cando estamos na forza do verán, que os campos de herba e do centeo empezan a dar mostras das tórridas xornadas de calor, que segundo o refraneiro “Xullo para segar, agosto para mallar, trinta e un han de levar”,gadañas e fouciños,relucintes, contra os que se bate o sol do mediodía, despois de cravuñados e afiados; estamos a falar de pingueiras de suor e sangue, no que homes e mulleres se afanan en loitar contra o mal tempo por se vén unha treboada que se bota a chover e estraga a colleita. Pero, quizais o peor non era o trafego da sega propia ou comunal co vecindario, senón aquelas de triste lembranza que nos transladan a máis de cento sesenta anos atrás, cando xa Rosalía de Castro (1837-1885), recollía no seu libro “Cantares gallegos” (1863) unha imaxe abondo arrepiante de como eran tratados os galegos que, nos seus desprazamentos ás segas a Castela, recibían un trato denigrante. Ademais, esta emigración interior ás terras de Castela prolongouse ata mediados do século pasado, mentres a mecanización do campo non se xeralizou.
Castellanos de Castilla, Foi a Castilla por pan En tros de palla sentados
tratade ben ós gallegos; e saramagos lle deron; sin fundamentos,soberbos,
cando van, van como rosas; déronlle fel por bebida, pensás que os nosos filliños cando ven ven como negros. peniñas alimento. para serviros naceron…..
Se o labor de segar e de atar se pode considerar que estaban reservados para a xente adulta, a rapazada tamén tiña a súa cota de compromiso coas angueiras familiares relacionadas co centeo na veiga. Á xente miúda asignábaselle unha tarefa máis sinxela: aproveitar as espigas que quedaran esparexidas pola leira e non foran incluídas nos mollos e, o ben maís prezado, o “cornocello”, que é un fungo que contén substancias tóxicas, polo que se recomenda separalo do pan, pero, sobre todo, porque se vendía a bo prezo na feira do Tellado, que frecuentaban os tratantes de cereais, e aquel se destinaba para uso medicinal.
Como no Irixo non hai grandes extensións de ningún froito en xeral, e de centeo en particular, a familia era autosuficiente para levar a cabo esta primeira volta co centeo, así como a do carrexo ata a eira onde se ía xuntar o de varias leiras nunha meda e aquí permanecía, máis ou menos días segundo a disponibilidade dos malladores, ou a chegada da malladora.
O cornocello, como eran cantidades reducidas,empregábabase unha saqueta pequena para gardalo e levalo á feira
O medio de transporte por excelencia non podía ser outro que o carro, que con longos estadullos permitía que a carga fose maís voluminosa aínda que o peso non fose tanto, porque estamos a falar dun produto que, como no caso da herba, avulta moito pero o peso en relación, por exemplo, co esterco para o que utilizan as canizas, ou os ladrás para as pedras, era moi inferior ao destes últimos produtos.
Carro e apeiros no Museo Liste de Vigo na parte superior e carro e arado de pau en Saavedra (2022)
O que veño de reproducir na composición anterior pretende servir como unha chamada de atención sobre este patrimonio que está chamado a perderse, se é que non se bota man del canto antes ou ao menos que, aínda que sexa nun “museo”, se puidese conservar unha mostra [que as hai hoxe e quizais dentro de nada, xa non].
Xa temos o centeo na eira que, xeralmente é comunitaria, e as “Casa grandes” e as reitorais contaban con eira propia, ao lado da palleira e do hórreo. Véxase como exemplo vivo (2022) a reitoral do Campo, ou a da casa que foi de don Román da Sueirexe, ademais do pombal.Esta referencia ao “Fidalgo de San Cosme” permítenos lembrar a faena da malla na súa versión máis tradicional empregando “o mallo”, ao que nos transladamos cen anos atrás cando o ilustre Antonio López Carballeira, amigo do cusanqués, nos relata os quince días de lecer e inmersión na contorna do lugar, que pasou na súa compaña no mes de agosto de 1917, e, polo tanto, tempo de mallar. Seguramente que eran moitos veciños aos que se obrigaban a axudar na faena de balde, ou a cambio dalgún favor do señor. Ou tamén se podía dar o caso, -máis habitual para facer o maio coa roza dos toxos-, que os “cambotes” fosen a xornal.
Galiciana: Vida Gallega. 1917.Antonio López Carballeira
Dicir que no Irixo as cousas mudaron radicalmente nestes cen anos de andaina é pouco, porque, non mudaron, morreron, quizais para sempre, ao menos o cultivo e o aproveitamento do centeo e os derivados: a fariña, o farelo, a ferraia, o colmo, a palla…
Sí é certo que do primitivo “mallo”, pasouse a mediados do século pasado por unha fase intermedia na que se mantivo o xeito de cultivo, pero modernizouse unha das tarefas máis duras, a da malla, ao incorporarse a “malladora” que se desprazaba dun punto a outro da parroquia no carro que levaba incorporado,tirado por unha xugada, e que se activaba cun motor, que ía independente noutro carro.
Este desprazamento dun lugar a outro convertíase nunha procesión pagana, e que os nenos vían con certa curiosidade e alborozo, porque eran, como mínimo tres xugadas as que se tiñan que mobilizar para completar a faena. Dúas para mover a malladora co seu motor, e outra para transportar a “erguedora” (aventadora) (Nome que deriva de “vento”, de cando se realizaba de xeito manual para separar o gran dos residuos da palla e da espiga, “os coaños” ).
A novidade destes artiluxios fixo voar a imaxinación dalgún pequerrecho que ao interesarse pola condición daqueles, e manifestarlle a un dos malladores que quería unha como aquela “erguedora”, este, con certa retranca, como aquela tiña unha barriga abondo pronunciada,en cuxo interior levaba as aspas, ocorréuselle satisfacer a inxenuidade do crío propoñéndolle que non se preocupara que xa que a erguedora estaba para parir, como podía apreciar pola barriga que tiña, íalle lle reservar unha cría para el e o ano vindeiro xa lla traía.
Digamos que o ruído sincronizado de varios mallos na eira foi substituído polo do motor e a malladora, que no momento de arrancar poñía en movemento o vecindario, porque canto máis rápido se dese servizo ao mallador que subido nun tallo abastecía o cilindro, que co seu bater interior despedía a palla para un lado e o gran para outro, e, simultaneamente se retiraba a palla e o gran.Ademais, o custe establecíase en función do tempo que transcorría desde que o motor se poñía en marcha para cada veciño, ata que se remataba a quenda.O palleiro ou a meda eran o destino da palla para colmar -despois de espallalo- ou para os animais. O gran, denantes de ir á tulla ou ao horreo, aínda se pasaba pola erguedora, manual, que o limpaba das impurezas que non separara a malladora, ata levalo a moer -a fariña centea- ou usalo en gran para os animais.
Mostra dalgunhas pezas do museo Liste que algunhas persoas reterán na súa memoria
Como dicía, o labor do cultivo e transformación do centeo desde a leira á artesa ou á palleira é dunha complexidade extraordinaria, aínda que unha boa colleita sexa símbolo de fartura para as persoas e os animais.Cando os avances técnicos trouxeran consigo a simplificación ata niveis inimaxinables -a colleitadora,unha soa maquina, sega e transforma a planta para os seus dous usos fundamentais: para gran e palla-, lamentablemente non hai nada que segar nin mallar en todo o concello do Irixo.
Eira, hórreo e palleiro en Prexigueiro constitúen un conxunto homoxéneo
Muíño do Freixeiro ou da Casa Grande de Dadín(2022).Un pé para o millo e outro para o centeo
Sobre o aproveitamento da palla, case poderiamos aplicar o mesmo refrán que para o porco do que se dí que se aproveitan ata os andares; pois, no caso da palla centea non os andares pero si outros moitos usos.Desde a palla que, unha vez espallada, se destinaba a colmar as vivendas ou as pallozas para as que malamente hoxe se pode conseguir este colmo; ata as corozas que con xuncas ou palla protexían das invernías, ou a que se queimaba par chamuscar os porcos; para comer ou facerlles a cama máis cómoda aos animais domésticos, e incluso un fachico par dar luz nas longas noites de invernía ao raso. Todo isto no caso que se deixara secar, porque estando verde tamén se destinaba aos animais en forma de ferraia e como un nutrinte de alto valor nutritivo.
No museo Liste de Vigo poden contemplarse obxectos ben curiosos como este “Guizo” para dar luz na lareira; ou o “fachico” para alumear, sobre todo cando se realizaban longas andainas nocturnas para ir ás mozas, ao muíño, ou a onde lle cadrara para que non te “comera a noite” como lles pasou aos protagonistas do conto de Ferrín, “Medias Azuis”
Cada unha destas imaxes corresponde a distintos xeitos de conservar os grans. A máis sofisticada,na parte superior,atópase no museo Liste de Vigo; a da esquerda é un exemplo conservado no lugar de Casares do Campo con dous estoxos, xeralmente un para o centeo e outro para o millo, na que se observan restos do cal que se aplicaba para reducir os efectos do gorgullo. A da dereita, coñecida na lingua castelá de Estremadura como “la troje”no lugar de El Casar-Cáceres, na parte máis alta da casa, neste caso adicada a museo etnográfico
Diciamos que do centeo se aproveita todo, -agás as raíces-, e así, ademais do gran, case pode dicirse que tiña tanto ou máis interese para, por exemplo a cubrición das casas, ata ben avanzado o século XX,como para a alimentación. Neste sentido, volvemos traer a estas liñas a interpretación da paisaxe que tanto impresionara ao ilustre visitante de don Román, a medida que foi descubrindo a contorna da Sueirexe en 1917.
Familiares dos da “Casa Grande “ de Dadín, desde a vía do ferrocarril cando estaba para inaugurarse o trazado do Carballiño a Santiago (1958). Aquí pode observarse a convivencia do colmo nalgunhas construcións (o palleiro, un cuberto adosado á palleira), ao lado da Casa Cuartel e o hórreo en tella plana. Como tal casa acomodada contaba cun curro extenso, eira e algunha árbore alóctona, un magnolio que foi eliminado cando a conversión a hotel rural do edificio principal.
Mollo de colmo de ferraia atopado nestes días na barra da casa familiar, que ben puidera acadar uns sesenta anos, porque vén sendo o tempo transcorrido desde que se deixou de traballar a terra.
Para futuras iniciativas de cultivo, quizais non debería descoidarse a elección do centeo como máis produtivo có trigo ou a cebada, sendo aquel, historicamente, máis tradicional na contorna.
Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, 28 de marzo de 2022.
Outros artigos de Xulio Dobarro
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.
VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV