O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Estación do ferrocarril do Irixo (Novembro de 2021)

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo

AVANTAR ACTIVIDADES

 Cando estamos ás portas de cumprirse o centenario do inicio dos traballos de construción do trazado da liña Zamora-Ourense-A Coruña, os que o proxectaron non cabilarían que aquel ía correr tan mala sorte porque, en caso contrario, serían máis sensatos e evitarían o sacrificio económico e de vidas humanas en tal iniciativa.

 Mágoa que  a maior parte das infraestruturas que foron construídas para a súa inaugruación entre Ourense e Santiago en 1958, e que contou coa presenza do Xeneralísimo, na actualidade presentan unha imaxe de baleiro case absoluto; agás honrosas excepcións como son as vivendas que foran construídas para os ferroviarios na maior parte das estacións, que, como no caso do Irixo foron vendidas polo ADIF a particulares e na actualidade configuran un conxunto “orixinal” de vivendas adosadas cunha ampla extensión de terreo comunitario e con servizo de auga independente das do lugar da Lama,que chegaba desde o túnel de San Cosme ao antigo depósito do Fontao [asolado polo AVE]. Na actualidade permanece tapiada a “casa-pazo” da estación, que era a vivenda do “xefe-kaiser”, ademais de acoller os servizos propios de calquera estación con amplos accesos aos baixos daquela coas oficinas, consigna, aseos e zonas porticadas.

 Desde o punto de vista arquitéctónico, a antiga -pero benfeita e senlleira estación- é un exemplo de convivencia da tradición, co traballo dos canteiros da contorna cun material autóctono, o granito, e o formigón, desimulado co revestimento da pedra. Eran quilómetros de muro, a base de cachotería e cemento, os que delimitaban a contorna de todos os servizos propios dunha estación: oito vías en paralelo ata as “agullas” para as manobras e cruces de trens cun sinal luminoso á altura do Carril de Roque, outra de atraque para o peirao e vías mortas para estacionamento, varios almacéns, e unha explanada amplísima que, en poucas ocasións, agás cando un madeireiro portugués a alugou para depósito das toradas de castiñeiro que mercara por todo o concello, especialmente pola parte de San Cosme. O paso do tempo vai deixando visibles os adoquíns e os beirís que, por outro lado, marcan claramente os espazos reservados ás persoas ou ás maquinas.

 Había aínda algún que outro detalle que, aínda que estaría previsto coa intención de prohibición, como por exemplo todo o muro que ía desde unhas “agullas” a outras para impedir o paso de persoas ou animais, o caso foi que, e a pesar da ausencia total de pasos a nivel, o vecindario dos lugares de Casares, Menaz, Orosa e O Cardedo, sobre todo, cruzabamos as oito vías ou a vía en calquera outro lugar, e a beiravía era empregada como camiño habitual para moverse entre os lugares máis próximos á vía, desde San Cosme ata Reádigos, sobre todo desde a estación a Dadín, por ser estes dous puntos de interese comercial e que se ubicaba neste último o cuartel da Garda Civil no que hoxe se coñece como Casa Grande de Dadín (Hotel Rural clausurado).Non me consta que ninguén do rodopío fose atropelado polo tren, pero si moitos animais foron vítimas do tren cando algúns deles eran atraídos polos restos de comida que guindaban os viaxeiros.

 En síntese, e a pesar de que A VÍA fose a orixe de moitas desgrazas, sobre todo a construción do túnel nº 124 de San Cosme, non cabe dúbida que no seu tempo foi unha obra magna e, en particular, a súa ESTACIÓN, que podemos situar  na liña da “arquitectura rexionalista” de A. Palacios Ramilo, pero na vertente civil, o que no plano espiritual referido ao templo da Veracruz do Carballiño, Felipe Senén[1] define como:”Se recogen en esta obra [A Veracruz] no las estrictas obras antiguas [..] sino la espíritualidad conmovedora de la emoción religiosa, empleandom para ello  como único  material el eternamente noble de la piedra, con escasa o ninguna labra, pero en forma tal que cada piedra nos hable expresivamente por su traza, disposición, calidad, tamaño, función…”

 Desde logo, no caso da estación do Irixo, o granito nesa vertente máis rústica -non tanto nas construcións da contorna en perpiaño- está presente desde os alicerces, as columnas de base cuadrangular, as escaleiras, paredes e ata o punto maís alto no remate das dúas chemineas [fogóns a base de carbón, un para a oficina do xefe da estación e calefacción e a outro para o servizo da vivenda].

A contorna da Estación en fase construtiva cara 1956 (Voo Americano

O edificio, actualmente propiedade do ADIF, foi rehabilitado para que o seu deterioro non sexa irreversible, e que algún día poida ser aproveitado para uso social, cultural, ou aquel que mellor se adapte para a súa conservación e utilización.Recentemente, a alcaldía, da que é o seu presidente, Manuel Cerdeira González, vén de asinar un acordo co ADIF e está a traballar nun convenio coa Xunta de Galicia para a posta en valor do edificio e da súa contorna.Ademais da utilidade como zona de lecer para uso de actividades deportivas,recreativas, non esquezamos que son moitos miles de metros cadrados e tamén podería vir ao caso reservar algún deses espazos para algún centro de interpretación da natureza, museo etnográfico que podería ser dotado con pezas tradicionais relativas ás actividades máis tradicionais no campo da agricultura, gandería, forestal, etc. ou sala de proxeccións interdisciplinares.Se se quere fomentar o turismo, este ha de ser sostible e compatible cos labores tradicionais, que deben ser dinamizados, e como base da “Marca O Irixo”. De non ser así, esta será “flor dun día”, “pan para hoxe e fame para mañá”.

A contorna da estación en 2021

Se o impacto ambiental e visual xa fora abondo cando a construción do trazado anterior, o da liña do AVE é descomunal.A vella vía que se adentraba en terras do Irixo pola parroquia de Reádigos polo sur, pasando polas de Dadín, O Campo e Cusanca despois de salvar algun que outro penedo, e desniveis no terreo, o AVE chega ao Irixo en túnel pola parte de Cangues, cruza o val de Loureiro e sumérxese en Tacarín polo túnel de Barro ata o lugar de Marnotes, a costa da Reguega, varre o fondo do lugar de Casares, parte da Lama, segue en viaducto (Viñao) pola Laíña, abeira a

 Dous trazados, dous tempos confrontados(1958-2020)

carballeira do Tellado, para de novo despedirse do Irixo polo túnel do Outeiro, soterrado no Foxo, e conectar coas terras do Deza-Lalín. A imaxe superior dá a impresión de que estamos sobre unha contorna na que o movemento de persoas e mercancías é moi importante. Pois, nada máis lonxe da realidade, porque, a agoniante estación semella que está a dar os derradeiros bocexos -como a maioría das que se atopan no traxecto entre Ourense e Santiago-. Só algúns trens  de mercancías lembran o ruído producido polos longos convois que, á amañecida ou contra a media noite, nos espertaban aos veciños que fomos de Dadín, Saavedra ou Casares do Campo.[Lembro o “Exprés”, procedente da Coruña, que enlazaba co de Vigo na estación de Ourense-Empalme, cando sobre as 7 da mañá e as doce da noite, removía travesas, croios e raís, e o “seísmo” chegaba ata as vivendas].

 Digo isto, porque, a nivel persoal a miña infancia e adolescencia estivo moi vencellada á antiga vía, e, -como xa teño dito e,aínda que a ninguén lle importe, estiven a piques de nacer debaixo dunha das pontes que no camiño de Saavedra a Casares estaba en construción naquel momento, e case todo o vecindario participou nos traballos daquela, ben fosen canteiros, carpinteiros, aserradores de travesas ou picadores de croio ou carreteiros,…e entre os anos 1956 e 1980 crieime na casa, no Mato de Casares, que foi expropiada para o AVE.

 Por outro lado, e como no caso doutras persoas, os terreos que ocupa a actual Base de mantemento do ADIF foron aqueles polos que ao longo deses anos nos movemos polos carreiros, camiños, leiras, prados, soutos e ata a fonte de Broi. A vía antiga era cruzada en calquera punto do trazado, fose na propia estación, nas “agullas” ou onde cadrase. Nada que ver coa liña actual que, en base á “modernidade” e á velocidade veta calquera punto de acceso que non sexa para o persoal de mantemento.

 Polo tanto, se a miña impresión é de desengano polo que prometera a antiga vía, con todo o que supuxo como un medio maís de transporte de viaxeiros -e pouco maís-, o do AVE, agás para aquelas persoas que se poden mobilizar ao redor da Base e xerar un certo movemento eonómico no sector servizos ou na recadación do IBI, non agoira grandes beneficios, así, cando foi das expropiacións, algúns veciños, dado o abandono do sector primario (agricultura, gandería, forestal) suxerían, como un sinal de declive e falta de esperanza que “o tren, en vez de vir de fronte, podería vir atravesado”. Enténdese, verdade?.  

 Así que, se a non tan anterga vía foi un fracaso, a nova non promete ser mellor, porque nin sequera aquela foi rendabilizada como transporte de viaxeiros desde as parroquias do concello ao carecer de transporte local. -digo máis, para moitos veciños do concello ambas as dúas son ignoradas-. Propoño que, ao menos mentres estea operativo o trazado “antigo”, e agora que acaba de entrar en servizo a alta velocidade a Madrid desde Ourense, que se organice o translado de cercanías desde Santiago ata a capital por aquel e coas paradas de sempre ( A Susana,Vedra, Silleda, A Bandeira, Lalín, O Irixo, O Carballiño, ….) acorde cos horarios de conexión coa Meseta.

Actual, e único convoi de viaxeiros Santiago-Ourense, ao seu paso por Saavedra 

Ademais, a cuestión das comunicacións por ferrocarril aínda non está pechada en Galicia, así,con respecto ao que  pode ser a proxectada conexión da liña actual para unir Vigo por Cerdedo,que, segundo os proxectos que se están estudando, esta variante arrancaría da actual á altura do Carballiño e pasaría polo Irixo preto da Bugalleira, ata adentrarse por túnel na terra de Montes. Polo tanto, case todas as parroquias do Irixo, se verían afectadas polas liñas do ferrocarril, pero os beneficios non parecen ser moi rendibles en termos económicos, paisaxísticos ou medioambientais.

      Explanada da estación de Ourense-Empalme. Para a nova estase a propoñer o nome de M. Curros Enríquez (1851-1908), quen, en 1881 loara “A chegada a Ourense da primeira locomotora”    

Este poema, símbolo do progreso e modernidade, corresponde a cando se inaugurou o trazado entre Vigo e Ourense, despois de vinte e cinco longos anos de espera, e, polo que se ve,a nova conexión con Vigo vai polo mesmo camiño, ademais de estarse a barallar outros proxectos que, probablemente, á marxe de ser a mellor ou peor solución, o que van é xustificar os retrasos da Administración.

 Diciamos que unha das consecuencias principais do asentamento da antiga estación e o trazado e base de mantemento actuais do ADIF foi a ocupación non só da liña, senón tamén de todos os terreos que a rodean, e que incluíu as vivendas dos ferroviarios. Estas foron vendidas e, habitadas na súa maior parte por particulares que as adquiriron ao ADIF. De tal xeito que, esas seis vivendas -agás unha, a día de hoxe?- e segundo consta nas bases da subhasta pública, o seu prezo mínimo foi de 35000 €, cunha superficie de 96 m.cadrados (sobre unha parcela de 101), con porche, tres dormitorios, salón, cociña, baño e rocho, máis parcela comunitaria de 3740 m.

 Con estas características, arredor dos anos sesenta do pasado século era un luxo contar con auga corrente e baño, e a pequena porción de terreo que correspondía á vivenda era ampliada polos usuarios con anacos soltos ao pé das vías e con terreos emprestados polos veciños para o aproveitamento de hortalizas e verduras para os animais domésticos. Por algo os cronistas da época fixeran unha loanza de todas estas vivendas que se atopaban no traxecto entre Ourense e Santiago e, desgraciadamente, moitas delas noutras estacións están en ruínas (O Carballiño, A Bandeira, Boborás, Silleda…); polo tanto, beizón por aqueles que se asentaron aquí por primeira vez ou a mantiveron desde cando eran operarios da RENFE.

INFORMACIÓN DO ADIF SOBRE O AVE:

TRAMO: O Carballiño-O Irixo-Lalín (Abeleda) (13,3 km) Discurre por los concellos de O Carballiño, O Irixo, Dozón y Lalín, entre las provincias de Ourense y Pontevedra. Incluye la construcción de tres viaductos que suman 1.744 m de longitud: viaducto de Pedriña (42 m), viaducto de Viñao (1.051 m) y viaducto de Marnotes (651 m). Se completa con los túneles de Piteira (2.135 m), Barro (1.588 m) y Outeiro (2.866 m). En este subtramo se encuentra la base de montaje de O Irixo, que permitió realizar las labores de montaje de la línea y que es la base de mantenimiento del corredor.

O RESPECTO Á CONTORNA: Ao menos, segundo consta no papel, debían ser observadas unhas medidas moi estritas con respecto á afección dos terreos e a reparación dos mesmos no caso de ocasionar un impacto moi sensible.Asi, e sempre segundo a información feita pública polo organismo responsable, contempláronse tres ámbitos: A conservación da vexetación e protección dos solos; a protección da fauna, e o patrimonio cultural.Desde logo que, as cifras dadas son rechamantes: plantación de 160.870 árbores, 2.897.844 . cuadrados de “hidrosiembra”, 646.822 de sementeira; transplante de 190 pés de acivros, e así, unha longa relación de actuacións que, nalgúns casos, tal e como sucedeu dentro do concello do Irixo, foron obxecto de polémica entre o vecindario e o organismo responsable, e as actuacións dubidosas.

 Con respecto á protección da fauna, cando se fala de “51.470 m. de cerre metálico “para evitar el acceso de fauna a la plataforma”, probablemente se estea pensando máis na seguridade  das persoas que na faunapois só se destinan a “cerre cinexético”? 995 m.

 Por último, o patrimonio cultural, só sería obxecto de atención no caso do Irixo, algún que outro petróglifo na zona limítrofe entre O Carballiño e a parroquia de Cangues.

 E todo isto sen termos en conta o valor afectivo que para moitos dos afectados supuxo a expropiación da casa familiar, dos terreos máis fértiles ou as árbores máis senlleiras.

 Pero, como diciamos, o peor non sería o terreo ocupado pola vía férrea e as pistas de servizo para acceder á plataforma, senón o que nos terreos próximos á estación antiga serían destinados ao que se vai coñecer como Base de mantemento de ADIF: “Las instalaciones ocuparán una superficie de ochenta hectáreas y contarán con losas de acopio y transferencia de carril, balastro y traviesas, además de almacenes, naves para el material y espació de oficinas.El acceso se realizará mediante un desvío y conexión con la línea de ancho convencional Zamora-A Coruña, en el punto kilométrico 297/870” [que vén sendo á altura da estación e a partir dunha das vías preexistentes]

 “Unha superficie de oitenta hectáreas, practicamente todas elas sobre terreos de cultivo, pasto e soutos do lugar de Casares son moitas hectáreas e moitos os afectados, cando sabemos que o minifundismo segue a ser a constante recorrente en todo o municipio. Digo eu. Ogallá que este sacrifizo sexa polo ben da maior parte de Galicia, pois, ata unha nova oferta, dará servizo a dúas das provincias máis poboadas das provincias galegas, A Coruña e Pontevedra, incluído Vigo, ademais de Ourense, no camiño cara á Meseta.

 O orzamento para “O edificio técnico e de oficinas do Irixo” licitouse por 3 millóns de €, para unha superficie construída de preto de 1000 m. cadrados, que, unha vez concluídas as obras de construción das novas vías, a base está a servir para realizar os labores de mantemento da infraestrutura. Nestes días vén de saír a concurso a ampliación da contratación para o mantemento de practicamente toda Galcia no que respecta ás infraestruturas do AVE.

 Sobre o proxecto construtivo e a dirección da obra, responsabilidade dunha empresa de arquitectura e enxeñería de Madrid, chama a atención a declaración inicial sobre aqueles cando se manifesta na presentación que “Emergiendo de entre un típico paisaje de la Galicia Central te encuentras con el edificio de usos múltiples ferroviarios de Irixo para la Línea de Allta Velocidad Ourense-Santiago de Compostela.

La geometría pura contrasta con la arquitectura de la zona, sin ningún interés en particular.Es un contraste buscado para remarcar la llegada de la Alta Velocidad a Galicia.

La propuesta se encaja en una parcela que está viva, evolucionando durante la obra civil del complejo de la base de mantenimiento.[…….]

 El sistema constructivo está basado en el uso del hormigón prefabricado en varias de sus formas:estructura, fachada, divisiones…”

 Vivendas actuais da RENFE, que foran construídas arredor de 1958, cando se inaugurou o trazado do ferrocarril Ourense-Santiago

 Teño a impresión que os responsables da adxudicación do proxecto e dirección da execución non tiveron moi en conta, nin a contorna nin os materiais tradicionais,como xa sucedera no caso do Grupo escolar, cunha arquitectura totalmente allea á tradición e na que o  que prevalece é a urxencia e a “velocidade”, máis alá doutros criterios vencellados á cultura construtiva de tradición autóctona, como a que vemos en construcións tradicionais do concello, sexan vivendas, palleiros, igrexas, hórreos,muíños…ou a propia casa do Concello.Tamén o feísmo perdura aquí coa conservación dos antigos carteis que fan propaganda institucional da construción da nova plataforma e que despois de  arredor de dez anos seguen campando nos puntos máis vistosos do traxecto entre Ourense e Santiago, a pesar de que a Xunta de Galicia vén de aprobar algunhas medidas na liña de denunciar aquilo que poida ir en contra da salvagarda da paisaxe e a arquitectura tradicionais.

  Tal e como pode verse nas imaxes superiores, a tan só 100 m. do novo edificio,os “expertos” non tiñan dó en ofender a todas as xeracións de canteiros e infravalorar os materiais que outros prestixiaran (Por exemplo,A.Palacios Ramilo) ao manifestar o que xa recollemos:”Que la arquitectura pura contrasta con la arquitectura de la zona, sin ningún interés en particular”. Na miña humilde opinión, o de “arquitectura pura” será lexítimo, pero o de “arquitectura de la zona, sin ningúnn interés en particular”, resulta, como mínimo, lesivo para todas aquelas persoas que, dun ou outro xeito, interviron no deseño e construción de todo o que é a construción tradicional.

Un dos edificios destinado a oficinas na Base de mentemento do Adif

   Peirao de carga das antigas instalacións de RENFE

Só me queda expresar un desexo: intervir con rigor e sentidiño.

Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, 27 de novembro de 2021.


[1]F. Senén: “Antonio Palacios e o santuario da Veracruz do Carballiño”. Revista Obradoiro.


Xulio Doabrro Ferradás. O Irixo, novembro de 2021.


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV