O BNG valora positivamente os avances e sobre todo os cambios introducidos na comisión de investigación de urbanismo

Os nacionalistas congratúlanse de que, en contra do que plantexaban algúns membros da propia comisión, e tal e como defendía o BNG, o primeiro comparecente sexa o promotor obxecto da denuncia, así como de que se reduza a periodicidade das reunións, que pasan a ser quincenais

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a posta en marcha da comisión de investigación creada tras acordo plenario para esclarecer os feitos relacionados coa edificación ao carón da igrexa dos Franciscanos no parque de Sán Lázaro, así como os cambios introducidos no día de hoxe e que atinxen sobor de todo á súa periodicidade, permitirán, agardan desde o BNG, cumprir co obxecto da mesma, e dicir, que se clarifiquen os feitos dunha vez por todas.

AVANTAR ACTIVIDADES

En contra do criterio amosado por algúns dos membros da comisión na xuntanza anterior, na reunión celebrada no día de hoxe acordouso que o primeiro dos comparecentes sexa o propio promotor obxecto da comisión, postura mantida polo BNG desde o primeiro momento ao entender imprescindíbel que a primeira persoa en comparecer sexa “a que denuncia”, neste caso, unha serie de presuntas graves irregularidades dentro da Concellería de Urbanismo.

Outro dos puntos nos que incidiu o portavoz Luis Seara na xuntanza de hoxe, foi na necesidade de reducir os prazos entre reunión e reunión, xa que segundo argumentou, “non é operativo dilatala tanto no tempo cunha única sesión ao mes” e incidiu, “estase falando de feitos moi graves e da suficiente entidade como para que o máximo responsable do Concello, é dicir, o alcalde, se tome en serio a comisión e poidamos polo tanto traballar continuadamente”.

Seara refírese ás graves acusacións verquidas polos promotores “e que cómpre clarexar canto antes polo ben da propia institución”, e ao feito de que, “ante a falla de avances da propia comisión, os mesmos, se visen na obriga de organizar unha palestra informativa para o día de mañá, día 14 de abril”.

“luz, taquígrafos, celeridade e máxima transparencia” son para o BNG de Ourense, as características que deben impulsar á comisión de investigación durante os seus traballos.