Xulio Dobarro Ferradás. Profesor xubilado e veciño do Irixo
“As primeiras décadas do novo século [XIX] non significaron unha ruptura no modelo de escolarización primaria realizada a través das escolas de fundación e obras pías, tal como se formulara durante o século XVIII. Cun similar espírito entre filantrópico, caritativo e ilustrado puxéronse en marcha novas escolas de fundación que viñeron sumarse ás que se fundaran con anterioridade, aínda que hai que indicar que unha parte destas últimas dixou de existir, como consecuencia da desorganización estrutural e conómica que se comezou a producir arredor da guerra da Independencia e das súas consecuencias”.
“As igrexas diocesanas en maior medida que as casas relixiosas, foron favorábeis á apertura de escolas primarias xeralmente atendidas polos párrocos, considerando así as invitacións reais oficiais como o propio interese eclesiástico de garantir espazos sociais nitidamente influenciados pola igrexa, nun tempo de pugna coa burguesía liberal que reclamaba a secularización do ensino. Esa maior solicitude eclesiática [ ] vén confundirse en boa medida coa continuidade na creación de escolas primarias de fundación, que en diversos casos viñan ser atendidas polos párrocos”
(A. Costa Rico: Historia da educación e da cultura en Galicia. E. Xerais, 2044)
Tomo emprestada esta presentación da extensísima e non menos documentada obra de A. Costa, que, ao longo de 1244 páxinas traza unha evolución detallada non só dos aspectos estritamente escolares, senón tamén das diferentes correntes de pensamento que foron marcando a traxectoria do ensino desde a I. Media ata a actualidade, ao obxecto de situarmos o caso que nos interesa do Irixo dentro do contexto escolar galego/español.
Se partimos da base documentada -como veremos máis en diante- de que no Irixo, e maís concretamente no lugar coñecido como o Estivadón, dentro dos “diestros” da igrexa do Campo, foi creada arredor de 1828 unha escola, por iniciativa dunha persoa do lugar de Orosa-O Campo, estamos en condicións de poder sumar a esa relación de “Escolas de fundación e obra pía (1803-1847) a que vén sendo coñecida como escola do Campo-A Lama. Nese cómputo elaborado polo autor, de entre 1803-1847, na provincia de Ourense soamente se inclúe unha, en Beade (Ribadavia) por iniciativa de D. Gregorio M. de Seixo, aínda que tamén fai referencia a outras 26 escolas que a igrexa da diocese de Santiago administraba, por exemplo en San Isidro de Montes e Forcarei.
Neste sentido, e despois de teren mudado abondo as circunstancias sociais e políticas ao longo do século XIX e primeiro terzo do XX, o Boletín Oficial da Provincia de Ourense de 3 de decembro de 1931, e por orde do Goberno Civil, publica unha circular da Junta Provincial de Beneficiencia que solicita dos Alcaldes de distintos concellos da provincia, entre eles do do Irixo, información para “completar la estadística de Beneficiencia” con varios datos ao respecto, por exemplo: Nome da fundación, se foi un particular -o seu nome- ou é de “bens propios”, se é de carácter docente, quen a posúa, desde cando…”. No caso do Irixo, requírese “antecedentes respecto a la Fundación de D. Francisco Ferradas o Feradás. Xunta esta aparecen nomeadas outras fundacións,de carácter docente, por exemplo, en Verín a escola fundada por D. José García Barbón, ademais doutras moitas por toda a provincia: A Peroxa, Celanova, Viana do Bolo, San Amaro, O Riós…
Esta iniciativa pon de manifesto a necesidade de crear o que se poden denominar como escolas privadas, a maior parte delas en colaboración coa igrexa e con persoas que pola súa situación económica lles permitiu desprenderse de parte do seu patrimonio e destinalo a ese tipo de obra social, despois de que no século anterior a resultas das ideas da Revolución francesa e da Ilustración se viña clamando pola urxencia da escolarización entre a poboación máis necesitada, que, como no caso de Galicia viña sendo a do meio rural e mariñeiro. Así van xurdindo as escolas de primeiras letras, “de ler e de escribir-contar”, e sen moitas máis pretensións. Por exemplo, algúns regulamentos para a posta en funcionamento destas escolas, recollen en detalle, as pautas a ter en conta polo “mestre” como:
Escola de ler:-As clases serán catro: de Abecedario, de Silabario, de Catón, e de libro de lectura.
- Darán todos os nenos dunha mesma clase a mesma lección, para que o mestre poida ensinalos a un mesmo tempo, para o que terá formados os Abecedarios de maiúsculas e minúsculas, e os silabarios de dous en dous, e de tres en tres as letras.
- Os nenos que tiveran merecido a aprobación da Xunta de visita, poderán pasar á escola de escribir.
Escola de escribir:- Observaranse os artigos anteriores.
-Haberá dous taboleiros colocados na parede: nun deles terá formado o mestre os principais trazos das letras maiúsculas e minúsculas en grande, de modo que os nenos poidan velos desde os seus bancos, e o mestre dar explicacións en xeral da súa fomación cando o estime conveniente. O outro será para as operacións de aritmética.
-Os que lean correctamente exercitaranse nas catro primeiras operacións de Aritmética.
-Aproveitará o mestre as ocasións de ensinar aos nenos o modo de de facer a tinta, coñecer o papel e cortar as plumas.
E así ata unha longa relación das pautas a seguir polo mestre segundo o “Regulamento provisional para las escuelas de primeras letras de la ciudad de Santiago presentado al M. I. Ayuntamiento Constitucional por la Sociedad Económica de Amigos del País”.
En 1825 publícase un Regulamento Xeral de Primeiro Ensino para toda España, que entre outras medidas, supuxo a distribución en Galicia de 7.400 silabarios e se insiste na prohibición doutros textos que viñan sendo os tradicionais: “la cartilla de Valladolid, el catón de san Casiano, el Belarmino, el Libro Espejo, “ y lo que es peor, Los Doce Pares de Francia...”
O impluso máis notable, segundo A. Costa, “nestas primeiras décadas viría coa aprobación da Lei Someruelos, de Instrucción Primaria en 1838”. Que, para o seu desenvolvemento, as deputacións solicitan dos concellos “unha información sobre a situacióm escolar en cada caso e sobre as fundacións escolares existentes cara a súa posíbel reordenación como escolas públicas, para logo en 1842 aprobar que en cada un se instalase necesariamente cando menos unha escola pública, coa obrigatoriedade de fixar nos seus orzamentos as dotacións precisas para o sostemento de tales escolas”.
Curiosamente e seguindo coas ensinanzas do profesor A. Costa, ao referirse “Ás infraestruturas e dotacións escolares”, pon de manifesto que como a maioría dos edificios non foran deseñados como tales para o ensino, isto daba lugar a que moitos deles presentasen un estado case ruinoso e de dotación moi austera, por non dicir de pauperismo, chegando a darse o caso de que cando o inspector xiraba algunha visita a estes “recunchos”, nalgúnha ocasión se vise obrigado a clausuralos. Habería que agardar polas remesas dos emigrantes – “indianos”- para que se levase a cabo a construción de novos edificios alí onde se deu o caso de poder contar con eles, que, ata onde sabemos, non foi o caso do Irixo. Neste sentido, engade que fronte ao que se viña considerando pedagoxicamente axeitado para os “alumnos normalistas composteláns”, ilustra esa situación de precariedade co exemplo da “escola elemental completa do Campo”, que,segundo o mestre que a rexentaba, para o informe elaborado polo Inspector (1860), así como para outras aínda peores noutras escolas dentro do concello, non só pola escaseza case total de recursos materiais, senón tamén polas reiteradas ausencias dos escolares para poder colaborar coas angueiras familiares, e tamén dos mestres que en moitas ocasións compartían o labor docente con outros para “ir tirando”. A este respecto, recóllese literalmente, a continuación, a cita do profesor sobre a escola do Campo:
“Os mobles e enseres (son) na súa maior parte novos, e no restante de mediano uso. Nove corpos de carpintaría, provistos dos correspondentes tinteiros, pautas coas súas láminas e vidros obxecto da escritura, e ademais dezaoito caixóns con destino a gardar as planas escritas, (que) se atopan colocadas paralelamente fronte á plataforma, quedando un espazo ás beiras como de cinco pés; no interior da citada plataforma existe unha mesa con destino ao servizo do mestre, que contén separacións con destino a gardar obxectos de reducida comodidade; e no propio sitio e arrimado á parede na que se atopa fixa a dita platafoprma, atópase un armario con seis separacións co obxecto de gardar os libros e papel de cada clase, e na mesma parede están dependurados un crucifixo e cadro da Virxe; na exposta mesa atópanse os templadores provistos de pluma de ave e aceiro. Nos laterais das paredes do local están pendurados oito taboleiros, con destino a escribir a aritmética sete, e un para a análise gramatical; nunha das separacións menores atópanse dúas vasillas de barro provistas unha de tinta e a outra de auga, estando alí tamén as vasoiras e outras cousas deterioradas; á entrada do local fixos nas paredes están os colgarroupas e no tabique, pendurado, un magnífico mapa de España e o cadro da distribución do tempo; atópanse, por último, na plataforma tres cadeiras novas, unha butaca e dúas cadeiras vellas, e na citada mesa unha escribanía e un sino de metal” (Estado de la escuela pública elemental completa de niños de O Campo (O Iirixo)7.V.1877, AHUS leg.90 en Gabriel N, Leer,escribir y contar).
Unha das referencias bibliográficas da que teñen botado man algúns investigadores á hora de documentar o número de escolas existentes cara mediados do século XIX en España (1845) é a de Pascual Madoz:Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar” , que, polo que informa a respecto do concello do Irixo, curiosamente non recolle o caso da escola do Campo -quizais por ser de fundación-obra pía-? , pero si o doutras dúas: a de Cusanca e a de Froufe; no resto das parroquias non se contabiliza ningunha.
Con respecto á de Cusanca. “Hay escuela de primeras letras frecuentada por crecido número de niños, cuyo maestro tiene 1.100 reales de dotación. (247 veciños e 1.235 almas) Feira do Tellado: día 2 e 17.
Sobre a de Froufe : Hay escuela de primeras letras, frecuentada por indeterminado número de niños, cuyos padres dan al maestro la retribución convenida y en proporción a la temporada en que se halla abierta la enseñanza (100 veciños e 500 almas).
Neste ultimo caso estamos diante dun exemplo claro do que se veñen chamando “escolas de ferrado”, cuxa unidade de medida era utilizada tradicionalmente en Galicia para a transación de cereais e servía de referencia como pago polos servizos prestados polo “escolante” (mestre). O pago podía ser tamén en diñeiro, segundo o acordado entre as partes, pero, en todo caso, sempre entre persoas particulares. Ademais, e polo que se ve, o tempo escolar non se medía tanto pola necesidade de instrucción ou educación dos “nenos”, senón que, habitualmente quedaba marcado polas ceifas.
O panorama do primeiro ensino era a finais do século XVIII, en xeral moi deficitario, agás nalgunhas capitais e Escolas da Corte. Se a isto engadimos “a disparidade e a falta de método, o inadecuado dos espazos, a miseria dos locais ou a desorganización didáctica e do tempo escolar”, que se pode agardar?. Véxase por exemplo os requisitos esixidos para o exercicio do maxisterio: “saber ler, escribir e contar, coñecer a ortografía, a gramática castelá, e a doutrina cristiá; ter 21 anos, e un algo de experiencia como auxiliar ou pasante doutro mestre durante dous anos.” Unha mostra desta situación aínda se prolongará bastante maís alá do século XVIII, como se pode comprobar polos informes que nas visitas de Inspección, por exemplo, se realizan no cencello do Irixo en 1860 e 1877, nas que os mestres resultan de dubidosa capacidade e cumprimento irregular na súa asistencia. Neses informes que cobre o mestre e emite un veredicto o inspector, por exemplo, o da escola do Campo é dos máis benevolentes, porque, hai outros que nin comparece o mestre o día da visita do Inspector ou se ausenta por outras obrigas profesionais ou por non quedar en evidencia.
“Los resultados de la educación y la enseñanza de esta escuela son buenos.
La capacidad del maestro es regular; la instrucción suficiente, la aptitud buena, el celo bueno, y la conducta irreprensible”.
Outro dos libros consultados para aproximármonos ao coñecemento -sempre parcial pola miña parte- da “prehistoria”-moderna- sobre a evolución da creación das escolas en Galicia en xeral, e no caso do Irixo en particular, e para aquelas persoas que queiran rastrexar abondo sobre o tema, ademais de A. Costa Rico, recollo algún testemuño sobre o tema en “Escolantes e escolas de ferrado” de Narciso de Gabriel, publicado por Xerais (2001) que, á parte de afondar sobre o tema particular das escolas de ferrado, vemos de xeito reiterado que, aínda despois de que o Estado promovese unha normativa acorde ás novas cisrcunstancias ao longo do século XIX, a realidade é que as escolas públicas eran vistas con certo temor por diversos motivos: a lonxanía da maioría delas que, con carácter xeral, se ubicaban na capitalidade do concello e estas non gardaban só unha distancia física, senón tamén cultural por diversos motivos: o concello era visto como algo lonxano e incluso inimigo do benestar veciñal, non só había que desprazarse varios quilómetros senón que ademais “os padres preferían pagar unha escuela clandestina” evitando así que os seus andasen pasando mil calamidades a causa da climatoloxía, ademais que, aquelas que eran de “tempada” acomodaban o calendario escolar ás necesidades do labrego en canto ás angueiras para as que toda axuda era pouca, incluída a dos nenos. E incluso había razóns, maís ou menos aceitadas entre a veciñanza, de que “os escolantes” (mestres de ferrado) estaban máis interesados que os mestres públicos na instrución dos seus fillos, porque no caso das escolas públicas había maís masificación, e nas de “ferrado”-privadas- a atención era máis individualizada.[Esta reflexión faime cabilar no que ás veces se tende a pensar que sucede no momento actual].
Alén destas e doutras moitas consideracións que non imos tratar, había, por outro lado, un interese económico por parte dos “notables locais” responsables da dotación económica e material inventariable co que debía contar cada escola segundo a súa categoría -completa, incompleta e de tempada-; que como podemos ver polos informes que chegaron ata nós das inspeccións realizadas nos anos 1860 e 1877 no concello do Irixo, practicamente todas as escolas, ademais do edificio, non reunían as mínimas condicións necesarias para levar a cabo o labor por parte do docente, e tampouco de recepción positiva polos nenos. Aínda que algunhas delas seguisen contando coa axuda económica da familia -en diñeiro e en especie- agás naqueles casos nos que se consideraba que esta non podía aportar, era unha maneira de compensar as carencias por parte da administración local.
A modo de exemplo, recollemos unha parte do informe realizado polo mestre para a supervisión do Inspector, neste caso da escola de Froufe, pero que case se pode facer extensible ao resto das escolas:
“El inspector no puede apreciar el estado de la enseñanza en esta escuela, porque habiendo llegado a las cuatro de la tarde de hoy no encontró niño alguno, manifestádole el maestro que a petición de los padres de familia, y de acuerdo con las autoridades locales, tenía las clases desde las siete de la mañana, hasta la una de la tarde, a fin de que los niños pudiesen despues de llevar ganados al pasto y ocupar así otros labores del campo.
No se opondrá el Inspector a esta costumbre que se funda en las diarias ocupaciones de los habitantes del país, pero debe manifestar que por lo que ha observado en la escuela; por las planas de escritura que ha visto , y por las esplicaciones (sic) que respecto a la marcha de la enseñanza le ha dado el Maestro, ha quedado poco satisfecho de las aptitudes y celo de este funcionario”
Asinado: El Inspector José Seara.
El Maestro: José M. Trigo. Froufe, Mayo 14 de 1877.
Outro caso semellante, pero neste caso coa novidade da existencia dunha “Escuela incompleta de niñas del ayuntamiento de Irijo”, cuxa situación segundo o informe do Inspector non deixa de resultar, cando menos, sospeitosa: “El Inspector no puede juzgar del estado de la educaicón e instrucción de las niñas, porque la maestra interina está ausente con licencia del Alcalde del distrito, y la sustituta que ha dejado al frente de la escuela se halla enferma hace tres días” .
No informe final, a “Juicio del Inspector”: “No puede apreciar el estado de la enseñanza, por hallarse ausente la maestra interina con licencia del señor alcalde, quien me manifestó que aquella era asidua y celosa en el desempeño de su cargo. Aunque la escuela es de nueva creación y solo funciona hace pocos meses, está surtida de los libros, muebles y enseres mas necesarios para la enseñanza, cuyo coste anticipó en su mayor parte la referida maestra. Su conducta irreprensible.
Irijo, mayo 9 de 1877. Asinado: José Seara (O inspector)
(Observación: Neste caso, o edificio, a mestra e o alcalde, no lugar da Ponte, quedaba todo en familia).
Para concluír con esta andaina sobre o desolador panorama que presentaba a situación do ensino no concello do Irixo na segunda metade do século XIX, só precisar que nesa quenda da inspección realizada en 1877 eran dez as “escolas públicas”, aínda que, polo que se deduce dos informes, non todas respodían a un patrón común.
Escolas da Alemparte (Lalín) e Moldes (Boborás) froitos das aportacións da emigración
Texto autógrafo de Avelino Penelas: “Actos del radiomensaje del Papa Pío XII dirijido a los Sindicatos españoles. Escuela nacionales de Irijo, 11 de marzo de 1951”- (Estás por aí?)
Sobre a construción das diferentes escolas que, sobre todo, a partir da República se foron instalando en moitos lugares do concello, o certo é que a precariedade se mantivo no tempo de forma case continuada. Fosen escolas de “ferrado” -pagadas polas familias-, escolas de fundación ou da obra pía de Francisco Ferradás, escolas de “indianos” (No caso do Irixo non teño constancia de ningunha, aínda que, por exemplo, no concello de Lalín estan documentadas ata unhas sete, e no concello do Carballiño, en Banga, por exemplo hai unha aínda ben conservada, e en Moldes-Boborás outra). Ou as “escolas a medias”, nas que a veciñanza colaborou de moitas maneiras.
SOBRE A FUNDACIÓN EN 1828 DE “UNA CASA ESCUELA EN LA FINCA DENOMINADA CAMPO DE LA IGLESIA CON LA DONACIÓN DE UN LEGADO QUE D. FRANCISCO FERRADÁS DA PENA HIZO PARA ESTO”
Este testamento, ademais doutros formalismos e rogos, expresa a vontade de ser: “sepultado dentro de la iglesia de esta parroquia en la sepultura y montaje que pareciese a mi sepultura”; “se digan treinta y dos misas”; “ofrenda de un ferrado de maíz y un carnero a las ódenes mendicantes…”: “hallarme ligitimamante casado con Rosa Pereyra” -del mismo lugar de Orosa- ; “Que en la misma parroquia de Loureiro, en la San Esteban de Cangues y en la de San Tomé de Madarnás tengo porciones de bienes raices cuio produto quiero se invierta en la Paga de un maestro de primeras letras que enseñe a los niños de esta parroquia del Campo a disposición y orden del señor párroco que es o fuere”.
“Dejo por cumplidora Albacea y testamentaria de este mi testamento a la referida mi mujer y señor abad para que lo cumplan y hagan cumplir en todas sus partes vendiendo para ello lo preciso de mis vienes…”
Manifesta, ademais, “no saber firmar, ruego lo firme por mi de su nombre…”
Este último dato, non deixa de resultar curioso, cando unha persoa que contaba con este patrimonio non tivese accedido a unha instrucción básica como era a de poder asinar as súas propias decisións. Sería quizais, por esta súa limitación, que chegaría á convición de realizar esa obra para o beneficio das persoas que na parroquia na súa case totalidade se atopaban en situación semellante de non saber ler nin escribir?. En todo caso, quedou expresada a súa vontade de xeito tallante e así foi recollido o testemuño polas persoas encargadas.
Temos constancia da súa morte (2 de maio de 1826) e da da súa dona (19 de abril de 1834), segundo a acta de defunción redactada polo párroco do momento, Pedro Álvarez Robleda. Nesa acta recóllense, ademais dos acordos que figuran no testamento en relación coa igrexa do Campo, e de maneira expresa “que se le dio sepultura en el fondo de esta iglesia con la asistencia de siete señores sacerdotes…” e o de destinar, unha vez morta a muller,“la paga de un maestro de niños” .
Sobre a súa biografía pouco máis podemos engadir.Se acaso suliñar que aparece citado e como testemuña do procedemento que se seguiu no conflito sobre sobre o aproveitamento de augas entre algúns lugares da parroquia do Campo (Irixo de Arriba, Irixo de Abaixo..) e os da parroquia da Cidá (Orros, Nabás,,.), no que dí ter exercido o oficio de xastre que aprendera con Francisco Condomiña do lugar de Saavedra.
Nos anos seguintes á morte do matrimonio, foi o párroco D. Pedro Álvarez Robleda o que interviu na maior parte da adminitración dos bens para “A OBRA PÍA DE FERRADÁS”-SANTA MISIÓN Y ESCUELA DE PRIMERAS LETRAS”.
Así en 1841, “el abad y cura de esta parroquia compra para la Escuela de Niños de la misma con dinero que al efecto ha dejado Fco. Ferradás da Pena” varias propiedades no lugar da Bugalleira; en 1833, adquire outro predio en Chelos “para el objeto de tener una santa misión mientras viva su mujer y a la fin y muerte de esta para una Escuela de Primeras letras” ; no 1843 foi na Ermida do Fondo e así ata os lugares de Cangues, Loureiro ou Madarnás..
Das actuacións do perito Juan Pérez en 1829 sobre “reconocimiento, medición y deslinde de los bienes raíces de la fincabilidad de Francisco Ferradás da Pena esistentes dentro de los términos de esta parroquia” hai unha longa listaxe deses bens, todos eles dentro da contorna que delimitan os actuaís lugares de Orosa, Casares e Menaz, ademais dunha descrición pormenorizada da casa de morada en Orosa. A este respecto, sinalar que a maior parte da microtoponimia utilizada nese inventario (62 partidas) segue viva na actualidade; así, para a maioría dos veciños de por aquí non lles resultan nada alleos nomes como: A Arca, Suaarca; A Rigueira, A Boiticeira, A Batoca, Piñeira da Cruz, O Barreiro, As Vesadas, O Feal, O Brexo, A Viarela, A Valigota, Sabugueiros, Liñarellos…
Á vista de todo o anterior, e da evolución dos acontecementos desde as datas de pasamento do matrimonio e dos seus herdeiros, así como dos párrocos da parroquia, unha das preguntas que se plantexa é a de ata onde se ten respectado a súa vontade?
Hai un feito evidente que foi a creación da escola, que, polo que se deduce pola documentación disponible é froito da colaboración entre o que daquela era o cura párroco e a dona do falecido, outra cousa diferente foi a traxectoria seguida polo edificio, a consecuencia dos cambios normativos sobre a a creación de escolas e os cambios políticos experimentados que supuxeron unha xestión máis complexa da escolarización da poboación ata que na década dos setenta coas concentracións escolares algunhas das escolas foron abandonadas e outras reconvertidas para usos diversos [Varias delas foron “reconvertidas” como reductos de velación fúnebre, como é o caso da da Lama].
Así, e tal e como adiantabamos máis enriba, foi no ano 1931 cando a resultas dos cambios de réxime, o goberno da República, a través dos gobernadores civís, solicita dos concellos a relación das Fundacións ou obras pías, entre as que consta neste concello a que fora creada cen anos antes a nome de “Francisco Ferradas o Feradás”. [Viría dese tempo ou sería anterior a inscrición conservada sobre unha das lumieiras de “Escuela pública”?].
Nesa orde do Goberno Civil inclúese un cuestionario que debe ser completado segundo o caso. Así é como o Secretario do concello republicano do Irixo, informa:
“En estas oficinas , no consta antecedente alguno referente a tal fundación, y por datos adquiridos de personas de avanzada edad tan solo se sabe lo siguiente:
-Que dicho finado dejó todos sus bienes para una Escuela y una obra pía.
-Que sus albaceas testamentarios construyeron el actual edificio Escuela de Campo-Irijo. Unitaria de Niños, cuyo edificio desde pasa de setenta y mas años viene el Ayuntamiento poseyendo como propio y sosteniendo su conservación.
-Que la otra parte de bienes fueron aforados para la obra Pía…
-Que esta fundación fue fundada antes del año de 1840.
Que dicho fundador, era natural y vecino del lugar de Orosa, de la parroquia de Campo en este municipio.
-Que nada más se sabe al respecto del particular.
O que sucede a partir deses anos, vese enturbiado pola inestabilidade política, pero hai dúas persoas notables en canto á continuidade do edificio como escola: Por un lado, a docencia durante un tempo delongado de Avelino Penelas (natural de Corneda), que non só exercía como tal dentro do horario escolar, senón que ademais tamén axudou a que os adultos puidesen ir por nocturno, á luz do candil de carburo, aprender a ler, escribir -poñer o seu nome- e algo de contas, ademais de levar a cabo a plantación dos primeiros eucaliptos da parroquia no Estivadón. Do seu paso pola escola de Cusanca-Sueirexe, O Campo- A Lama, e A Ponte queda unha moi boa lembranza sobre o seu traballo -aínda que esixente-, ademais de ter exercido como alcalde.
Con respecto á parte que a igrexa tiña como facedora e cómplice necesaria para poder levar a cabo a que podemos catalogar como primeira “Escola elemental de primeiras letras” do Irixo, e despois de que o Estado se obrigase na conservación do edificio e a contratación do persoal docente, atopámonos en 1947 con que o que foi moitos anos párroco do Campo, D. David Ureña Bernárdez, diríxese ao alcalde, “cumpliendo orden superior” onde dá fe, a partir do testamento que obra no arquivo parroquial de que no ano 1828 “el párroco de esta D. Pedro Álvarez Robleda fundó en la finca de la iglesia una casa escuela”, que, despois dunha serie de vicisitudes como o abandono, despois de que deixou de haber escola nela, o concello se despreocupou do seu mantemento, ata o punto de ser “despojada por personas de poca conciencia” de todos os enseres, ventás, portas, pechaduras e visagras.
Á vista da situación recibe a orde do bispado de encargarse da conservación, mentres non se alcance escola para ela: “En el momento en que se necesite para escuela necesariamente tiene que volver a su destino, sin que yo ni mis sucesores ni nadie pueda oponerse a esto, por ser voluntad expresa del fundador”; ademais de solicitar a colaboración do alcalde para que se desocupe por atoparse accidentalmente habitada.
Hai algunha outra consideración posterior con respecto á “redención de la fundación mediante la entrega en Acerbos píos de esta Diócesis de 12000 pesetas”, aportadas polo bispo e D. David en marzo de 1958.
Con anterioridade, en 1860, e con motivo da visita realizada polo inspector de turno, Pedro Vicuña, quen deixa constancia non só dos aspectos pedagóxicos, senón tamén do edificio coas súas medidas: 12,173 m. de largo, por 5,074 de ancho e 2,34 de alto. Ao que engade : “Depende de la parroquia”, o que non deixa de ser un dato relevante, ao que se engade noutra ocasión que estaba atendida por unha persoa “tonsurada” -aspirante a crego-. A respecto das medidas pedagóxicas “-sistema de premios y castigos-” ademais das de tipo pecuniario, e se a conduta resultaba “más áspera, se ponen de rodillas terminando con el calabozo”.
SOBRE A PARENTELA E TOPÓNIMO “FERRADÁS”
Sen ánimo de afondar en demasía sobre a liñaxe familiar do protagonista, hai un dato relevante no contexto do seu nacemento que é o de que o apelido FERRADÁS, na década de 1750 a 1760, e segundo o censo de veciños do Catastro de Ensenada (1753), son cinco os cabezas de familia de entre trinta e cincuenta anos os que viven no lugar de Orosa con ese apelido. Carecemos do dato concreto da acta de bautismo, pero si contamos cos da acta de defunción e o testamento xa citado, que en ningún dos dous casos se indica os anos cumpridos ao pasamento, e só se localiza, tanto a el como a súa dona e herdeiros no lugar de Orosa-O Campo. Por outro lado, ao morrer sen familia directa, aínda que deixa como herdeiros os sobriños, José, Rosendo e Rosa Ferradás, dalgunha maneira, serían estes os que o mantiveron e as xeracións vindeiras manteñan ata os nosos días.
Polo tanto, o berce do apelido Ferradás (Ferradáns no galego Occidental) situámolo no lugar de Orosa e desde aquí iríase esparexendo na contorna, en particular no lugar de Casares onde había unha ampla representación mentres o lugar contou cun certo número de habitantes, e estes fórono levando a distintos núcleos de poboación da provincia e fóra dela. Por algunha razón o apelido segue estando entre os maís representativos do concello do Irixo cunha porcentaxe total do 23,64 %, competindo con aqueles máis comúns no resto da poboación (González, Rodríguez, Nogueira…).
Neste sentido, penso que o maior número de casos deste apelido que se documenta nalgunhas vilas (O Carballiño, Lalín, Dozón…) e cidades (Ourense, Vigo) é froito da migración interna a eses núcleos urbanos.
Lamentablemente vaise perder a súa continuidade como topónimo, cando vemos que xa está desaparecido do nomenclátor o lugar que respondía ao mesmo apelido: FERRADÁS-REÁDIGOS.
Vanme permitir -os sempre moi amables e curiosos lectores destas notas- que introduza unha observación final relacionada coa onomástica (antroponimia e toponimia), ao respecto de FERRADÁS. [Desculpen esta digresión, en certo xeito, pola parte que nos toca].
É o historiador X. Ferro Couselo, quen, no seu libro titulado :Los petróglifos de término y las insculturas rupestres de Galicia, incorpora unha información que vén a clarificar a orixe e o signicado do referido termo. Así, o capítulo V, que leva por título “Las Herraduras” comeza sinalando que “A la ungula equi o signo de la herradura aluden los Gromáticos y suena en la Edad Media ya en los antiguos documentos. Uno de los término por los que Ordoño acota Valle Laborata, que dona a la sede mindoniense, lleva el nombre bien significativo de Ferratales, que en la forma de FERRADÁS o Ferradal se conserva en la toponimia de muchísimos lugares”.
Ademais de como sinal-marco entre xurisdicións; a ferradura tamén é considerada obxecto de protección do lar. Velaí, hoxe, na portada da casa familiar, como perduran desde tempos afastados
A continuación sinala que la “señal de la herradura de mula” se halla en los marcos que en el monte dos Castelos dividían Garabás de Louredo”, e se aínda non fora suficiente, engade para a nosa contorna que :”Todavía en 1777 se da el caso de grabar una herradura como signo de término.Había el comendador de Pazos de Arenteiro obtenido en 1744 cédula del Consejo Real para apear y demarcar su jurisdicción con las de Osera y Orcellón. En 1777 se verifica el reconocimiento y deslinde y en el Marco de Mámoa Verde, en el que había ya una cruz, por la parte que mira a Osera se grabó una O y hacia Orcellón, una herradura, “mal formada por no permitir la piedra pizarra”. Pero de antes había ya sendas herraduras en otros marcos de esta divisoria, como en el Val da Corza y del de Val do Salgueiro, y algunos de aquellos eran padrones, puesto que estaban caídos , según el apeo que se hizo en 1744 entre la jurisdicción de Osera y el coto de San Cosme de de Cusanca, de la Encomienda de Pazos de Arenteiro”.
Á vista da interpretación -abondo fundada- de Ferro Couselo sobre o topónimo e posterior apelido FERRADÁS, podemos concluír para o caso do topónimo de Reádigos que, a súa orixe estea relacionada coa existencia dalgún sinal de término ou linde marcado cunha ferradura. Sobre os outros microtopónimos, nos lindes actuais entre Dozón, Piñor e O Irixo, están a voltar á actualidade polas actuacións previstas na construción de torres eólicas, que –vai ti a ver, ao mellor poden resucitar esas marcas!.
Como dicía o narrador, dirixíndose ao protagonista do romance de don Gaiferos: -I onde vai aquel romeiro. -Onde queredes chegar?. Neste caso nada que teña que ver con Santiago, senón que o que queremos é traer á actualidade o protagonismo e a posta en valor dunha persoa, FRANCISCO FERRADÁS DA PENA- -que como mínimo podemos cualificar de “ boa e xenerosa”– sen cuxo apoio, nun momento de extrema necesidade para que se crease a primeira escola no concello do Irixo, non se acadaría. Que a pesar de que el non sabía asinar, ou, quizais por isto, chegou a esa determinación. Neste sentido poderemos consideralo como o primeiro filántropo de raíces locais, a quen se lle debía recoñecer ese mérito dalgún xeito. Eu, pola miña parte, se nestes douscentos anos transcorridos desde o seu pasamento arrastro algo dos seus xens, reconfórtame cumprir co exposto.
Xulio Dobarro FERRADÁS. O Campo-O Irixo, feira do 17 de febreiro de 2023 no Tellado.
Outros artigos de Xulio Dobarro
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.
VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV