A asamblea xeral aproba a entrada da Deputación no Eixo Atlántico

Videoconferencia Manuel Baltar na Asamblea Xeral do Eixo Atlántco.
----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense forma parte desde hoxe do Eixo Atlántico, o lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal, integrado por 39 entidades que representan a provincias, cidades e cámaras territoriais de ámbolos dous países. A incorporación da Deputación de Ourense fíxose efectiva na asemblea xeral do Eixo Atlántico que en reunión telemática aprobou tamén o balance de xestión e as contas da entidade de 2020, así como o programa e o orzamento para 2021. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresou o agradecemento pola aceptación unánime por parte de todos os membros á incorporación da institución provincial ourensá e dixo que hoxe “é un día importante para a Deputación e para a provincia de Ourense porque entramos nun foro de prestixio e cooperación transfronteiriza, como é o Eixo  Atlántico. Unha entrada que se produce logo de acreditar unha capacidade de traballo en rede no ámbito europeo, como vén facendo a Deputación de Ourense presidindo Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais; presidindo a asociación europea de cidades históricas termais –integrada por 51 sitios termais de 18 nacións-; vicepresidindo a CEPLI, a Confederación europea de Poderes Locais Intermedios, e grazas a todo ese traballo en rede desenvolvemos programas europeos que non se levan a cabo noutros territorios: no ámbito do reto demográfico, emprendemento, temas termais, Ourense como “destino turístico intelixente” ou no ámbito cultural”. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Baltar defende que esta incorporación ao Eixo Atlántico “chega nun momento especialmente importante porque estamos a falar de fondos comunitarios extra nunha situación de pandemia, e aí ten que estar a Deputación de Ourense e, por extensión, desta maneira, tamén o están todos os concellos da provincia”. 

Baltar puxo en valor o feito de que a provincia de Ourense “é a que máis quilómetros de fronteira ten con Portugal, 219, o que fala do carácter internacional da deputación e da provincia de Ourense, caracterizada pola emigración ao longo do tempo”, e salientou na súa intervención “o pulo necesario que temos que levar a cabo entre todos nesta difícil etapa da pandemia do COVID-19. Unímonos para traballar, facer e achegar, e agradezo que esta entrada teña sido unánime, como o consenso que preside unha entidade de tanta  relevancia e prestixio como o Eixo Atlántico”, expresou Manuel Baltar. 

O presidente do goberno provincial comentou que a entrada no Eixo Atlántico supón “un escenario perfecto para seguir ampliando a nosa rede de traballo cunha entidade que engloba cidades, concellos e territorio de Galicia e do Norte de Portugal cos que compartimos moitos intereses nun momento absolutamente transcendental, unha cooperación que marcará un antes e un despois en canto a alianzas en políticas públicas comunitarias”, dixo Baltar. 

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirmou que a incorporación da Deputación de Ourense “permítenos completar o eixo polo interior, Lugo-Ourense-Tras os Montes” e destacou “a extraordinaria actividade que desenvolve a Deputación de Ourense, entre outros, nos ámbitos do termalismo, a sostibilidade e a cultura. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------