O BNG critica que o reparto de axudas ó sector do viño non é equitativo

Esta semana publicáronse no DOG as últimas axudas concedidas pola Xunta para a promoción do sector vitivinícola en países terceiros, é dicir, fóra da Unión Europea. O sector do viño tamén atravesa unha etapa crítica, especialmente no Ribeiro segundo afirma o BNG, enormemente dependente da hostalería, pola que a exportación fóra da Unión Europea é unha das principais vías de diversificación de canles de comercialización.

Publicidade

Ademais son as pequenas adegas, os colleiteiros, quen se atopan nunha peor situación ao ter máis dificultades para diversificar a súa produción, destacan os nacionalistas. Porén, as axudas da Xunta, aseguran, van nunha dirección “carente de equilibrio territorial e que non pasa pola promoción do Ribeiro”.

Aseguran dende o BNG que o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas e 3 adegas máis copan o 72% dos fondos totais concedidos. Engaden que as Rías Baixas concentran o 96% dos 1.342.000 € outorgados e critican que os 44.625 € que se reparten a adegas do Ribeiro supoñen o 3% do total, indo a parar a adegas da Ribeira Sacra 13.080 €, o 1% das axudas totais.