Gabriel Alén agradece o seu labor aos traballadores de residencias, aos que pide que afronten esta recta final con “ánimo e sen baixar a garda”

  • O delegado territorial da Xunta en Ourense salientou a “vocación e compromiso polo coidado das persoas maiores e con discapacidade” do persoal destes centros
  • O representante provincial do Goberno galego lembrou que fixeron “moitos sacrificios ao longo dos últimos meses, pero é necesario un último esforzo mentres a poboación máis vulnerable non recibe as dúas doses da vacina”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos responsables de residencias de maiores de Ourense. Durante o encontro, o representante provincial do Goberno galego agradeceu, no nome da Xunta de Galicia, ao persoal dos centros “a súa vocación e compromiso polo coidado das persoas maiores e con discapacidade”. “Non me cansarei”, continuou o delegado, “de recoñecer aos profesionais das residencias todo o traballo realizado durante este último ano, pois nos momentos máis difíciles estiveron en primeira liña desenvolvendo un traballo impecable e exemplar”.

Gabriel Alén asegurou que “é normal que nestes días todas as galegas e galegos, tamén os que viven ou traballan nunha residencia, sintan un certo cansazo e desánimo. Fixeron moitos sacrificios ao longo dos últimos meses, pero é necesario un último esforzo mentres a poboación máis vulnerable non recibe as dúas doses da vacina”. Neste sentido, lembrou que as primeiras vacinas chegaron o pasado 27 de decembro aos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade, e que esta mesma semana remata a súa distribución por todas as residencias, agás nas que existen gromos activos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta coincidiu coas representantes das residencias en que a plena inmunización non se alcanza ata despois de recibir as dúas doses, polo que nestas semanas os centros deben manter a máxima concentración e cumprir os protocolos co máximo rigor e seriedade. Por iso, salientou, é fundalmental abordar esta recta final con responsabilidade e sen botar abaixo todo o esforzo realizado ata hoxe. 

“A miña mensaxe hoxe aos profesionais de todas as residencias de Galicia, tanto públicas como privadas ou de iniciativa social”, sinalou o representante do Goberno galego, “é que afronten estas semanas con ánimo e sen baixar a garda”. “O momento polo que tanto levamos esperando, ese día no que o 100% da poboación das residencias estea inmunizado”, concluíu, “chegará dentro de poucas semanas, e ata entón toca extremar as precaucións e aplicar todas as leccións aprendidas ata hoxe”.

Medidas preventivas

Hai unhas semanas, ante o crecemento da incidencia que se observaba entre a poboación xeral, a Xunta decidiu enviar unha circular a todos os centros recordando as medidas de prevención que se implantaron ao longo desta pandemia e os protocolos que están vixentes. Nela, o Goberno galego lembraba que está ao seu carón para axudar a frear a pandemia e evitar que se estenda entre os residentes e traballadores destes centros.

Ante esta situación de risco extremo, a Xunta decidiu elevar todas as residencias ao nivel máximo de alerta, suspendendo as saídas e reducindo as visitas ao mínimo posible. Para que nun futuro os reencontros poidan ser máis amplos, é necesario que as visitas se reduzan agora a unha persoa de referencia, unha hora e unha vez á semana, de xeito totalmente seguro. Unha situación que se revisará unha vez que todas as residencias teñan recibido a segunda dose da vacina.