O BNG de Amoeiro demanda do Goberno Local previsión para evitar que varias parroquias queden sen suministro de auga durante varios días tal e como aconteceu esta última semana

Os nacionalistas reclaman que se a tardanza na reparación está na recepción de determinadas pezas precisas para o arranxo, o concello teña en stock ás necesarias para poder proceder de inmediato

 O BNG no Concello de Amoeiro denuncia que desde o pasado mércores pola tarde, as veciñas e veciños de distintos lugares e parroquias do concello, concretamente Amoeiro, Loureiro, Bóveda, Cerval, Arcos, Figueiras, SanXiago, Fontefría e Abruciños,sufriron un corte continuo da auga da traída que provocou importantes problemas aos seus habitantes, xa que non dispuñan de auga sanitaria, nin para consumo, nin para a súa hixiene persoal, nin para os animais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os nacionalistas advirten ademais que estanse a producir situacións especialmente complicadas en persoas maiores con problemas de mobilidade que non poden desprazarse para mercar auga embotellada.

Lembran que ano tras ano, o Concello de Amoeiro, ten sufrido cortes importantes na rede de abastecemento, achacando desde o propio concello que a tardanza no arranxo débese a escaseza e tardanza das pezas precisas. Esta inexplicable situación está tamén a agravar a problemática de bares e restaurantes, xa bastante afectados polas limitacións da pandemia.

Motivo polo cal os nacionalistas pregúntanse que se estas, sofren avarías todos os anos, porqué o concello non conta con pezas de reposto suficientes para evitar ditos cortes ano tras ano.

O BNG de Amoeiro esixe do Concello de Amoeiro, que tome cartas no asunto e que se fose necesario pida axuda a Deputación Provincial para abastecer, temporalmente de auga, ás veciñas e veciños que non teñen porqué sufrir a incompetencia e falla de previsión.