Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) presenta telemáticamente o libro “O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés de José Benito Reza Rodriguez.

Trátase dun traballo pioneiro e único que afonda na historia deste espazo natural e que fai un percorrido sobre as políticas e a xestión da conservación da natureza en Galicia nos últimos trinta anos  

Manuel Baltar e o autor, José Benito Reza, presentaron esta obra “que rende homenaxe a un dos espazos naturais máis importantes de Europa, o cal temos a obriga de preservar”, afirma o presidente do goberno provincial 

O autor dedica o libro “aos veciños que aínda resisten no Val do Limia, os que un día creron no parque natural e pensaron que o noso proxecto podía axudalos a vivir dignamente nos seus territorios de orixe” 

Ourense, 20 de febreiro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou xunto ao enxeñeiro de montes celanovés José Benito Reza o libro O parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. A protección dos espazos naturais en Galicia, do que é autor o enxeñeiro celanovés, unha obra editada pola Deputación de Ourense “que rende homenaxe a un dos espazos naturais máis importantes de Europa, o cal temos a obriga de preservar”, dixo Manuel Baltar, quen salientou que esta contorna “é un territorio cheo de riqueza, un hábitat que constitúe unha das xoias de Ourense: un lugar único en canto a historia e ciencia”. 

Trátase dun traballo pioneiro e único que afonda na historia deste espazo natural e que fai un percorrido sobre as políticas e a xestión da conservación da natureza en Galicia nos últimos trinta anos. O libro recolle en 280 páxinas os antecedentes, os inicios, o proxecto e a creación desta área protexida; o Interreg II e o que supuxo para impulsar a comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal; así como unha análise do territorio limítrofe de Portugal, a Rede Natura, o proxecto Natura Xurés-Geres, a toponimia e as claves para entender o futuro dun dos espazos naturais máis importantes do vello continente, cuxa proxección e protección supón un alicerce e unha chea de oportunidades para Ourense, Galicia, España e Portugal. 

O presidente do goberno provincial destaca de José Benito Reza “o seu galeguismo, entendido como amor a Galicia”, e agradécelle “que nos achegue a historia do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés” e que faga “maxisterio diario da protección medioambiental regalándonos a súa privilexiada visión sobre un parque natural que todos debemos potenciar; supón un exemplo de pedagoxía permanente”. 

Baltar tamén tivo palabras de agradecemento para o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez Dobaño, polo impulso que lle deu a esta publicación, a cal, xunto co parque natural han supoñer un atractivo e un apoio para facer fronte ao reto demográfico na Baixa Limia. 

José Benito Reza afirma que o obxectivo do libro “non é o de facer só unha viaxe para coñecer o territorio e as paisaxes do parque natural, senón contar a súa historia coñecendo a normativa e os eidos da conservación da natureza en Galicia e en toda España”. Para elo, afonda na normativa, no papel das administracións públicas, nas recomendacións das organizacións internacionais, á vez que é un libro biográfico, memorialístico, “que bebe das fontes dos meus recordos, ao longo dos case corenta anos que van desde a década dos oitenta ata hoxe”, afirma o autor. 

“O lector atopará na obra anécdotas, momentos de forte carga emocional e unha morea de personaxes cos que me fun atopando no desenvolvemento da miña profesión e que logo me acompañaron neste peregrinar polos camiños da vida”, explica Xosé Benito Reza, quen dedica o libro “a todos os veciños que aínda resisten no Val do Limia, especialmente aos que un día creron no parque natural, aos que pensaron que o noso proxecto podía axudalos a vivir dignamente nos seus territorios de orixe”. 

José Benito Reza (Celanova, 1956) é enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid. Foi director dos parques naturais Baixa Limia-Serra do Xurés e Invernadoiro (1995-1999) e director xeral de Conservación da Natureza (2005-2009). Promoveu a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia e declarou as primeiras paisaxes protexidas de Galicia. Ademais, é presidente do Seminario de Estudos Celanoveses, membro da Fundación Curros Enríquez e do Grupo histórico arqueolóxico Larouco, así como secretario e xuíz honorario da Asociación de Amigos do Couto Mixto.