Segundo o Bng, outro dos proxectos estrela de Jácome, o programa de chamadas a persoas maiores, fai augas

Segundo os nacionalistas, as empresas inicialmente contratadas e as cales non tiñan ningún tipo de vinculación co ámbito dos servizos sociais e nin tan sequera estaban inscritas no rexistro da Xunta, veñen de renunciar

Ourense, 29 de xaneiro de 2023. Ao inicio do mandato o actual rexedor, anunciou como un dos seus proxectos estrela o programa de acompañamento presencial e telefónico a persoas maiores. O certo é que transcorridos tres anos de mandato e pese a importancia que o Goberno local dicía darlle ao mesmo, non se fixo absolutamente nada, sendo nos últimos meses cando se iniciaron os trámites para a súa posta en marcha.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pero como ben sendo habitual desde que Jácome é alcalde, e tal e como afirma o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “a propaganda e os anuncios grandilocuentes son a tónica habitual, mais cando hai que executar e implementar, aí, o Goberno Local fai augas por todas partes”.

Seara fai referencia ao procedemento seguido para a contratación do programa de acompañamento presencial e telefónico a persoas da terceira idade que vivan soas, segundo o concelleiro nacionalisto “en todo o procedemento obviouse aos técnicos municipais de Servizos Sociais e comezouse a casa polo tellado xa que o primeiro que habería que ter feito é darlle publicidade ao programa para que as persoas interesadas se adheriran ao mesmo e a partir de aí, e unha vez coñecida a demanda existente, elaborar os pregos e sacar a licitación a prestación do programa”.

Pero o certo é que como en outras tantas ocasións, o Goberno Local optou polo troceamento do programa en dous contratos menores e evitar deste xeito a súa saída a concurso público. A maiores, o BNG denuncia que tal e como se desprende da información das empresas asinantes de ditos contratos, estas non tiñan ningún tipo de experiencia e vinculación co sector dos servizos sociais como tampouco estaban dadas de alta no rexistro da Xunta de Galiza.

Para Seara, “estas eivas, unidas ás críticas recibidas, fixeron que as empresas renunciaran aos contratos e polo tanto á prestación do programa polo que este alomenos de momento e a escasos catro meses das eleccións, non se vai implementar”. Luís Seara conclúe afirmando que “estamos diante doutro dos proxectos estrela de Jacome que fai augas por todas partes”.