O Psdeg-Psoe de Ourense logra o apoio unánime do pleno a prol de impulsar medidas para ratificar o compromiso do concello e da xunta coa eliminación da violencia machista

DO e Laureano Bermejo abstivéronse na moción que instaba á Xunta e ao Concello a levar a cabo unha promoción conxunta, coordinada e integral do complexo cultural de San Francisco

A iniciativa para que o goberno local rexeite o uso de animais vivos en espectáculos públicos e actividades lúdico-festivas foi aprobada sen o apoio dos populares, DO, Bermejo e Dibuja

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 2 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de lograr o apoio unánime para que o Concello e a Xunta ratifiquen o seu compromiso coa eliminación da violencia machista a través dunha batería de iniciativas entre as que se inclúen o apoio ao proceso de renovación e actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ou o establecemento de redes de colaboración coas asociacións da sociedade civil, ademais da redacción dun informe urxente por parte do Observatorio Galego de Violencia de Xénero que avalíe a situación actual e propoña novas accións.

Na defensa da moción, que foi aprobada cunha emenda do BNG, a socialista Concha García aproveitou para denunciar a “irresponsable e polémica” campaña da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller 2022: “se quero ser xusta teño que falar da vergoñenta campaña do PP polo 25N, que me desagrada como muller, como representante pública e como socialista, e que deixa entrever que as mulleres son corresponsables das agresións machistas que poidan sufrir, equivocadamente poñendo o foco na vítima”, sinalou. “¿Vostedes de verdade entenden a dimensión do problema? Xa lles contesto eu, non a entenden porque non retiraron la campaña”, resaltou.

Tamén foi aprobada, coa abstención do grupo de goberno e do tránsfuga Laureano Bermejo, a iniciativa socialista a prol da promoción conxunta, coordinada e integral do complexo cultural de San Francisco por parte do Concello e da Xunta de Galicia.

A este respecto, as e os socialistas censuraron que “non se está a sacar proveito da enorme riqueza patrimonial e cultural deste conxunto” por mor da “falta de cooperación” entre ambas administracións nun momento de eclosión turística froito da mellora das comunicacións e tempos de conexión coa meseta e dos plans de bonificación do transporte público por parte do Goberno do Estado.

O propoñente da iniciativa, o edil Xosé Rúas, lembrou que “é a terceira vez que o grupo socialista defende unha moción neste pleno para pór en valor o complexo cultural de San Francisco” e destacou a “decidida aposta pola cultura desta cidade por parte do Goberno central, con inversións históricas” fronte á “preocupante descoordinación do Concello e a Xunta” que fai que sexan “as empresas privadas as que, suplindo a falta de iniciativa pública, están a ofrecer visitas completas a este conxunto monumental”.

O edil empregou tamén unha referencia literaria para criticar o “taladrazo” froito da instalación das luces de Nadal e a falta de atención aos perímetros de protección patrimonial na colocación da iluminación: “Hai unha obra de Blanco Amor, ‘La catedral y el niño’, cuxo protagonista é Luís Torralba, un rapaz de oito anos. Que diría ese neno se percorrera esta cidade e vira o patrimonio ourensán esquilmado coa sombra e o silencio da Xunta?”

Pola súa banda, a iniciativa para que o goberno local rexeite o uso de animais vivos en espectáculos públicos e actividades lúdico-festivas foi aprobada sen o apoio dos populares, DO, Laureano Bermejo e María Dibuja.

Na súa defensa, o edil Trigás denunciou que o uso destes animais exóticos nos espectáculos de Nadal vulnera “un histórico acordo plenario acadado en 2013 polo que Ourense se declarou cidade libre de circos con animais” logo de coñecerse que o goberno municipal vén de contratar un os servizo dunha empresa de alugueiro de dromedarios e renos por valor de 18.388,50 € e de 13.915 € respectivamente.

“O Concello volve vulnerar un histórico acordo plenario de 2013 polo que Ourense se declarou cidade libre de circos con animais e ignora, como de costume, as queixas da cidadanía, dos colectivos animalistas e dos grupos políticos que nos opoñemos a que Ourense sexa a única cidade galega que aínda conserva e fomenta a participación de animais vivos en actividades festivas por mero entretemento”, censurou o concelleiro Borja Trigás, promotor da iniciativa.

“Non debemos cousificar ós animais dende unha administración pública, e menos aínda dende a administración local, a máis próxima á veciñanza, que debe ser exemplificadora especialmente para a cativada á que se lle está a transmitir a equivocada mensaxe de que é licito e axeitado obrigar aos animais a facer o que desexemos para a nosa diversión”, criticou Trigás.