O grupo parlamentario socialista presenta unha proposta non de lei para a mellora da administración dos fondos de reconstrución next generation da Unión Europea

“Ourense ten unha oportunidade de que en cada recuncho, a súa administración pública xestiones estes fondos adecuadamente para prestar os mellores servizos aos nosos cidadáns”, sinala Uxía Tizón

A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso destaca que o obxectivo é “impulsar a modernización e maior transparencia para recuperar e normalizar a situación na nosa terra”

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Parlamentario Socialista ven de rexistrar esta semana nas Cortes unha proposición non de lei (PNL) para a adopción de medidas relacionadas coa mellora da administración dos fondos que a UE destinou ao noso país para a reconstrución tras a pandemia do covid. De acordo con esta PNL, que se debaterá na Comisión de Política Territorial e Función Pública, proponse que o Congreso inste o Goberno a fomentar a cobernanza na coordinación entre o Estado coas Comunidades Autónomas e a Administración local para a asunción e execución dos fondos Next Generation-EU.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Uxía Tizón, explica que a iniciativa presentada polo Grupo Socialista busca “promover unha administración pública para o século XXI, potenciando a súa calidade e eficiencia e a dos servizos que presta”, e destaca a relevancia destes fondos, dos que España é o segundo país que máis axudas vai recibir, para construír un país e unha Europa “máis resiliente e adaptada aos retos futuros”.

A ourensá, que é ademais voceira adxunta de Política Territorial e Función Pública apunta a que os socialistas avogan pola “cogobernanza” entre o Estado, Galicia e Ourense cos seus diferentes concellos nas funcións e execución dos fondos da Unión Europea e subliña que o obxectivo é “impulsar a modernización e maior transparencia para recuperar e normalizar a situación na nosa terra”.

“Ourense ten unha oportunidade de que en cada recuncho, a súa administración pública, a todos os niveis, xestiones estes fondos adecuadamente para prestar, na recuperación da crise, os mellores servizos aos nosos cidadáns”, explica Tizón, que tamén lamenta a postura do BNG que cualifica de “irresponsabilidade”, o votar en contra na última sesión plenaria do Congreso na que se ratificaban estes fondos.

“É inexplicable a postura permanente do non absoluto deste partido, que pouco aporta nun momento no que todos debemos arrimar o ombreiro”, sinala Tizón, antes de finalizar apuntando que os socialistas “apoiamos e apelamos a responsabilidade para que Ourense recupere a situación de crise no menor tempo posible”.

Ademais, nesta PNL pídese un impulso á modernización, axilidade e transparencia da Administración Xeral do Estado, das CCAA e dos entes locais, para evitar obstáculos de carácter administrativo que demoren e retarden a recuperación económica do noso país