• Por provincias, 42 montaron o seu negocio en A Coruña, 35 en Pontevedra, 12 en Ourense e 6 en Lugo
  • Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados  que crearon proxectos empresariais apoiados a través da Xunta de Galicia
  • O secretario xeral da Emigración anunciou que a nova liña de axudas ao emprendemento dos retornados sairá proximamente cunha liña especial a causa da covid-19.

Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral da Emigración (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210219/AnuncioG0595-120221-0001_gl.html).

A Coruña foi a provincia na que máis emprendedores decidiron establecer os seus proxectos, 42, seguida de Pontevedra con 35 (21 deles na demarcación da Delegación de Pontevedra  e 14 na de Vigo), seguida da de Ourense, con 11; e da de Lugo con 6.  

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta iniciativa autonómica permite ás e aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou, pola súa banda, que este programa de axudas ao emprendemento dos retornados sairá proximamente cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”. 

Trátase dunha liña de subvencións que ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.