O Consello Regulador presenta a 8ª edición do ciclo Ribeiro “Cata e arte”

O C.R.D.O. Ribeiro presenta a oitava edición do ciclo Cata a Arte, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense os xoves 3, 10, 17 e 24 de novembro e 1 de decembro de 20:00 a 22:00 horas e que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia acompañadas de accións culturais paralelas como a música, a poesía ou o ilusionismo.

As degustacións comezarán o xoves da vindeira semana e o seu aforo limitarase a 100 persoas diarias, e as prazas cubriranse por orde de retirada das entradas presencialmente no Centro Cultural a partir do luns anterior a cada acto.

AVANTAR ACTIVIDADES

A saída (3 de novembro) poraa Bodegas Loeda, que realizará unha degustación do seu viño branco de treixadura Catro Parroquias, acompañada do concerto da mítica banda de pop Los Limones. O xoves 10 de novembro será unha cata sorpresa, coa adega e a acción por confirmar, pero non deixarán de sorprendernos. O xoves 17 de novembro continuaremos coa cata de Viña Costeira, que presentará os seus viños acompañados doutra animada actuación musical. O 24 de novembro, Benito Eladio Rodríguez e amigos deleitaranos cun recital de poesía e canción, acompañado dunha degustación de viño branco Torques do Castro e viño tinto Tarabelo, da adega Arco da Vella Adega de Eladio. E para rematar esta oitava edición, Bodega Alanís porá o broche de ouro o xoves 1 de decembro, onde degustará o seu viño Gran Alanís 2021 en sintonía co espectáculo “Ilusionismo Gran Reserva”, dirixido por Magia en la manga.

As catas volverán ter un carácter benéfico. O C.R.D.O. Ribeiro, co Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense, colaboran un ano máis conxuntamente en apoio á Asociación Ourensana de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER), para a que, nesta oitava edición, os asistentes realizan unha doazón en a favor desta entidade sen ánimo de lucro que dende 1996 está ao lado das persoas con Esclerose Múltiple, Parkinson e Enfermidades Raras da provincia de Ourense e as súas familias. Algúns dos servizos que ofrecen son psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, traballo social e educación social.