A asociación O Potiños vén de convocar o seu concurso fotográfico de temática libre coa colaboración do Concello e do Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño, no que poderán participar persoas maiores de 14 anos cun máximo de tres imaxes cada unha. A presentación deste certame tivo lugar esta mañá na Casa Consistorial da vila, coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o presidente do colectivo fotográfico, Manuel Blanco, e a xerente do CCA, Noelia Mares.
O edil de Cultura apuntou que “é un excelente estímulo para todos aqueles fotógrafos afeccionados que o desexen, un concurso que ten unha participación moi alta e cunha competitividade moi elevada, según poidemos comprobar como xurado nas pasadas edicións”. Pola súa banda, Noelia Mares resaltou o nivel “tanto nacional coma internacional do certame, que conta con todo o noso apoio, xa que contribúe a visibilizar o comercio local do Carballiño”.
Manuel Blanco comentou que as persoas que participen no certame deberán enviar as súas fotos, de temática libre, con data tope o vindeiro 10 de agosto, a info@potinos.com en formato de arquivo JPEG de modo cor RGB e unha resolución suficiente para amplialas a un mínimo de 40×60 cm. “O xurado concederá tres premios, sendo o primeiro de 400 euros do Concello e outros dous de 200 e 100 euros do CCA, aínda que estudiaremos a entrega dun galardón especial para concursantes do municipio, para incentivar a súa participación”.
As 20 mellores imaxes seleccionadas incorporaranse a unha das exposicións do ‘Arenteiro Fotográfico 2026’, que se celebrará no outono.

















