. Para o BNG este proxecto de lei é unilateral e autoritario, pois non buscou o consenso profesional, social ou político e só trae medidas punitivas e sancións que xa prevé a legalidade vixente.

. Non inclúe unha soa medida para resolver os problemas sanitarios de Ourense: nin reforzo das UCI, nin recuperación das áreas sanitarias nin medidas para as listas de agarda.


Os deputados nacionalistas por Ourense, Noa Presas e Iago Tabarés, amosaron o rexeitamento do BNG á reforma da lei de saúde que o PP aprobará no Parlamento Galego a vindeira semana por ser un “proxecto de lei unilateral e autoritario, pois non buscou o consenso profesional, social ou político e só trae medidas punitivas e sancións que xa prevé a legalidade vixente” e recordan que “é unha chapuza xurídica, tramitado pola vía de urxencia con absoluto escurantismo e opacidade para que a sociedade non se entere e mudando, para peor, a lexislación sanitaria galega”.

Para o BNG “é unha lei que non pretende mellorar a saúde das galegas e galegos nin o sistema sanitario público de Galiza senón vixiar e punir a poboación cando demostramos ser un pobo solidario e a lexislación xa prevé sancións para os incumprimentos”.

Desde a formación nacionalista recordan que “presentamos emendas ao proxecto de lei para que o PP faga o que non fixo en 11 meses de pandemia, dotar a sanidade pública galega de máis medios e recursos. Por exemplo, apostamos por reforzar a Atención Primaria, recuperar as Áreas sanitarias comarcais suprimidas polo Partido Popular, deseñar un servizo de rastrexo público, eficiente e eficaz dotado dos recursos necesarios para detectar casos positivos e illalos e que supere as deficiencias do actual, como demostraron os cribados mal organizados de Ourense”.

Plan de choque contra o cancro, proposta do BNG no próximo Pleno

Presas e Tabarés avanzan que “fronte a un PP instalado na propaganda, o BNG leva ao próximo pleno medidas concretas e demandará un plan de choque, dotado de orzamento, que garanta a máxima calidade e axilidade na detección e atención de doentes de cancro no contexto Covid-19 diante do grave impacto que está a ter a covid-19 na súa detección, pois hai recordar que hai dúas semanas a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), lanzaron un chamamento desesperado para recuperar a normalidade na atención de doenzas non Covid19 pois, segundo as súas estimacións, no conxunto do Estado español por volta de 55.000 persoas recibiran un diagnóstico de cancro tardío o que dificulta e mesmo impide que poidan ser tratadas con prognósticos favorábeis”.