O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén reúnese co presidente da asociación de empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas

O delegado territorial confirmoulle que o Goberno galego está traballando na ampliación de máis de 420.000 metros cadrados e que conta cunha partida de 1M de euros nos orzamentos 2021 para executala

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, recibiu esta mañá ao presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez. Durante máis dunha hora, mantiveron unha reunión de traballo, onde o representante dos empresarios  lle presentou o anteproxecto da central ferroviaria de mercadorías que esta asociación está a impulsar.

AVANTAR ACTIVIDADES

José Antonio Rodríguez tamén se interesou polo estado da ampliación do polígono, e no destino dos fondos europeos para darlle continuidade ao estreado enlace da A-52 con esta instalación industrial.

O delegado territorial confirmoulle o anuncio do Presidente da Xunta, Núñez Feijóo, na súa recente visita ao polígono, de que o Goberno galego está traballando na ampliación de máis de 420.000 metros cadrados e que conta cunha partida de 1M de euros nos orzamentos 2021 para executala.

Gabriel Alén tamén lle explicou que a Xunta de Galicia contempla a prolongación do acceso ao Polígono de San Cibrao das Viñas e á Cidade do Transporte desde a autovía A–52 dentro das propostas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presentou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nos fondos europeos do Plan de Recuperación.