A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, foi recibida nas dependencias da subdelegación do goberno polo subdelegado Emilio González Afonso, nesta primeira toma de contacto. Noelia Rodríguez pediu a colaboración do subdelegado do goberno para incrementar a seguridade vial na N-120, traballando na súa humanización.

Durante a xuntanza tamén falaron de posibles actuacións no casco histórico relacionadas co paso da vía do tren e da seguridade que esixe nunha zona de afluencia turística.

Outros temas foron a mellora da casa sindical e da Asociación de Comerciantes; a reactivación das dúas fases de reforma do Castelo dos Sarmiento; a posta en marcha de escolas taller e temas sociais coma a violencia de xénero ou a evolución da covid.

A alcaldesa pediu ao subdelegado colaboración para conseguir todas as melloras en materia de seguridade cidadá e coordinación coa Policía Local do concello, sobre todo durante esta pandemia. 

E en nome do grupo de goberno, a alcaldesa comprometeuse a apostar por seguir na mesma liña de traballo.