A Deputación apoiará a celebración en Ourense do “XIII Congreso Internacional de Asociacións de Amigos da Vía da Prata”

Videoconferenida Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con José Antonio Quintas da Asociación Amigos da Via da Plata.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe que a institución provincial apoiará a candidatura para que Ourense acolla en 2023 o “XIII Congreso Internacional de Asociacións de Amigos da Vía da Prata”, un evento que implica ao redor de 320 asociacións de todo o mundo que traballan no ámbito deste camiño xacobeo, como ven realizando a asociación de Ourense. O evento converterá á nosa provincia en punto de encontro para máis de 200 conferenciantes que acudirán desde diferentes países para debater sobre as cuestións históricas, sociais, relixiosas e turísticas que abranguen á Vía da Prata. 

Baltar confirmou o apoio da Deputación a esta iniciativa na videoconferencia que mantivo hoxe con José Antonio Quintas, directivo da Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe, de Ourense, unha entidade coa que a Deputación de Ourense vén colaborando, entre outros ámbitos, para levar a cabo melloras dos tramos polos que discorre a Vía da Prata na provincia no que atinxe a sinalización e sendas peonís. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar salienta “o carácter vertebrador e a importancia histórica da Vía da Prata como canle de difusión da nosa tradición e cultura”, e afirma que o congreso internacional “suporá un pulo económico e turístico para a nosa provincia; unha oportunidade que temos que aproveitar e na que a Deputación de Ourense estará en primeira liña apoiando e cooperando”, expresa o presidente Baltar.