A Xunta destina preto de 2,8m€ a 18 empresas da provincia de ourense para a súa consolidación empresarial

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Carlos Gómez,  a empresa de carpintería metálica ‘Ferreiros Gavilanes’, beneficiaria da liña de axudas Emprendemento Plus, que recibiu unha achega de preto de 82.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Na provincia de Ourense 18 empresas recibiron preto de 2,8M€ a través desta mesma liña de axudas destinadas a novas iniciativas no traballo autónomo, de pequenas e medianas empresas e entidades da economía social para financiar investimentos realizados por negocios con ata 42 meses de actividade.

O delegado territorial salientou  que as achegas puideron acadar os 90.000 euros en función do capital destinado e tiñan a vantaxe de complementarse con incentivos de 6.000 euros por cada contratación de persoas en situación de desemprego. Salientou Gabriel Alén que con esta iniciativa, dotada con 6M€, a Xunta quere favorecer a continuidade e consolidación de iniciativas de emprendemento cunha antigüidade máxima de 42 meses; é dicir, as que xa teñan superado os tres primeiros anos de traxectoria.

AVANTAR ACTIVIDADES

As entidades beneficiarias, así, puideron recibir pagamentos de entre 6.000 e 90.000 euros para compensar os seus investimentos de capital (a partir dun mínimo de 10.000 euros) en equipamento informático, mobles, reforma de instalacións, ou bens de equipo de segunda man, entre outros.

O proxecto

A carpintería metálica ‘Ferreiros Gavilanes’  é unha empresa de recente constitución dedicada á fabricación de pezas e estruturas metálicas para construtoras e outras empresas que demandan a produción deste tipo de estruturas. O seu obxectivo non  é outro que consolidarse como axente fundamental da carpintería metálica para as empresas de Galicia. Realiza un crecemento sostible na túa carteira de traballo incorporando procesos e metais para ter un alto abano de posibilidades.