O Psdeg-Psoe de Punxín esíxelle ao concello que amose o seu apoio e se sume a reivindicación no día internacional da muller reiterando o compromiso coa igualdade

As socialistas tamén lle piden o ente municipal que amose o seu recoñecemento ás traballadoras do mesmo, facendo unha especial mención as traballadoras do servizo de axuda no fogar

A voceira do PSdeG en Punxín, Lorena Peleteiro, lembra que “levamos 6 anos con un grupo de goberno formado unicamente por homes, polo que consideramos imprescindible reivindicar o papel da muller”

AVANTAR ACTIVIDADES

PUBLICIDADE

O PSdeG-PSOE de Punxín levará o vindeiro pleno municipal unha moción con motivo do Día Internacional da Muller e na que insta ao Concello que amose o seu apoio e se sume á reivindicación do 8M, reiterando o seu firme compromiso coa consolidación da igualdade entre mulleres e homes, “plena, efectiva e esencial para o avance da nosa sociedade e mellora da nosa democracia”. As socialistas tamén lle trasladan ao ente municipal que amose o seu recoñecemento ás traballadoras do mesmo, facendo unha especial mención e recoñecemento ás traballadoras do servizo de axuda no fogar pola “súa dedicación e traballo durante este ano cheo de dificultades”.

Dende o Grupo Municipal Socialista critícase que “un ano máis Punxín e o seu grupo de goberno municipal esquécese do Día Internacional da Muller” e lembran que a reivindicación do papel da muller no municipio “só se leva a cabo gracias as iniciativas presentadas polo PSdeG-PSOE”. As socialistas apuntan tamén a que “é de xustiza facer un recoñecemento á gran labor das traballadoras de axuda no fogar, todas elas mulleres”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, lembra tamén que “levamos 6 anos con un grupo de goberno formado unicamente por homes, polo que consideramos imprescindible reivindicar o papel e traballo da muller no noso Concello”. A socialista tamén afirma, en relación especialmente as traballadoras da axuda no fogar, que “esta crise puxo de manifesto, aínda máis se cabe, a gran labor que realizan as traballadoras deste concello, na súa maioría mulleres”.

As socialistas apuntan a que crise socio sanitaria puxo de relevo “tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan”. Segundo o informe de Nacións Unidas, queda patente, que por mor da pandemia da Covid-19 xurdiron novos obstáculos que se suman aos de carácter social e sistémico que persistían antes e que frean a participación e o liderado das mulleres. Porque a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal de primeira liña, aínda están infrarrepresentadas nos espazos de poder e da toma de decisións.

Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Punxín explican que “asumimos e defendemos que hai que intervir para paliar esta situación e desde as nosas respectivas responsabilidades, debemos traballar para que esta crise non deixe a ninguén atrás e tampouco leve por diante ás mulleres”.

Peleteiro remarca por último “a importancia da figura da muller e de reivindicar a igualdade real entre homes e mulleres, polo que consideramos que o grupo de goberno municipal non pode ser alleo a esta realidade e debe manifestar o seu apoio as devanditas reivindicacións. Finaliza afirmando que “Punxín non pode seguir illado no século pasado e debe formar parte destas reivindicacións”.