Reunión Manuel Baltar (Presidenta da Deputación Ourense) con Ghaleb Jaber e Ghaleb Jaber Martínez.

Manuel Baltar confirmoulle ao presidente e ao produtor de CTV, Ghaleb Jaber e Ghaleb Jaber Martínez, a colaboración da institución provincial con este proxecto, unha coprodución galego-portuguesa que terá como escenario o territorio fronteirizo entre Ourense e Portugal 

Ourense, 6 de marzo de 2021.- A provincia de Ourense volverá novamente a ser protagonista cinematográfica, dentro da estratexia que impulsa o goberno provincial para atraer producións audiovisuais ao “gran plató de cinema” do territorio provincial. Nesta ocasión será a serie televisiva Hotel Valquirias, unha coprodución galego-portuguesa que se rodará, entre outras, en diferentes localizacións da provincia de Ourense e que contará co apoio da Deputación de Ourense. 

Así llo confirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, ao presidente e ao produtor da compañía audiovisual CTV, Ghaleb Jaber e Ghaleb Jaber Martínez, respectivamente, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial e na que Baltar comprometeu a colaboración da institución provincial con este proxecto cinematográfico. “De novo, a nosa provincia volve estar no máis alto das producións cinematográficas e televisivas, nesta ocasión cunha serie que recolle a testemuña de producións como El desorden que dejas ou O sabor das margaridas, que acadaron o top 10 de series máis vistas en Netflix España e o top 10 de series non inglesas en Reino Unido e Irlanda, respectivamente”, afirma Manuel Baltar.  

Hotel Valquirias narra unha historia ligada ás terras ourensás e aos seus valores: ser unha provincia aberta e ponte entre comunidades e países. A serie está ambientada nun hotel fronteirizo entre Ourense e Portugal, coas singularidades “arraianas” que elo leva consigo, un sentimento de unión con Portugal que se plasma de maneira orgánica na serie grazas ao trasfego de hóspedes e outras personaxes a un e outro lado da fronteira. As protagonistas son tres mulleres que, afundidas polos seus problemas persoais e económicos, deciden unirse para acadar un futuro mellor.  

A serie transcorrerá entre as paisaxes da “raia seca” e a “raia húmida”, potenciando os atractivos patrimoniais, históricos e naturais da provincia e entroncando coa iniciativa da Deputación de Ourense de promover a sede da Casa da Lusofonía na provincia ourensá. Ademais da realidade fronteiriza, a serie contará con personaxes galegos e portugueses as cales, polas súas profesións ou particularidades vivenciais, visitarán outros puntos de interese da provincia. 

Hotel Valquirias é unha coprodución entre dúas das produtoras máis importantes de Galicia e Portugal, CTV e SPi, e ten como obxectivo converterse na primeira dramedia da plataforma que ten como escenario o país luso e que mestura drama, suspense, emoción e humor. Ambientada nun antigo hotel de estrada transfronteirizo, as tres mulleres protagonistas únense nun perigoso plan delituoso no medio de branqueo de diñeiro, mentiras, loitas de poder e perigo de morte.