Deputación e CEO impulsan un programa para mulleres desempregadas pola crise COVID-19

Reunión Manuel Baltar (Presidenta da Deputación Ourense) con Marisol Novoa Rodríguez (Presidenta da CEO):

“Reactiva Mujeres” pon o foco en mulleres desempregadas con fillos ao seu cargo e outras responsabilidades familiares, para favorecer o seu reingreso no mercado laboral

Manuel Baltar confirmou que o goberno provincial financiará con 36.000 € as accións formativas deste programa de acompañamento activo

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense ( CEO) impulsarán un programa de apoio a mulleres desempregadas por mor da crise do COVID-19. “Reactiva Mujeres” pon o foco en mulleres desempregadas con fillos ao seu cargo e outras responsabilidades familiares, para favorecer o seu reingreso no mercado laboral, unha iniciativa para a cal o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, confirmou un financiamento de 36.000 € para levar a cabo as accións formativas deste programa de acompañamento activo

“Reactiva Mujeres” busca apoiar a mulleres desempregadas con fillos ao seu cargo ou outras responsabilidades familiares que necesiten reincorporarse ao mercado laboral ao atoparse nunha situación de vulnerabilidade derivada da perda do seu emprego durante a crise derivada do COVID-19. Os obxectivos son: reducir o desemprego de mulleres na provincia de Ourense; desenvolver habilidades profesionais e sociais que incrementen as posibilidades de éxito das participantes, a empregabilidade e a inclusión social; xerar redes de contactos a través da formación; animar o espírito emprendedor e fomentar novas actividades económicas pola vía do emprendemento e o autoemprego, e xerar un impacto positivo e duradeiro sobre o futuro profesional das participantes.

As destinatarias desta acción son mulleres desempregadas e, prioritariamente, que sufrisen a perda do seu emprego ou peche da súa empresa como consecuencia da crise derivada do COVID- 19. Ademais diso, terase en conta que teñan fillos a cargo ou outras responsabilidades familiares (cónxuxe ou persoas maiores que convivan e dependan economicamente da participante); e deberán residir en calquera dos municipios da provincia de Ourense.

O número de participantes en cada unha desta acción será de entre 15 a 20 persoas, e a duración será de 15 horas, a través de sesións on- line. Os contidos dos módulos formativos incluirán habilidades persoais, sociais e de empregabilidade. Proponse realizar un total de seis programas, polo que o total de participantes podería alcanzar as 120 en toda a provincia, distribuídos xeograficamente entre: Ourense, O Carballiño – O Ribeiro, Celanova – Allariz – Maceda, A Limia – #Baixa Limia, Verín – Viana, e Valdeorras – #Terra de Trives – Terra de Caldelas.

Este programa forma parte da alianza de cooperación que manteñen a Deputación de Ourense e a CEO. Recentemente, ambas as entidades renovaron o acordo do proxecto ” ExportOU”, unha iniciativa que naceu en 2017 e cuxa finalidade é apoiar e fomentar a internacionalización das empresas ourensás por medio dunha plataforma web que engloba recursos, formación, información e asesoramento para axudar ás pemes ourensás na procura de mercados exteriores para os seus produtos. Na nova etapa deste proxecto potenciarase e consolidará a “marca Ourense” para todas as empresas que participan en ExportOU e apostarase por reforzar a dixitalización enfocada á internacionalización destas pemes.