Os socialistas reclamanlle que “deixe de untar a rexedores ou rexedoras con promesas de empregos, obras ou prebendas” e “se poña a traballar respectando os principios básicos dunha democracia”

“Baltar usa a Deputación como unha oficina sectaria de contratación, para favorecer os seus intereses persoais”, denuncian, feitos que “incluso teñen irritada a outra metade do PP que quere botalo”

O PSdeG-PSOE esixe a Manuel Baltar que “deixe de mercadear” con cartos públicos tras colocar na Deputación de Ourense á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, quen foi declarada a primeira persoa tránsfuga de Galicia pola Comisión Estatal Antitransfuguismo. “Estes comportamentos caciquís atentan contra os principios democráticos e o código de ética da institución”, alertan antes de cualificar os reiterados contratos e fichaxes a dedo de persoas doutras formacións políticas como un “carrusel do chaqueteo” e unha “mandanga que leva a marca da familia Baltar”.

Así pois, os socialistas reclaman ao presidente provincial que “deixe de untar a rexedores ou rexedoras con promesas de empregos, obras ou prebendas de calquera tipo” e “se poña a traballar respectando os principios básicos dunha democracia e dun estado de dereito como a igualdade, o mérito, a equidade ou a transparencia”.

“Baltar usa a Deputación ourensá como unha oficina sectaria de contratación, para favorecer os seus intereses persoais”, insisten porque xa son varios os rexedores do PP a soldo da institución. “O comando de alcaldes, alcaldesas, palmeiros e cargos populares agraciados polo dedo divino da Deputación irrita incluso a outra parte do PP ourensán que manobra ás costas do propio Baltar, co único fin de botalo canto antes dos seus cargos”, destapan.

A alcaldesa tránsfuga de Porqueira recibe agora un “novo premio” en forma de contrato de 30.000 euros anuais, tras cambiarse hai anos ao PP o que, segundo o PSOE, “evidencia novamente o uso de recursos públicos na captación de candidatos e candidatas para o beneficio propio do baltarismo”.

“Volve quedar claro quen utiliza partidistamente as institucións públicas nesta provincia de forma intencionada e reiterada”, advirten tras recordar que estas “prácticas e estratexias corruptas” xa foron castigadas en varias ocasións “polos tribunais e polas xuntas electorais”.

Desde o PSdeG-PSOE salientan que seguirán a traballar “sen descanso para protexer á histórica Deputación das gadoupas da corrupción e do caciquismo” do PP de Ourense, e conclúen pedíndolle ao presidente, unha vez máis, “dignidade, civismo e respecto” pola institución que “manosea como se fose o seu xoguete”.