A Xunta facilitará a 4.000 galegos e galegas o acceso á formación para obter os certificados de profesionalidade

Closeup of a carpenter hands working with a chisel and carving tools on wooden workbench

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de convocar a décimo quinta edición das probas dirixidas ás persoas que non teñen ESO ou Bacharelato, requisitos mínimos esixidos para acceder á Formación Profesional para o Emprego

Publicidade

Galicia é pioneira desde 2009 na realización destes exames que se centran nas materias de lingua galega, castelá, inglés e matemáticas

Preto de 36.300 galegos e galegas sen estudos participaron nestas probas desde que se convocaron por primeira vez en 2009

A capacitación dos traballadores e traballadoras galegos é un dos eixos prioritarios das políticas activas de emprego da Administración autonómica

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a décimo quinta edición das probas, coñecidas co nome de Competencias Clave, para facilitar aos traballadores e traballadoras galegas, que non posúan os requisitos académicos da ESO ou do Bacharelato, o acceso á formación para obter os certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación, e polo tanto para incrementar as posibilidades de obter un posto de traballo. O prazo para inscribirse nos exames finaliza o próximo 7 de abril.

Estas probas, que están previstas para finais do mes de xuño, permiten acadar os requisitos mínimos que aseguran que os alumnos e alumnas posúen os coñecementos necesarios para realizar a formación correspondente aos certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional.

Para a realización destes exames, a Consellería de Emprego e Igualdade atenderá ás recomendacións que as autoridades sanitarias establezan consonte ao momento temporal nas que está previsto que as probas teñan lugar. O lugar prevese que sexa no Recinto Feiral de Silleda (Pontevedra), como nas últimas convocatorias

O modelo de solicitude está dispoñible na guía de procedementos de servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, procedemento TR306A.

Galicia é pioneira na realización destes exames que se centran nas materias de lingua galega, castelá, inglés e matemáticas. A Administración autonómica realiza estas probas desde o ano 2009 e un total de 36.276 galegos e galegas que carecían dos requisitos académicos esixidos puideron igualmente acceder á Formación para o Emprego e aos certificados de profesionalidade. Son probas de avaliación sobre un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento, necesarios para todas as especialidades formativas e laborais.

A mellora da cualificación profesional dos traballadores e traballadoras galegos é un eixo prioritario da Xunta de Galicia. O seu reto é a formación e capacitación ao longo da vida laboral dos traballadores e a mellora da cualificación dos colectivos a quen van dirixidas estas probas de avaliación.