Xunta e Deputación pechan o plan funcional do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense

Visita Manuel Baltar (presidenta da Deputación Ourense) ás obras do Campus da FP en Ourense acompañado por Román Rodríguez González (Conselleiro de Educación e Univesidade), Cesar Fernández Gil (VicePresienta da Deputación Ourense), José Luis Mira Lema (Secretario Xeral de Educación e FP), Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta en Ourense) e o percorrido a cargo de Cecilia Rojo Ramírez (Xefa do Servizo da Unidade técnica de Ourense).
IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaron hoxe as obras do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense, para o cal ambas entidades veñen de pechar os detalles do plan funcional deste novo centro, chamado a ser o principal espazo de referencia da nova Estratexia Galega de FP 2021-2025.

Baltar salientou que este centro ”é un proxecto estratéxico para a Deputación de Ourense, froito da capacidade de xestión desta institución para propoñer ante o goberno autonómico a súa localización e Ourense, e achegando a institución provincial máis de cinco millóns de euros para facelo realidade”. O presidente do goberno provincial destaca que esta infraestrutura formativa “situará a Ourense como capital da Formación Profesional en Galicia e no Norte de Portugal, é un centro ambicioso, a Formación Profesional é o futuro, e as sinerxias e a cooperación entre Deputación e Xunta fai que nuns meses sexa unha realidade”.

OZOCOgz Deseño Galego

Baltar amosouse satisfeito pola excelente evolución das obras e por esta iniciativa, política e institucional, impulsada desde a Deputación para que Ourense acollese un centro único nas súas características, e sobre todo salienta a necesidade de seguir cumprindo os compromisos orzamentarios. “Ourense está de parabén polo que suporán estas instalacións para o tecido económico e empresarial e para o ámbito da innovación e investigación, porque estamos falando de un centro que é sinónimo de futuro, e ese futuro tamén ten que ser sinónimo de ourense, como unha terra con retos por conseguir e na que a Deputación xoga un papel fundamental”.

Visita Manuel Baltar (presidenta da Deputación Ourense) ás obras do Campus da FP en Ourense acompañado por Román Rodríguez González (Conselleiro de Educación e Univesidade), Cesar Fernández Gil (VicePresienta da Deputación Ourense), José Luis Mira Lema (Secretario Xeral de Educación e FP), Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta en Ourense) e o percorrido a cargo de Cecilia Rojo Ramírez (Xefa do Servizo da Unidade técnica de Ourense).

Pola súa banda, Román Rodríguez sinalou que o plan funcional vai servir para axustar os diferentes espazos do centro ás necesidades dos seis principais ámbitos de desenvolvemento do centro (realidade virtual, simulación de procesos, impresión 3D, industria 4.0, industria enerxética e biotecnoloxía) e aos piares sobre os que se está a elaborar a nova folla de ruta da FP galega, que se presentará esta primavera.

O titular do departamento educativo da Xunta explicou que se a traballar para que o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense, que supón un investimento de 9,9 millóns de euros froito da colaboración entre a Xunta e a Deputación de Ourense, poida entrar en funcionamento o vindeiro curso 2021-2022. Nestes momentos, as obras xa están completas ao 65%. Como salientou, será “un faro para a innovación e a mellora continua da FP de Galicia, xa que será un referente para as empresas e promoverá o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial aplicada, a formación docente e o establecemento de sinerxías con empresas e institucións”.

2.500 m² de superficie

O Centro Galego de Innovación da FP de Ourense distribuirase en planta baixa e primeira planta, cun total de catro talleres, dous laboratorios e  catro aulas-taller, totalmente equipadas coas últimas tecnoloxías industriais e de comunicacións, e zona de administración e servizos, cunha superficie total construída de 2.415 m².

Na planta baixa situarase un laboratorio biotecnolóxico destinado á análise microbiolóxica tradicional e mediante PCR e, en xeral, a proxectos destas características; unha área de fabricación aditiva para o deseño e impresión 3D, desenvolvemento de prototipos e escaneado dixital, entre outras tarefas, e un espazo dedicado a proxectos medioambientais (fontes enerxéticas verdes como os biocombustibles, instalación enerxética, térmica e climaticamente eficiente). Así mesmo, acollerá  un cuarto espazo centrado na industria 4.0 (robótica colaborativa, monitorización, xemelgos dixitais, internet das cousas), ciberseguridade en contornos industriais e mantemento intelixente desde postos remotos. A zona de administracións e servizos estará tamén situada na planta baixa.

Na planta primeira haberá catro aulas-taller, dúas delas dedicadas a á aula inmersiva e á sala de control. Estes espazos estarán destinados á posta en práctica de simuladores (de soldadura, vernizado, de ponte de pesca…) e contornas de realidade virtual e aumentada, que requiren espazo illado acusticamente para as actividades de simulación e, no caso da sala de control, á supervisión, análise e seguimento da actividade de simulación. As outras dúas aulas-taller funcionarán como espazo innovador destinado a aula de formación que, segundo as novas tipoloxías, incorporan espazos e equipamentos flexibles que permiten configurar o espazo para debater, colaborar ou expoñer.

O laboratorio-cociña de simulación alimentaria, tamén nesta planta, estará centrado na I+D+i no ámbito da tecnoloxía alimentaria (innovación culinaria, investigación de produtos agropecuarios e pesqueiros galegos, desenvolvemento de novos produtos ecogastronómicos, industrias alimentarias, acuicultura, adegas, análise sensorial, etc.. ) e contará cunha sala complementaria destinada a usos polivalentes, un espazo diáfano para as actividades demostrativas relacionadas coa industria alimentaria do laboratorio-cociña. Esta planta primeira estará tamén ocupada por unha área de reunión e actos.

O conxunto das instalacións serán un exemplo de eficiencia medioambiental, tanto no uso de enerxías renovables na alimentación (instalación solar fotovoltaica, bombas de calor, xeotermia,…), coma na climatización, na ventilación e no illamento térmico e sonoro.

Ámbitos de desenvolvemento

Aínda que no Centro Galego de Innovación da FP poderían ter cabida proxectos de innovación de distintos ámbitos, inicialmente contará con equipamento singular dos que aglutinan boa parte da innovación nos centros educativos de Formación Profesional, e da demanda de I+D+i no tecido empresarial galego.

Así, será desde o inicio un centro especializado na realidade virtual e aumentada aplicada aos ámbitos produtivos (tanto no ámbito da formación de empregados, como no desenvolvemento de procesos produtivos), na simulación de procesos, para o que contará coa aula inmersiva para mellorar a seguridade e a redución de riscos nos procesos, ou na impresión 3D, a través da área de fabricación aditiva.

Así mesmo, o espazo destinado á industria 4.0 dará cabida a todas as tecnoloxías necesarias para a transformación dixital dos sistemas produtivos das empresas galegas, e o taller de proxectos medioambientais centrarase na aportación á industria enerxética, un dos sectores estratéxicos sobre os que pivota a transición empresarial da  política medioambiental europea nos próximos anos.

Por outra banda, o laboratorio biotecnolóxico será o espazo dedicado a desenvolver melloras neste ámbito e o da biociencia,  como unha das industrias novas con máis proxección no futuro nos sectores sanitario, alimentario, químico ou medio ambiental.

Escaparate da FP en Galicia

O Centro Galego de Innovación da FP de Ourense está chamado a ser o escaparate diante do tecido produtivo de Galicia e a sociedade das posibilidades de innovación da Formación Profesional. Así mesmo, exemplificará as posibilidades da colaboración entre o ámbito educativo e o ámbito produtivo para o desenvolvemento de novas capacidades nas empresas de Galicia, aproveitando o capital humano dos centros galegos de FP. Con este fin, estreitarase a colaboración das empresas, que poderán atopar nel proxectos de valor engadido que incorporar aos seus procesos produtivos.

Por outra banda, o centro aproveitará ao máximo as sinerxías entre diferentes centros de FP e dará continuidade ao desenvolvemento empresarial dos proxectos de innovación que se inicien neles e aos proxectos de emprendemento nacidos en viveiros da rede de centros, e que requiran de capacidades de equipamento empresarial.

Así mesmo, será un centro innovador de formación no que o profesorado de FP poderá actualizar as súas competencias profesionais, actividades que tamén se poderán estender para mellorar as cualificacións dos empregados do tecido empresarial galego.

PUBLICIDADE