A Xunta abre o prazo de matrícula para o curso 2021-22 nas 173 escolas infantís públicas autonómicas

Despois de sete meses de curso, estes centros teñen demostrado que se pode impartir este nivel educativo con total seguridade

A rede autonómica ofrece 41 prazas máis, ata acadar as 10.383, coa apertura dunha nova escola en Paderne de Allariz

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao longo do vindeiro curso agárdase que entren en funcionamento as prazas da ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

A Xunta abre a partir de mañá e ata o vindeiro 12 de abril o prazo de inscrición para o curso 2021-22 nas 173 escolas infantís da rede autonómica, que poñen á disposición das familias 10.383 prazas. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de Catabois, en Ferrol, onde informou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe estas resolucións.

A conselleira sinalou que sete meses despois do inicio do curso, as escolas infantís teñen demostrado que se pode impartir este nivel educativo con total seguridade, aínda no contexto máis complicado. Neste sentido, apuntou que as nenas e nenos, os profesionais e as familias, respectaron todas as recomendacións sanitarias, o que permitiu que o curso se desenvolvese con normalidade.

En canto ás 41 prazas máis que se incrementan o vindeiro curso, son o resultado da entrada en funcionamento da escola infantil de Paderne de Allariz. Así mesmo, agárdase que ao longo do curso entre en funcionamento a ampliación na escola infantil de Salvaterra de Miño.

O vindeiro curso será o segundo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos en escolas infantís privadas, municipais e de iniciativa social. Así mesmo, a Xunta segue apostando polos recursos de conciliación no rural coa posta en marcha de preto de 100 casas niño ao longo de toda a Comunidade.
 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210323/AnuncioG0379-110321-0002_es.pdfhttps://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210323/AnuncioG0379-110321-0001_es.pdfhttps://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210323/AnuncioG1342-110321-0002_es.pdf