O Asilo de Ribadavia pide colaboración para unhas novas instalacións

O Padroado da Fundación Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia que rexe a residencia do mesmo nome, acordou na última reunión celebrada o pasado xoves día 18,  solicitar unha reunión con representantes da Deputación de Ourense para estudiar as posible vías de colaboración da entidade provincial, tanto no referente a axuda que a entidade ten solicitada para este exercicio como para os proxectos que a medio prazo ten a Fundación e que pasan fundamentalmente pola construción de novas instalacións adaptadas á nova realidade, tanto dende o punto de vista dos coidados cunha poboación maior que cada vez precisa mais coidados, como dende o punto de vista sanitario por mor da pandemia.

A nova realidade que nos deixa a COVID é a necesidade de reforzar servizos públicos de coidados, e tamén significou ter que dotar de máis recursos a estes servizos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta demanda á Deputación encadrase nunha rolda de contactos que o Asilo prevé facer con todas as Administracións, destinada a conseguir maiores apoios e implicacións.

Desde o Asilo de Ribadavia, que é xestionado por un Padroado de representantes públicos e que ten unha función pública, consideramos que todas as Administracións deben facer un esforzo na situación actual que nos deixou a Pandemia. Así, por exemplo, o Concello de Ribadavia incluíu no seu Orzamento 2021, recentemente aprobado, unha partida propia por primeira vez destinada axudar aos gastos de funcionamento do Asilo.