O BNG pide axilizar a contratación de traballadoras e traballadores sociais para o reforzo dos xa de por sí saturados Servizos Sociais do concello

Logo dos atrasos xurdidos ao longo do procedemento para a creación da listaxe, desde o BNG urxen ao Goberno Local a que comece cos chamamentos o antes posíbel

Publicidade

 Que a Concellería de Asuntos Sociais está absolutamente ao bordo do colapso é unha realidade que desde fai meses veñen denunciando desde o Grupo Municipal do BNG. Situación límite que fai que centos de persoas teñan que agardar ata seis meses por unha primeira cita de valoración.

Desde o BNG veñen reclamando tanto en Xunta de Área como a través do propio Pleno, o reforzo deste servizo, xa que as consecuencias da pandemia e da crise socio – económica derivada da mesma fai que nestes momentos, a atención ás persoas deba ser unha prioridade.

As carencias fan ademais que o escaso persoal soporte unha elevadísima carga de traballo e situacións de moito estrés e tensión, motivo polo cal, cómpre o reforzo do persoal á maior brevidade posíbel.

E é precisamente neste punto onde os nacionalistas queren por o foco. Fai algúns meses e como consecuencia do informe de necesidades emitido pola propia xefatura do servizo, o concello iniciou os trámites para a elaboración dunha listaxe que permitise a contratación con carácter interino de ao redor de 12 traballadoras sociais.

Desde o BNG denuncian que como consecuencia de erros no procedemento, concretamente ao non dar traslado desde Recursos Humanos ao tribunal cualificador das reclamacións presentadas á listaxe provisional, a elevación desta a definitiva retrasouse considerablemente, sendo o pasado mércores 24 de marzo, o día no que en segunda sesión, o tribunal resolveu ditas alegacións e elevou a definitiva a listaxe.

O que solicitan chegados a este punto desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense é que se inicien os chamamentos o antes posíbel e que se cubran todas as prazas solicitadas pola xefatura do servizo.

Para o BNG resulta moito máis urxente a contratación e o reforzo dos Servizos Sociais que a contratación recentemente anunciada a bombo e platillo polo goberno de Jácome de ao redor de 20 “científicos” para o seu “Centro de Intelixencia Artificial” do que nada se sabe. É momento de establecer as prioridades e para o BNG, a día de hoxe, esas pasan pola atención as veciñas e veciños en situación de vulnerabilidade.

PUBLICIDADE