Espazo Común presenta unha moción para que o concello do Carballiño aumente os prazos para o pagamento de débedas de particulares

Na liquidación do orzamento do ano 2020, a cifra de dereitos pendentes de cobro, ascende a máis de 5.000.000 de € e, lóxicamente, gran parte destes cartos proveñen de impostos impagados.

A xestión feita por parte do Servizo de Recadación merece unha atención especial e sería desexable a elaboración dunha auditoría para coñecer realmente as causas de que uns veciños paguen, outros non e a outros se lles perdoen débedas

AVANTAR ACTIVIDADES

O Grupo Municipal de Espazo Común do Carballiño vai presentar, para que sexa tratada no pleno deste mes de maio, unha iniciativa para que o Concello, amplíe os prazos de pagamento de débedas de particulares, xa que os que establece actualmente a ordenanza son inasumibles para moitos veciños.

Son xa varias as persoas que se dirixiron a nós para expresar o seu desexo de facer fronte ás contías pendentes pero que non poden facerlle fronte ao ser prazos moi reducidos.

MOCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DOS PRAZOS DE PAGAMENTO DE DÉBEDAS DE PARTICULARES CO CONCELLO

                                                    EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello do Carballiño comeza a acumular de novo unha grande cantidade dereitos pendentes de cobra nas súas contas.

Na liquidación do orzamento do ano 2020, esta cifra ascende a máis de 5.000.000 de € e, lóxicamente, gran parte destes cartos proveñen de impostos impagados.

A xestión feita por parte do Servizo de Recadación merece unha atención especial e sería desexable a elaboración dunha auditoría para coñecer realmente as causas de que uns veciños paguen, outros non e a outros se lles perdoen débedas de xeito arbitrario e con dúbidosos expedientes de prescripción que son ocultados á oposición por parte do goberno. Pero non é esa a razón da presente moción.

Dende Espazo Común, temos coñecemento de varios casos, nos que veciños que manteñen débedas co Concello desexan facer fronte as contías pendentes pero a propia ordenanza que regula os pagos aprazados, fai que lles sexa imposible.

Non é razoable que persoas que pasan apuros económicos, moitas veces con ingresos exiguos, pensións non contributivas ou axudas mínimas, se vexan na obriga de afrontar pagos mensuais que supoñen a metade ou máis do total que perceben ao mes.

Esto débese a que o artigo 96 bis da Ordenanza Xeral de Xestión, Recadación e Inspección dos Tributos e outros Ingresos de Dereito Público Locais, impón que unha débeda de, por exemplo, 2.900 € teña que ser satisfeita como máximo en 12 meses, é dicir, 241,66 € mensuais. Folga dicir que é inasumible para persoas con ingresos de 400, 500 ou 600 € ao mes, como hai moitas hoxe en día.

Ocorre así sucesivamente segundo vai subindo o importe. De 3.000 a 6.000 € en 18 meses. Máis de 6.000 € cómo máximo en 24 meses.

Tendo en conta que vivimos tempos excepcionalmente dificiles a nivel económico, este Concello debería amosar unha maior sensibilidade con aqueles que desexan pagar pero que non poden afrontar esas cantidades, xa que non teñen padriño (ou madriña) que lles inicie un expediente de prescripción.

A proposta de Espazo Común a este respecto é que tódolos aprazamentos de débedas co Concello poidan chegar aos 5 anos como acontece na práctica totalidade das administracións.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                                         SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño modifique o devandito artigo 96 bis da  Ordenanza Xeral de Xestión, Recadación e Inspección dos Tributos e outros Ingresos de Dereito Público Locais para aumentar a 5 anos os prazos mensuais para o pago de débedas municipais.