O BNG alega contra os eólicos na Casa da Neve e pide á Xunta que rexeite o proxecto de BayWa

O BNG alega contra os eólicos na Casa da Neve e pide á Xunta que rexeite o proxecto de BayWa

  • As nacionalistas, nun escrito rexistrado onte, advirten que o proxecto presentouse fragmentado “para eludir o control público” e sinalan que de se concretar sería un obstáculo para desenvolvementos socio-económicos alternativos das vindeiras xeracións.
  • Alertan da debilidade das institucións locais para defender á veciñanza e piden que as autoridades galegas determinen e protexan “as aspiracións das poboacións no que atinxe ás características paisaxísticas da súa contorna” tal e como recomendan os convenios internacionais.
  • Denuncian unha práctica colonial que considera Celanova como un espazo de extracción “xa deteriorado” polo efecto da mesma explotación (parque do Vieiro) “no que os habitantes son escasos e, polo tanto, prescindíbeis como suxeitos de dereitos; dereito á paisaxe, por exemplo

O BNG de Celanova chama a atención dos avaliadores sobre a fragmentación do proxecto en varios proxectos pendentes, xa que o documento inicial fai referencia explícita a 8 informes que adía a unha fase posterior, entre eles, os estudos de ruído, o de impactos sobre o patrimonio, a memoria arqueolóxica ou o proxecto de liñas de evacuación (o tendido eléctrico de alta tensión que levará a enerxía até a unha subestación na xunto a central de Frieira, a uns 17 quilómetros en dirección oeste).

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta fragmentación, “non parece ter outra razón que a de eludir o control público para a protección do medio ambiente”, sinala o escrito do BNG de Celanova, que entende que se está a dificultar “a participación do público, as autoridades locais e outras partes interesadas”, protexidas no Convenio Europeo da Paisaxe así como os “os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente” que garanten tanto o Convenio de Aarhus como a Lei 27/2006 estatal a a propia Constitución española (art.45).

OSBTÁCULO A FUTURAS ALTERNATIVASO BNG de Celanova lembra no escrito de alegacións que Galiza é un país excendentario na produción de enerxía eléctrica e que o proxecto da Casa da Neve non obedece a necesidade social ningunha “para paliar deficiencias na oferta” e pide que a proposta de instalación se pondere “de acordo con outras aspiración sociais en xogo” como son “as aspiracións das poboacións no que atinxe ás características paisaxísticas da súa contorna” que deben dar forma aos obxectivos de calidade paisaxística definidos no Convenio Europeo da Paisaxe (art.1C).

As nacionalistas, que como principio apostan por unha transición enerxética xusta e equilibrada no que as renovábeis, incluída a eólica, deberán acompañar o proceso, chaman a atención neste caso sobre os efectos que tería a instalación dun polígono na Casa da Neve que “impedirán ou dificultarán alternativas de desenvolvemento económico que atendan ás potencialidades de Celanova, en especial, actividades ligadas o patrimonio artístico e cultural do conxunto histórico da vila e da súa contorna. E condicionarían a capacidade futura das xeracións vindeiras de habitar o territorio en base a uns valores distintos os nosos, en canto que no proxecto ningunha Administración Pública poderá intervir durante os próximos 25 anos”.

DEBILIDADE INSTITUCIONAL E ESPOLIO COLONIAL. “Desafortunadamente, no Concello de Celanova non existen políticas en materia de protección, xestión e ordenación da paisaxe. Nin ferramentas nas políticas de ordenación territorial e urbanística (por exemplo, unha Avaliación Ambiental Estratéxica, ligada ao PXOUM, redactado hai 25 anos) que permitan certo grado de protección”, advirte o BNG de Celanova.

O BNG critica que a normativa estatal e galega consinta a instalación en Celanova dun polígono de explotación enerxética, cunha limitación de 500 metros de distancia entre as máquinas e as poboacións, que a lei alemá prohibiría, xa que establece máis do dobre desa distancia para aeroxeneradores das dimensións previstas aquí. “Esta debilidade institucional debe ser compensada pola Xunta defendendo os intereses das veciñas e veciñas”, piden as nacionalistas antes de indicar que a Administración galega “debería ter a precaución de coñecer que efectos para saúde das poboacións e outros efectos socioeconómicos intenta evitar aquela normativa alemá [en referencia a lei 10H-Regelung, de 2014, do Estado Libre de Baviera] e reformar as leis canto sexa preciso para que as galegas e os galegos gocen da mesma protección que calquera cidadá de Baviera”.

O BNG aprecia outras reminiscencias dun discurso colonialista no documento inicial, por exemplo na seguinte afirmación: “Ao tratarse dunha paisaxe na que se observa a presenza de parques eólicos en funcionamento considérase que a súa fraxilidade non aumentará ao proceder á implantación das sete máquinas do novo parque eólico, xa que non suporán a introdución de un novo uso e elemento na paisaxe” (páx.116 da proposta da empresa). En opinión das nacionalistas, que se reflexa nas alegacións, a empresa asume impactos na paisaxe “ao redor do que se considera un espazo de extracción –no que os habitantes, escasos desde algunha medida cuantitativa (e, polo tanto, prescindíbeis como suxeitos de dereitos; dereito á paisaxe, por exemplo)– xa deteriorado polo efecto desa mesma práctica de explotación”.

“Isto no Estado Libre de Baviera, en calquera área densa en asentamentos como a da contorna de Celanova, non pasa. Polo menos desde o ano 2014. Aquel non é un espazo de extracción a seguir deteriorando. Este, o noso, parece que si”, conclúen as nacionalistas no seu escrito.

AFECCIÓNS AO MEDIO, Á PAISAXE E O PATRIMONIO. O BNG de Celanova comparte nas súas alegacións a denuncia de afeccións xa sinaladas por colectivos ecoloxistas e veciñanza a título particular en escritos que son públicos e que tiveron en conta as nacionalistas á hora de redactar as súas alegacións.

Entre as principais afeccións, as nacionalistas recollen as referidas aos impactos ambientais recoñecidos pola mesma empresa que asina o proxecto: afeccións directas a tres cursos fluviais (entre eles, a Corga de Sampil, sobre a que río abaixo o Concello de Celanova e a CHMS proxectan unha intervención paisaxística), a hábitats catalogados e especies en perigo de extinción (2) ou vulnerábeis (16), alén doutros danos directos á fauna e a flora; así como outros impactos como a destrución de solos, a perda da calidade das augas, o aumento da erosión que tamén son fonte potencial de impactos sobre a saúde humana, ademais dos efectos do ruído sobre a saúde dos habitantes das poboacións próximas ás máquinas.

Tamén se denuncian as afeccións sobre a paisaxe nunha área, subliñan as nacionalistas, incluída dentro das zonas de maior exposición visual no Catálogo das Paisaxes de Galiza, e cun deseño do polígono que incumpre “de modo flagrante” as Directrices da Paisaxe Galega, en particular os Obxectivos da Paisaxe no seu punto 12, referido á necesidade de planificar “explotacións extractivas nas serras (…) segundo criterios acordes cos valores paisaxísticos e coas adecuadas dimensións, minimizando o seu impacto visual” (12C.2) e tendo en conta “o seu efecto acumulativo na paisaxe” (12C.3); así como a Directriz 16.

O BNG de Celanova, que a semana pasada presentou unha moción para o seu debate no pleno do próximo día 7, na que solicita do Concello de Celanova que tramite de maneira urxente a catalogación da área da Casa da Neve como lugar a protexer como paso previo á realización dunha prospección arqueolóxica, reclama nas súas alegacións que “tendo en conta a relevancia histórica, monumental e cultural de Celanova e o potencial arqueolóxico por descubrir, debe prevalecer o interese cultural e arqueolóxico sobre o aproveitamento enerxético”.

SINERXIAS PERIGOSAS. Finalmente, as nacionalistas tamén advirten neste primeiro escrito de oposición a respecto da situación do polígono proxectado en relación a novos proxectos a desenvolver e recollidos no Plan Eólico Sectorial de Galiza. O polígono construiríase a uns 4 quilómetros do límite da Reserva da Biosfera Transfroteiriza Gêres-Xurés, a 3 quilómetros da Reserva da Biosfera da Área de Allariz, e a uns oito quilómetros o noroeste dunha área de REDE NATURA 2000, “polo que é sensato concluír que se toparía nun espazo susceptíbel de ampliación futura da Rede, impedindo ou dificultando esa figura de protección, cando menos, nos próximos 25 anos”.

Os propios promotores asumen que a proximidade ao parque eólico do Vieiro (19 aeroxeneradores en funcionamentos desde o 200) producirá “efectos sinérxicos en explotación no referente ao ruído, a fauna e a paisaxe”. Sobre a fauna, sinala que eses efectos sinérxicos poden “aumentar o risco de colisión da avifauna e dos morcegos”. Ademais, recoñece que no caso da paisaxe cabe esperar “unha imaxe de continuidade podendo xerar fatiga no observador”.

O BNG de Celanova tamén compartiu publicamente un resumo das alegacións en formato adaptado o rexistro dixital que está a ser utilizado por cidadás e cidadáns en todo o país para opoñerse a diferentes proxectos en marcha. Este resumo pódese consultar na web comarcal (https://celanovabaixalimia.bng.gal/).

PUBLICIDADE