Advirten da complicidade do PP e DO no “cambiazo” das dedicacións e lembran que, sospeitosamente, ambos grupos negáranse a debater a a proposta retributiva formulada polo alcalde no pleno de xaneiro
Anuncian que buscarán apoios para mudar o Regulamento Orgánico Municipal, despois de que o alcalde interrompera constantemente o debate, “facendo do pleno o seu plató de televisión”
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense critican que o PP diga “con Villarino, si” para “encher os petos” pero “con Villarino, non” para darlle a Ourense un goberno estable, empregando a técnica de “esfollar a margarida” para decidir o futuro da cidade e mudando o “veto” ao voceiro socialista en función dos seus intereses monetarios. “Quen parte o peito berrando Ourense, Ourense, Ourense, debería dicir billetes, billetes, billetes e todo pola pasta”, condenan os socialistas, ao tempo que lamentan que os populares “anden ben rápidos” cando se trata das súas retribucións pero “dean largas” cando se trata de darlle á cidade “o goberno que merece”.
Así o manifestou Rafa Villarino, logo de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, presentara para aprobación do pleno municipal unha proposta sobre o réxime retributivo dos membros corporativos que, sospeitosamente, “tanto o PP como DO se negaron a debater na sesión plenaria de xaneiro”. Neste sentido, os socialistas aféanlle ao Partido Popular que, trala “espantada do bigoberno” quixera “colar o cambiazo das trece dedicacións exclusivas ou parciais dos concelleiros do PP” e agora busque o apoio dos socialistas tralo fracaso da reedición do “pacto da vergoña”.
Villarino lembrou que, na comisión de pleno de decembro de 2020, “en troques de presentar un documento coas 2,5 dedicacións sen competencias acordadas, entregouse unha proposta con 13 dedicacións que incluía as mesmas que tiñan DO e PP cando cogobernaban, e que xa fora retirada da orde do día da sesión plenaria do 9 de novembro de 2020 por 25 votos a favor de todos os grupos”.
“Cando lle advertimos a Jácome que a estrataxema era demasiado evidente, recuou e xustificouse argumentando que se confundira”, detallou o voceiro socialista en relación ao “cambiazo das dedicacións”, ao tempo que asegurou que “as trampas dos populares coa complicidade de Jácome quedaron retratadas” e instou ao PP a “mudar o seu xeito de facer política”. “Busquen o acordo, unan forzas, e terán algo máis que dedicacións: terán dignidade!”, concluíu Villarino.
O show do alcalde
Por outra banda, os socialistas anuncian que buscarán apoios para mudar o Regulamento Orgánico Municipal, despois de que o alcalde se dedicase a interromper constantemente o debate, “facendo do pleno o seu plató de televisión”.
Neste sentido, os socialistas censuran a utilización da presidencia do pleno por parte do alcalde para impoñer os seus propios tempos e monopolizar o debate, e advirten que porán freo ante o que consideran “unha mostra máis dos abusos do alcalde”. “Rematou o tempo do business, e vai rematar o tempo do show“, recalcan dende o grupo municipal socialista.