Carlos Sampayo e Álex Cid completan á alza a primeira xornada do Rally Sanremo Storico
O equipo ourensán foi mellorando os seus cronos durante o día para finalizar na posición 18 da xeral no Campionato de Europa de Históricos
Fin da primeira xornada de competición para o equipo ourensán Aukor Racing formado por Carlos Sampayo e Álex Cid, que na súa primeira proba dentro do programa que lles levará a disputar o Campionato de Europa atópanse na posición 18 da xeral do Campionato de Europa e primeiros na clase E3 (43º na clasificación conxunta co campionato de Italia), despois da disputa dos seis primeiros tramos cronometrados.

Un debut competitivo co evolucionado Renault 11 Turbo fronte a monturas máis potentes e ante os especialistas italianos, que se salda con bo sabor de boca. Conscientes da dificultade da cita transalpina e sen apenas quilómetros sobre o coche antes do shakedown disputado o xoves, Sampayo e Cid foron mellorando os seus tempos de forma progresiva, conscientes de que o obxectivo pasa por sumar quilómetros e puntos dentro da categoría FIA na que compiten a E3.
Tras os primeiros 52 quilómetros de competición, Carlos Sampayo e Álex Cid disputarán este sábado as oito especiais restantes (76 quilómetros) coa mesma mentalidade, a de aprender un pouco máis sobre o coche e ir mellorando os tempos co paso das especiais, tal e como sucedeu na xornada inicial.
Carlos Sampayo: “Estamos moi contentos coas posibilidades de evolución do Renault 11 Turbo. En posibilidade de reglajes estamos moi lonxe do óptimo, pero é o primeiro rally e o obxectivo é evolucionar. É unha proba para aprender e entender as melloras que incorporamos esta tempada. Sabemos que temos moito traballo por diante, pero estamos a gozar da proba e o coche está a funcionar á perfección. Tamén estamos moi contentos co resultado polo momento, así que todo perfecto. No próximo rally sairemos máis fortes con todo o que estamos a aprender”.