A central do río Cerves foi construída a partir dunha concesión da Xunta en 1990 e as súas instalacións repártense entre os concellos de Melón e Ribadavia, ubicándose en Prexigueiro as turbinas de xeración eléctrica.
Diante da proximidade da caducidade da concesión de aproveitamento hidroeléctrico no río Cerves en 2025 e tendo en conta a prolongada tramitación administrativa que de xeito habitual supoñen estes procedementos, propomos ao pleno municipal deste mes de abril a adopción dun acordo demandando da Xunta que dicte a reversión do aproveitamento hidroeléctrico do Cerves á xestión pública unha vez que se produza a súa caducidade en 2025, a fin de que o seu aproveitamento se realice con fins de utilidade pública e interese social de xeito que este recurso actúe como vector de crecemento económico no territorio en que está implantado.
O actual réxime de concesións supón que a empresa concesionaria explota un recurso público sen compensación algunha para o territorio do que se extrae dito beneficio xa que non existe compensación nin reparto de plusvalías coas comunidades veciñais, concellos ou entidades locais.
A reversión do aproveitamento hidroeléctrico no río Cerves deberá permitir unha protección efectiva do entorno natural do curso de auga, que está declarado “tramo de interese medioambiental”.
ANEXO:
MOCIÓN
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A concesión do aproveitamento hidroeléctrico do río Cerves finaliza en 2025. As súas instalacións repártense entre os concellos de Melón e Ribadavia, ubicándose en Prexigueiro as turbinas de xeración eléctrica.
A proximidade da caducidade da concesión é unha oportunidade para:
– a protección medioambiental. En 1990, Unión Eléctrica Fenosa, S.A. obtivo da Xunta a concesión dun caudal de 1.000 l/s do río Cerves, ampliado ata os 2.200 l/s en 1999, a piques de entrar en funcionamento a central hidroeléctrica, polo que é necesario incrementar do caudal ecolóxico e cumprir a propia consideración por parte da Confederación Hidrográfica Miño Sil do río Cerves como “tramo de interés medioambiental”
– a posta en marcha dunha explotación pública que coloque o salto hidroeléctrico ao servizo do desenvolvemento do noso país, en especial dos concellos nos que se asenta e que non reciben beneficios da actual explotación. O actual réxime de concesións supón que a empresa concesionaria explota un recurso público sen compensación algunha para o territorio do que se extrae dito beneficio xa que non existe compensación nin reparto de plusvalías coas comunidades veciñais, concellos ou entidades locais
– asegurar que o aproveitamento hidroeléctrico sexa compatible co desenvolvemento da Vila Termal de Prexigueiro ou calquera outra actividade local relacionada co Cerves
Por estes motivos propomos ao Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1. Instar á Xunta a levar a cabo as actuacións necesarias para reverter o aproveitamento hidroeléctrico do Cerves á xestión pública unha vez que se produza a súa caducidade en 2025, a fin de que o seu aproveitamento se realice con fins de utilidade pública e interese social de xeito que este recurso actúe como vector de crecemento económico no territorio en que está implantado.
2. Instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e máis á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a que fagan efectiva a resolución da concesión administrativa do aproveitamento hidroeléctrico do Cerves en 2025, tramitando os expedientes de reversión sen retrasos e sen caducidades de expedientes, recuperando a xestión pública e modificando as disposicións legais pertinentes para garantir simultáneamente un instrumento que asegure a tributación municipal e a reversión de beneficios aos concellos e comunidades veciñais