Os senadores do PP cualifican de “fracaso” a xestión do ingreso mínimo vital realizada polo Goberno

Na actualidade, o total de solicitudes rexistradas é de 6.114, das que se denegaron 2.730 e aprobáronse 1.370

 “Isto significa que o número de peticións denegadas mantense por encima do 65 % e que as aprobadas só representan o 22,41 % das presentadas, mentres preto de 2.000 familias ourensás aínda agardan por unha resposta”, denunciou Jesús Vázquez

AVANTAR ACTIVIDADES

“A xestión do ingreso mínimo vital por parte do Goberno é un fracaso e unha mostra de insensibilidade cara ás familias máis necesitadas, que no caso de Ourense están a ver como se denegan a meirande parte das súas solicitudes, das que preto de 2.000 aínda están pendentes de resposta”. Así o denunciou o senador popular Jesús Vázquez logo de recibir os últimos datos facilitados polo Executivo sobre a tramitación destas axudas, en resposta a unha interpelación realizada xunto aos seus compañeiros ourensáns, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco José Fernández.

Vázquez criticou que “case un ano despois de anunciar a bombo e prato esta medida, os obxectivos que se marcou o goberno non se están a cumprir”, engadindo que “segundo un informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) o gasto previsto neste ano para esta prestación só alcanzará o 50 % do obxectivo proposto polo Ministerio de Seguridade Social”.

O senador popular destacou que “pouco ou case nada adiantouse na xestión das axudas desde os últimos datos facilitados a principios de febreiro e requiridos no seu momento polos deputados ourensáns no Congreso”. Daquela, na provincia de Ourense presentáranse 5.627 solicitudes, das que 2.444 foron denegadas e 1.179 aprobadas. “É dicir, que o Executivo denegou entón o 67,45 % das peticións tramitadas nun momento de gran vulnerabilidade  económica e social”.

Na actualidade e segundo a información facilitada aos senadores, o total de solicitudes rexistradas é de 6.114, das que se denegaron 2.730 e aprobáronse 1.370. “Isto significa que o número de peticións denegadas mantense por encima do 65 % e que as aprobadas só representan o 22,41 % das presentadas, mentres preto de 2.000 familias ourensás aínda agardan por unha resposta”, denunciou Jesús Vázquez

Vázquez advertiu que seguirán a esixir datos actualizados sobre a tramitación do ingreso mínimo vital para controlar a xestión do Goberno, “e que a sociedade coñeza a falta de compromiso sobre unha medida que a coalición entre socialistas e podemitas só utiliza como marketing, pero sobre a que non imos cansar de esixir medidas urxentes para axilizar a súa tramitación”.